Mundo Guanaco

A viaxe está a rematar. Días contados para a volta ó fogar.

IMG_9061

Nos primeiros pasos do deseño destas vacacións, El Salvador ía ser protagonista case absoluto, xunto con Guatemala. Algunhas circunstancias, entre elas rebaixar o custe dos voos, determinaron que incluiramos Panamá, Belice e o noso breve tránsito por Costa Rica. Tamén, e a medida que iamos lendo sobre a realidade do país, decidiamos acurtar a nosa estadía en El Salvador. A súa fama, e moi especialmente a da súa capital, San Salvador, é de violenta, territorio onde sicarios, maras e tiroteos forman parte da vida cotiá da xente do lugar. O simpático colectivo de “pijas” esotéricas salvadoreñas que atopamos en Tikal e Yaxhá tampouco axudaron a relaxarnos cos últimos informes do país. Ó final deixamos tan só tres días para a nosa despedida de Centroamérica.

Visto o visto, decidimos establecer a nosa base no sueste do país, a mellor zona de praias, e dende alí facer escapadas de ida e volta. El Salvador vén a ser dous terzos do territorio galego, aínda que cunha poboación case dúas veces e media maior á do noso país. En seis horas de minibús pómonos dende Antigua ó noso novo destino: Praia Zonte. De camiño coñecemos a tres cataláns. Manel leva xa 15 anos vivindo nesta parte do mundo; Pablo e Judith chegaron dende Barcelona a visitar por primeira vez ó seu vello colega. Aproveitaron para repasar as súas vidas viaxando por Guatemala xa que, segundo palabras de Manel, “El Salvador é limitado”. Entre os negocios de Manel está a xerencia dun hoteliño moi simple na nosa praia de destino. Decidimos aceptar a súa invitación a quedar no hotel Costa Brava e Manel ten a boa idea de sorprendernos cunha gustosa paella sui generis á nosa chegada. El Salvador recibe moi, moi pouco turismo e, como a tempada está a comezar, atopamos que somos e seremos os únicos hóspedes do noso hotel. A relativamente abundante oferta da zona parece non pasar por mellor situación. O turismo nacional (esta zona aliméntase sobre todo da clase media e alta de San Salvador, a menos dunha hora de viaxe) non comezará a facer acto de presenza ata mediados de novembro.

IMG_9079IMG_9071

Estamos ben, extraordinariamente ben. Atoparnos de novo co bo tempo e o mar, un mar con moita forza, é un remate perfecto para a singradura centroamericana. Serán tres días estupendos, desleixados sobre un cantil asomado a unha praia de areas negras, adormecendo ó son das ondas barullentas e rodeados dunha vexetación tropical.

-SAN SALVADOR-

IMG_9084Manel xa nos adiantara que San Salvador pode visitarse en dúas horas. A nós levounos dúas e media. O centro da cidade, que é tamén a parte histórica, ofrece un aspecto moi abandonado. Lumpen, descoidado, sucio, perigoso e territorio exclusivo das clases máis populares. Os guanacos (alcume de salvadoreño) adiñeirados non se asoman por aquí. Coido que o goberno municipal tampouco. Para visitar… unha triloxía de edificios relixiosos: a catedral de aire tropical e rendida á figura do asasinado Monseñor Romero, e as arquitecturas formigonadas da igrexa do Calvario e a do Rosario. A visita á igrexa do Rosario, disfrazada de deteriorado hangar de avións, sorprende cunha particular e interesante arquitectura de coloristas vidreiras. O Mercado Central e o Mercado de Artesanías, moi trapalleiros, pechan a limitada oferta turística da capital do país. Os establecementos apetecibles de aloxamento e/ou restauración, simplemente parecen non existir. A Oficina de Turismo aconséllanos non quedar despois das seis da tarde. Polo tanto, unha vez cumprido o noso deber de bos viaxeiros, fuximos cara á parte nova da cidade, ó centro comercial Metrocentro. Unha mala lingua latrica que cando os sansalvadoreños reciben algunha visita do estranxeiro se dedican a pasear unicamente polos centros comerciais para evitar a vergoña que senten do seu centro histórico. Centro comercial Metrocentro, estándares americanos, ateigado, aquí atopamos tódolos habitantes con posibles que non conseguimos ver no centro da cidade. De novo teño un arrepío de pensar o proceso de cutre americanización USA que asola estes lares. Metrocentro é igual de aburrido que calquera outro centro comercial, polo que decidimos entrar a ver a última película producida polo mexicano Guillermo del Toro, El Libro de la Vida. Este contexto hispano é perfecto para recrearse con esta película de animación sobre un mundo irreal inspirado no día dos mortos mexicano. De excepcional beleza, un “ólé” por Guillermo y por Jorge R. Gutiérrez, o seu novel director.

-PUERTO LA LIBERTAD-

A última mañá decidimos pasala en Puerto La Libertad, importante porto pesqueiro cunha morea de restaurantes especializados en peixe e marisco (baleiros, por suposto) preparados para os da capital nas súas escapadas de fin de semana. Un paisano coméntanos o difícil que é a vida en El Salvador con ingresos de 7 US$ por persoa e día. Os anos de guerra non valeron para nada, sácate ti que me poño eu… Máis do mesmo. A delincuencia vén xustificada de seu. IMG_9092

IMG_9099

Pola tarde viaxamos directamente dende o noso hotel ata o aeroporto de El Salvador; unha viaxe agradable cun bonito solpor de fondo. Reflexivos, imos dando a nosa despedida a estes marabillosos e violentos países de Centroamérica.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.