Voo madrugador (aquí todo é moi madrugador) de Air Panamá dende o aeroporto de Albrook (un dos tres de Cidade de Panamá) con destino ó novo resort chic do Caribe continental, xa preto da fronteira con Costa Rica: Bocas del Toro.
O sono pesa moito, demais; se engadimos o jet lag, froito das sete horas de diferenza coa hora española, ós costumes horarios locais, fai que teñamos (e teremos ó longo da viaxe) moito sono, sempre.
A aterraxe en Bocas del Toro, capital da provincia do mesmo nome ó nordés de Panamá, en Isla Colón, xa de seu paga a pena. A pista de aterraxe, que comeza no mar, remata na mesma cidade, coma unha rúa máis. Bocas, cidade? Bocas, malia o seu rango de capital de provincia, non deixa de ser unha tranquila vila cun sosegado ritmo caribeño e oferta propia moi limitada. Quero dicir que hai suficiente oferta para os visitantes: aloxamento, restauración e miles de posibles excursións (resumindo non deixan de ser tres ou catro opcións e múltiples provedores); pero para o que se agarda dunha capital de provincia moi distanciada do centro económico do país… é limitadísima.
Antes de seguir fago un aviso a navegantes: o euro non é benvido como moeda na maioría de países centroamericanos. O dólar estadounidense é o rei. O euro ou simplemente non existe para o cambio ou o seu contravalor en moeda local é realmente malo. En Bocas del Toro a única opción boa é tirar dólares do único caixeiro (se é que funciona e ten cartos dispoñibles) do único banco que hai na cidade. Outras opcións peores son cambiar euros por dólares 1×1 na tenda do sinxelo aeroporto ou negociar cos comerciantes chineses (unha auténtica praga en Panamá), que facilitan dólares con cargo á tarxeta Visa e unha comisión do 10%.
Saímos do edificio principal e, malia a ampla oferta de taxis, en cinco minutos a pé poñémonos na rúa principal, Calle 3, de Bocas del Toro e no noso aloxamento.
Son días de praia, moita praia, e bonitos percorridos en barco por Isla Bastimento, Isla Colón, Cayo Coral, Cayo Zapatilla, Bahía de los Delfines, Isla de los Pájaros e as praias Bluff, Red Frog, de las Estrellas… Hai que evitar a praia do Drago, única practicamente accesible por minibús regular. Simplemente non hai praia.
Agora estou a escribir no bonito restaurante do extremo oriental da praia Red Frog. Unha varanda mirando cara a unha das praias máis amplas da zona (a única que realmente se asemella a unha praia galega), un día soleado, unha fresca cervexa local Balboa e un espectacular cebiche. O viaxar proporciona momentos marabillosos…
Menudas vistas desde la terracita, totalmente paradisíaca la playita. La cerveza que cuentas y la compañía. PERFECTO