Cedo, moi cedo pola mañá, collemos a estrada Panamericana cara ó norte. En Los Llanos metémonos por unha curiosa estrada de montaña que nos fai lembrar unha montaña rusa.
Xa estamos na comarca de Guna Yala, coñecida ata o ano 2010 como Kuna Yala e anteriormente como San Blas. Un territorio ocupado polo pobo indíxena Guna, que goza da maior autonomía de tódolos pobos indíxenas do continente americano. Habitan nunha estreita franxa de territorio costeiro ata a fronteira con Colombia, ademais de 36 illas no Mar Caribe entre as 365, unha por cada día do ano, que son da súa propiedade.
Chegamos ó austero porto de Cartí, pasada a antiga pista de aterraxe que durante moito tempo foi a única vía de acceso a este territorio. De aquí parten as barcazas rápidas que nos achegarán ás microillas que se estenden polo Golfo de San Blas.
As illas, unha imaxe estereotipada do paraíso. Pero que ninguén me entenda mal, non hai sospeita de ironía nesta afirmación. Síntome realmente no paraíso. Non sei se aguantaría moito máis dos tres días da nosa estadía, pero coido que o problema é meu. Os microespazos limitan a miña imaxinación.
A maioría das illas do arquipélago son pequenas, entre cen e douscentos metros de diámetro, completamente chas, de area branca e fina, unha chea de árbores de cocos e rodeadas por auga quentiña e transparente. Por riba, os Guna saben pescar centolas Rei, tamén lagostas, e cociñalas (cun aprobado alto) por valores que van dende os 6 ata os 20 dólares americanos.
Nada máis que dicir, hai que vir e velo. Coido que é un destino infravalorado que sufrirá paulatinamente o acoso turístico nun futuro próximo. Ademais das illas habitadas polos propios Guna, xa son moitas as que teñen algún tipo de desenvolvemento turístico, dende o máis básico ata certos niveis de luxo. Tamén son xa numerosos os voos en avioneta que dende Cidade de Panamá aterran directamente nalgún dos pequenos aeroportos deste territorio.
Varias recomendacións:
– Non deixar de visitar algunha illa poboada polos indios Guna. Non son bonitas e os indíxenas amosan certo descoido da súa contorna, pero axudan a entender a un pobo cunha cosmogonía propia moi interesante. No audio podemos escoitar como o Secretario do Congreso Nacional Guna das illas Cartí, máxima autoridade desta comarca, nos explica a creación do mundo segundo as súas crenzas. Non é doado entender esa mestura de castelán con expresións indíxenas para unha visión tan particular da súa relixión…
– A meteoroloxía é moi importante para poder gozar destas illas e de Panamá en xeral. Fóra de tempada alta, vanse conseguir mellores prezos e ter menos problemas para atopar aloxamento pero, ó mesmo tempo, os días anubrados, con choivas intensas provocan unha atmosfera amodorrada e os destinos parecen estar en baixa forma.
– Coidado cos cocos!!! Nas illas de San Blas e debido á superpoboación de cocos é preciso ter conta coa caída de cocos. Este froito pode superar os dous quilos de peso e as árbores chegar a máis de 30 m de altura. Facede contas. A verdade é que non hai estatísticas fiables pero dáse por aceptado que son unhas 150 as vítimas de caída de cocos ó ano. Dez veces máis cós nadadores atacados polas quenllas!