Dedicamos dous días a Antigua. Mostras da arquitectura colonial española, coma as que adornan esta cidade, fanme reconciliar co período colonial. É un dicir… nada me reconcilia coa explotación, racismo e escravitude, pero é verdade que coa desculpa de impoñer a cultura e, sobre todo, a relixión, ademais de auténticas atrocidades, tamén houbo grandes obras de enxeñería, importantes legados patrimoniais e incluso manifestacións artísticas de fusión moi interesantes. Partindo do negativo do colonialismo, parece que portugueses e españois foron capaces de compensar minimamente o seu latrocinio.
Antigua en Guatemala, como varias cidades mexicanas, ou Quito e Cuenca en Ecuador, Arequipa e Cusco en Perú, La Candelaria de Bogotá e Cartagena de Indias en Colombia, Granada en Nicaragua, Cidade de Panamá… supoñen unha viaxe de varios séculos atrás. Antigua engade unha contorna envolta en tres volcáns, onde o Acatenango e os seus 3.975 m marcan a paisaxe e fan medrar a beleza do conxunto.
Ata 140 establecementos hoteleiros, multitude de tendas de artesanía e centos de restaurantes con buscado aire colonial. Antigua é tamén unha escapada civilizada para as clases media e alta que foxen da agresiva e perigosa Cidade de Guatemala a tan só unha hora de distancia. Os sábados desembarca xentalla da capital que presume con exhibición dos seus carros americanos e europeos, seguindo o mesmo estilo doutros países da zona, onde as clases adiñeiradas amosan o seu nivel social e poder adquisitivo e, de paso, marcan a distancia con indíxenas e clases populares. Chegamos a contar ata tres Porches aparcados un detrás doutro. Vergoñento nun país onde a pobreza é moi evidente e onde, de seguro, a maioría da poboación ten serios problemas para satisfacer as súas necesidades máis básicas. Non é de estrañar a violencia cando parece que hai situacións que tenden a provocala.
Resumindo, Antigua Guatemala (o nome real) é un inevitable nunha visita ó país. Pasear sen présa as rúas, subir ó miradoiro ou gozar coa animada vida local dos sábados pola mañá no Parque Central son algunhas das moitas vivencias agradables que ofrece. Os aventureiros poderán practicar canopy ou facer a ascensión ós volcáns.