No altiplano chapín

IMG_8871IMG_8922IMG_8883

Chapín é o alcume dos guatemaltecos, nome con orixe nun tipo de zapato utilizado polos españois e semellante ó utilizado pola poboación indíxena do que hoxe é Guatemala. Pero volvamos á viaxe!

Estamos maiores, non me canso de dicilo! As miñas ansias de coñecer non teñen diminuído co tempo e a miña curiosidade vai a máis se cabe… pero o feito de sufrir percorridos en bus por enriba das seis horas de viaxe dáme preguiza. Por esa razón, reservamos o voo de mañá cedo entre Flores e a capital, Cidade de Guatemala.

Xa en CG un taxi achéganos a unha avenida confusa dos arrabaldes que funciona como estación de parrilleras con destino ó Lago Atitlán. As parrilleras son outra constante de Centroamérica, autobuses destinados orixinalmente ó transporte escolar nos USA que, despois de dez anos ou de percorrer 240.000 km, son poxados e trasladados a estes países. Os propietarios engaden logo o seu estilo propio, dende imaxinería e mensaxes relixiosas ata elementos rechamantes e horteras propios das nosas tendas de todo a cen. Á parrillera que collemos para chegar ó lago imos darlle un 10 en sabor local, pero un suspenso absoluto en comodidade. Tres horas infernais pola autovía Panamericana, chea de curvas, ata o cruce de camiños coñecido como Los Encuentros. Non menos de trinta vendedores subiron para ofrecer cremas, larpeiradas e cousiñas de pouco valor.

En Los Encuentros, e ante a perspectiva de ter que coller outros dous autobuses locais, a Sololá e dende alí a Panajachel, decidimos pagar un taxi. Recomendo colocarse no lado dereito do vehículo, xa que é unha baixada moi pronunciada que amosa unha panorámica belísima do lago. Atitlán é un lago profundo a uns 1.500 m sobre o nivel do mar que ofrece un escenario de conto; as perfectas siluetas dos volcáns San Pedro, Tolimán e Atitlán, a alturas que van dende os 3.000 ós máis de 3.500 m, son un pano de fondo perfecto que completan o encanto deste lugar. A meteoroloxía impídenos ver durante a nosa estadía unha boa panorámica dos tres volcáns despexados, un anel permanente de nubes coroa o cumio destes titáns. Coido que é unha invitación da Natureza para que volvamos noutra ocasión!

IMG_8896

Son días de excursións en barco para coñecer as principais poboacións do lago, sempre dende Panajachel, que fai as funcións de capital turística de Atitlán. Visitamos San Juan La Laguna, San Pedro LL (así abrevian os paisanos), San Marcos LL e Santiago Atitlán. Non son vilas nin aldeas bonitas. Xa hai moito que perderon o seu encanto indíxena (se é que o tiveron algunha vez). Medraron co mal gusto dos países subdesenvolvidos que non saben interpretar o progreso (diso tamén sabemos algo en Galicia). Pero cada unha destas poboacións teñen interesantes atractivos que ofrecer. O máis salientable é un xeito peculiar de entender a pintura indíxena en San Juan e San Pedro LL, onde ducias de indíxenas maias descubriron a súa capacidade de pintar un mundo propio, realizando obras creativas e coloristas coa visión cenital que tería un paxaro e, máis recentemente, coa perspectiva dunha formiga que mira dende abaixo. Tamén circuítos con guías locais para coñecer a ruta dos teares ou a ruta cafeteira. En Santiago Atitlán a cita é con Maximón, deidade maia do altiplano chapín e suposta mestura de deuses maias con Pedro de Alvarado (conquistador de Guatemala) e Xudas Iscariote. IMG_8912 IMG_8914

Tamén chamado San Simón, é unha escultura de madeira, fumadora e moi milagreira que recibe numerosas ofrendas comestibles e bebibles da poboación local. A figura descansa na casa dun membro de honor dunha das confrarías (irmandade maia católica) de Santiago durante un ano, sendo rotativo entre as diferentes confrarías. Pero escoitemos ó seu confrade maior…

Completamos os días en Atitlán con dúas escapadas. A Quezaltenango, máis coñecida como Xela (do seu nome maia Xelajú), e ó mercado indíxena de Chichicastenango, un dos mercados máis colorista e interesante de Centroamérica (xoves e domingos).

-QUEZALTENANGO (XELA)-

Xela é unha cidade do altiplano, ordenada, mantendo certo sabor colonial e aire de grandeza. Pero cun rancio aire de provincias. A pesar de ser a segunda cidade de Guatemala, os seus 200.000 habitantes contrastan coa poboación da capital, que xa supera os 4.000.000. IMG_8908Un feito moi agradable é que non atopamos outros turistas. A viaxe tanto de ida coma de volta facémola en parrilleras locais, onde ós consabidos vendedores de lambetadas hai que engadir un tedioso predicador que durante media hora loa en alto o seu Deus, dando por suposto que tamén é o noso e o de toda a pasaxe do autobús. Aproveito para comentar un feito moi chamativo: o exceso de pequenas igrexas cristiás con tan só discrepancias de matiz nas súas crenzas, e conducidas por predicadores propios de películas norteamericanas, dedícanse a inundar con capelas de dubidoso gusto cada recuncho de Centroamérica.

-MERCADO DE CHICHICASTENANGO-

Chichi (ou Chichicastenango, igual que Xela, Guate por Cidade de Guatemala ou Pana por Panajachel) é unha vila de pouco interese, a non ser polo multitudinario mercado indíxena, onde os produtos locais de necesidade inmediata se mesturan con inxentes cantidades de artesanía local. Sen dúbida, outra das citas ineludibles para os buscadores de huipiles (chambras adornadas con coloridos bordados) de infinitos deseños. En Chichi (dá risa, si) hai tamén dúas interesantes igrexas, San Tomás e a igrexa do Calvario, na praza principal, onde de xeito espontáneo se remexen ritos católicos e maias.

IMG_8910

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.