Costa Rica, visto e non visto

Costa Rica non entraba na ruta. É unha teima miña: os destinos preferidos polos españois á hora de viaxar provócanme certo rexeitamento. Son varios os países que teño aparcados por esta razón e, cando chegue a hora de visitalos, posiblemente me fagan cambiar de opinión. Son dos que gusta mesturarse coa poboación local mais que cos outros visitantes. Escoitar falar castelán coas entoacións propias de España faime sentir nunha vivencia temporal e lémbrame o feito de ter que regresar, máis cedo ou máis tarde, ao cotián. Tamén teño que recoñecer que unha oferta baseada en exceso na Natureza, primeiro recurso turístico de Costa Rica, me dá preguiza, non é o meu. Polo tanto, e como resumo, Costa Rica non estaba nesta ocasión na listaxe de países a visitar.

Foi a escasa oferta de voos para chegar dende Bocas del Toro á Cidade de Belice o que nos obrigará a facer un alto de 24 horas en San José.

Presentámonos con dúas horas na terminal do aeroporto de Bocas del Toro, non moito máis grande que algúns dos chalés da nosa terra. O rimbombante título de Aeroporto Internacional venlle dado por que ademais das dúas conexións diarias de Air Panamá coa capital do país, a compañía “tica” Nature Air opera varias veces á semana un voo a San José. Despois duns trámites penosos que bloquean a operatividade de toda a terminal, os escasos pasaxeiros ocupamos tan só sete das dezanove prazas das que dispón o avión. O voo dunha hora a baixa altura converte as amplas fiestras do De Havilland DHC 6 twin otter nun asombroso miradoiro sobre as verdes paisaxes que sobrevoamos.

A fama da pouca beleza de San José de Costa Rica é de sobra coñecida e por esa razón tiñamos xa contratada a recollida na terminal do aeroporto para saír cara ó norte e así gozar dunha nova experiencia: canopy, coñecido polos nosos lares como tirolina. Costa Rica, exemplo a imitar en moitos temas polos outros países de Centroamérica, ten moi desenvolvida a súa oferta de natureza. En canopy foron pioneiros e ofrecen as mellores experiencias para os atrevidos.

Viaxamos unha hora e media polo Valle Central ata preto da cidade de San Ramón. A selva tropical e o leito do río Cataratitas é a contorna na que doce cables de aceiro nos fan sentir paxaros, Tarzán e incluso Supermán. O voo de case 500 m de longo e máis de 100 m de altura sobre a canle do río, simplemente extraordinario. Non é barato pero paga a pena. Despois tempo para comer un casado, prato nacional composto de arroz, feixóns, iuca, plátano fritido e unha mini-ensalada acompañando o elemento principal: carne de res, polo ou peixe.

De regreso a San José constatamos que a súa fama non é desmerecida: fea, moi fea e cutre. Cuns atractivos turísticos de segunda… perdón, de terceira rexional. Pero, velaí, hai vida! Despois de Cidade de Panamá e a súa insulsez americanizada, San José é unha cidade de ritmo mediterráneo, aínda que non de aspecto. A xente enche as rúas peonís e por ser noite de sábado, aire de festa. A fama é tamén de perigosa, é posible, pero hai certa tendencia a demonizar as cidades centroamericanas. Nós non vimos nada fóra do usual.

O interesante de coñecer os sitios de primeira man é ter fundamentos para cambiar de opinión. Costa Rica respira ben, séntese a amabilidade extrema dos seus habitantes, perfectamente resumida no seu enigmático e habitual saúdo “PURA VIDA”.

Coido que Costa Rica acaba de incorporarse á listaxe das miñas próximas saídas como INDISPENSABLE!!!

2 comentarios en “Costa Rica, visto e non visto

  1. ¡Uauuu! ¡Qué envidia! Seguro que la adreanalina te rebosa mientras te balanceas en la selva! Ahora mismo me enganchaba al cable. El equilibrio entre terror y emoción debe ser impresionante.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.