Facemos o camiño de volta dende Ambergris á Cidade de Belice acompañados por menonitas (cunha importante colonia neste país) e cuadrilleiros rastafaris, para enlazar coa única conexión diaria á cidade de Flores, capital da selva do Petén no norte de Guatemala. E facémolo un día antes do planeado, debido á falta de encanto da illa bonita para engaiolarnos.
Catro horas de furgoneta con tan só outros dous pasaxeiros de nacionalidade holandesa. O condutor fai unha parada técnica nun comercio chinés da última vila antes da fronteira e aproveita para comprar unha morea de produtos de contrabando, sobre todo leite en po, que é a forma máis usual de atopalo nestes países. A mercadoría é perfectamente agochada dentro da furgoneta, mentres facemos os trámites de saída na parte belizense, e resólvese sen problemas o paso da fronteira (supoño que coa colaboración interesada dos gardas correspondentes). Unha realidade que nos chamou moitísimo a atención é o feito de que hoxe en día os chineses son unha presenza constante en Panamá e Belice, cun dominio absoluto sobre a rede de tendas de comestibles.
A chegada a Flores reconfórtanos. Esta pequena cidade ocupa totalmente a superficie dunha illa no lago Petén-Itzá, unida a terra firme por un istmo construído polos homes. Flores ofrece un encanto colonial que botamos de menos en Belice. Por riba, os prezos son moito máis razoables e o trato cos guatemaltecos moi agradable. É unha mágoa que Guatemala arrastre sona de país perigoso, indubidablemente xustificada no pasado, e aínda certo segundo zonas e cidades, cando o seu pobo amosa tanta amabilidade. Por outra banda, tamén agradecemos ver como a maioría de países hispanoamericanos conservan formas galantes e corteses na conversa que en España xa se perderon.
Son tres días visitando as ruínas de Tikal, coa máxica estética dos cómics de Tintín, e as menos coñecidas de Yaxhá. Imprescindibles nunha viaxe por Guatemala. Ó pasado dunha gran civilización engádese a vida cotiá dos seus descendentes, nun dos países de América con maior porcentaxe de poboación indíxena, o que o converte nun espectacular museo etnográfico ó aire libre.
En Tikal e resgardados dunha tormenta durante hora e media, convivimos cun amplo grupo de indíxenas que improvisan un pícnic e cunhas iluminadas salvadoreñas que invocan á Pacha Mama aproveitando a suposta forza e enerxía dun lugar como Tikal. Podedes seguir a invocación no seguinte vídeo.