A Cidade que soñou Manhattan

Hai que recoñecelo: o skyline é atractivo, dá un perfecto fondo de foto, ademais de ser moi pouco usual nas cidades centroamericanas.

Que pasa en Cidade de Panamá? Por que este denso bosque de rañaceos nunha capital como moito de segunda orde a nivel mundial? Por que os multimillonarios ingresos do Canal van dirixidos a este forzado exhibicionismo nunha cidade pouco poboada e rodeada de moito espazo para medrar?

Hai que camiñar polas súas rúas e constatar que, coma en moitos outros destinos, é unha postal turística que admite mal o zoom fotográfico. A clase dirixente ten preferido asemellarse ós estereotipos urbanos norteamericanos (mais ben de provincias) en vez de poñer en valor o seu forte carácter latino. É apostar ó cabalo gañador pero…

Casco Viejo

Sendo sinceros… Cidade de Panamá non emociona. Fáltalle forza e personalidade. Os seus rañaceos miran para o alto, pero ós seus pés son poucas as cousas que acontecen e que paguen a pena. Aínda así as nosas dúas xornadas transcorren agradablemente.

De feito, as numerosas veces que temos que atravesar polo barrio de “El Chorrillo”, situado xusto ó norte de Casco Viejo, onde nos aloxamos, amosan unha realidade que a morea de rañaceos non é capaz de ocultar. Barrio moi popular e deprimido economicamente, cheo de xente na rúa as 24 horas, onde liortas, axustes de contas e balaseras son o pan de cada día. Son moitos os barrios nada chéveres onde aconsellan non ir.

Coma sempre impoño a miña filosofía viaxeira de que o visitante, se é que quere aproveitar a súa visita, debe procurar só o que o destino ten para ofrecer. Non pedir imposibles nin impoñer necesidades ridículas.

 -CASCO VIEJO-

Unha boa nova! Despois de moitos anos de degradación urbanística, dunha paisaxe de edificios esmorecendo, vivendas ocupadas e ambiente máis que perigoso, Casco Viejo volve renacer. Nun estado entre a medio caer e a medio renovar, a declaración feita pola UNESCO no ano 2003 como Patrimonio da Humanidade parece ter sido o pulo necesario para darlle unha nova vida a este barrio. As arquitecturas xa restauradas dan unha idea do impresionante do seu aspecto nos seus mellores momentos. Haberá que volver nuns anos para ver rematado o traballo. Hoxe Casco Viejo xa é seguro para camiñar, incluso pola noite, e os seus restaurantes enfocados a poderes adquisitivos medios e altos, as tendas de artesanía e os coquetos bares e cafés éncheno de vida a partir de media tarde.

Visitando o interesante patrimonio desta zona da cidade coincidimos cunha curiosa e colorista ofrenda no valado da Catedral. Unha vez ó ano, os crentes católicos deixan constancia das súas peticións. E digo católicos por que hoxe en día son multitude as igrexas cristiás que afloran por toda Centroamérica. O catolicismo está a perder a batalla nun dos seus bastións tradicionais. Pero deixemos que sexa o coidador da Catedral o que nolo explique…

IMG_8407IMG_8415IMG_8412

-MERCADO DO PEIXE-

Aquí si, hai que vir. Mellor á hora do xantar e os sábados pola tarde. Ambiente popular a ritmo caribeño. Músicas un tanto anódinas pero que acompañan perfectamente as múltiples variedades de cebiche, peixes (a corvina, a raíña!) e os saborosos mariscos locais. Ó mediodía ou pola tarde paga a pena entrar no mercado e ver os curiosos nomes dos postos de venda «El auténtico rey de reyes», «El Nazareno», «Jesucristo única esperanza» y «La sangre de Cristo tiene poder», entre outros. Parece que España e a súa relixión importada e imposta si deixaron forte pegada hai xa cincocentos anos. Estamos principiando a nosa viaxe, pronto constataremos que a presenza das relixións e de Deus é unha obsesión colectiva nestes países do istmo americano.

Caribeño a tope!IMG_8441IMG_8454

-UN GEHRY CARIBEÑO-

Panamá, como economía nun momento de prosperidade, busca pezas arquitectónicas de autor que axuden a proxectar o seu nome.

A nova oferta cultural tanto para o público local coma para os visitantes é o acabado de rematar e colorista (mais ben rechamante) Museo da Biodiversidade, do mediático arquitecto canadense Frank Gehry, autor do Museo Guggenheim de Bilbao. Gehry mantén a capacidade de sorprendernos, pode gustar ou non, pero nunca deixa indiferente. Fíxoo no Guggenheim e faino de novo. Materiais construtivos menos ricos, pero se cadra máis exhibicionistas seguindo o ritmo do país.

Este novo fito arquitectónico está ó comezo da Calzada de Amador ou Amador Causeway (os anos de influencia do USA nótanse dabondo!), unha estrada artificial sobre o mar para unir á terra firme as illas de Naos, Culebra, Perico e Flamenco. Un agradable paseo con vistas ó Canal e á Ponte das Américas. Desgraciadamente, a oferta lúdica das illas é tan pretensiosa coma a da propia cidade.

 

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.