O mundo está a globalizarse e a situación no sector aéreo é unha mostra evidente. Un exemplo: comprei un billete para a viaxe dende San José á Cidade de Belice voando coa compañía aérea colombiana Avianca e, aínda que a reserva xa adiantaba que o traxecto San José/Managua/San Salvador sería realizado baixo as siglas da antiga compañía costarriqueña, LACSA, e operado cun avión da guatemalteca Aviateca, finalmente voamos coa compañía salvadoreña Taca Regional. O traxecto entre San Salvador e Cidade de Belice seguiu a mesma tónica. Hoxe en día o mapa de América, dende Guatemala á Arxentina está a ser repartido entre dous grandes grupos aéreos que, nun proceso de absorción de compañías rexionais, van fortalecendo os seus dominios. A colombiana Avianca, no seu feudo dende Perú a Guatemala, e a chilena-brasileira LAN-TAM, dende Ecuador ata Tierra de Fuego. Pero esta situación non impide que as comunicacións entre as capitais centroamericanas sexan menos frecuentes do desexable e que os escasos voos teñan niveis de ocupación baixos.
Despois de pagar o imposto revolucionario de 29 US$ que Costa Rica cobra como taxa de saída e de realizar os tres voos mencionados, chegamos á Cidade de Belice. No mesmo aeroporto o persoal das pequenas compañías belizenses Tropic Air e Maya Airlines ofrécenos os seus voos cara ás illas do arrecife de coral, incluso incentivan a compra cun 10% de desconto. Decidimos baixar en taxi e embarcar no último barco a Caye Caulker, mellor de prezo e con sabor local. O pouco que vemos da antiga capital de Belice (a nova, Belmopan, foi “inventada” a partir de 1970 despois dun forte furacán que destruíu Belice City) convida a seguir camiño. A reputación desta “metrópole” de 80.000 habitantes como moi perigosa invita a acelerar o paso aínda máis. A breve visita realizada á nosa volta das illas confirma a sospeita: Cidade de Belice ten un moi longo percorrido para ser destino turístico.
Caulker e Ambergris son dúas illas preto do arrecife coralino máis extenso do hemisferio norte. As motoras super-rápidas que transportan xente e mercadorías demoran tan só 45 minutos a Caulker e unha hora e cuarto a Ambergris. As dúas illas teñen unha serie de realidades que as asemellan: poboación multirracial (maias, afrocaribeños, mexicanos…), carriños de golf como principal medio para moverse, prezos excesivamente descompensados, unha clientela maioritariamente estadounidense e, definitivamente, ausencia total do que en Galicia considerariamos unha praia, praia. Todo adobado cunha graciosa mestura de spanglish.
Quedamos tan só un día en Caulker. A parte visitable é moi pequena actualmente, un forte furacán abriu unha canle de auga que se agrandou co tempo e separou a capital do resto do territorio da illa. En aproximadamente dúas horas pode ser percorrida a pé. A pequena e tranquila capital, así como a ausencia de vehículos, faina moi agradable, pero a proximidade da turística Ambergris obríganos a facer de novo as maletas pensando que tería algo interesante que ofrecer. Pero…
Hai que adiantar que a “capital” de Ambergris é San Pedro. Supostamente, a cantante Madonna inspirouse neste lugar para a letra da súa arquicoñecida “La Isla Bonita”. Ela nin confirmou nin desmentiu tal inspiración, xa que naquela data gustaba de visitar co seu marido, Sean Penn, unha vila norteamericana chamada San Pedro Town. O Goberno belizense aproveita intelixentemente o tirón que ten a cantante para a súa promoción turística. Así e todo, agás ós amantes do mergullo, coido que non hai nada na illa que vaia namorar a un visitante galego. De calquera xeito e para os que teñan interese en se achegar por aquí, recomendo comprobar a tempada de choivas. Á falta de bo tempo, as illas poden resultar claustrófobas.