Al Uruguay, guay, yo me voy…

IMG_9153

Desta volta a viaxe é por mor do meu traballo. Primeira lección: con respecto ó Uruguai temos que comezar (sobre todo os galegos) a deixar de chamalo “pequeno país”. Si o é se o comparamos cos seus veciños (os xigantes Brasil e Arxentina), pero o Uruguai ten seis veces máis superficie que Galicia!!
A primeira vez que estiven hai tres anos foi unha escapada dende Bos Aires. Apenas unha semana para percorrer os tres principais atractivos do país. Días para coñecer a entrañable e pequerrechiña cidade de Colonia del Sacramento, único destino recoñecido pola Unesco como Patrimonio da Humanidade no Uruguai.

Modesta, se a comparamos coas grandes xoias coloniais de América, que se pode visitar nun par de horas… pero cun aquel moi agradable. Nesa viaxe tamén visitei a capital, Montevideo, e o destino de praia máis chic da costa sur americana: Punta del Este. Brasileiros, e sobre todo arxentinos, teñen feito deste recuncho de praias excepcionais un destino cosmopolita; un catálogo de arquitecturas residenciais dignas dunha revista de deseño. Puiden imaxinar as numerosas e seguro exclusivas festas que deben ter lugar en tempada alta. Puiden imaxinar…

IMG_9159 IMG_9168
Volvendo a Montevideo, xa daquela parecía non formar parte da mesma realidade que Punta del Este. Agora vai a peor. Aire de certo abandono, sucidade e unha atmosfera decadente. Falo do centro, logo hai barrios de clase alta como en todas partes. Parece coma se os seus habitantes decidiran ficar parados nos 50´s, pero para mal. No pouco tempo libre que me permite a miña actividade profesional confirmo a miña primeira impresión de hai tres anos. Soamente o Mercado do Porto e a súa oferta de restauración me sacan do aburrimento turístico. Tamén me gustou a costanera, o paseo marítimo que supera os 20 km e bordea o Río de la Plata ata chegar ó exclusivo barrio de Carrasco e á nova terminal de deseño do principal aeroporto do país. A noite… mala, non!… pésima!!. Esmorecendo pouco a pouco. A falta de espazos de encontro que animen as noites de semana, obriga a grandes desprazamentos para atopar restaurantes e bares caros e baleiros. Incluso Carrasco, o barrio da jet, ten pouco que ofertar a non ser as súas moradas de clase alta. Din que o problema está en que a xente nova sae (foxe?) dun país limitado no que acontecen poucas cousas. Din tamén que Montevideo vai camiño de se converter nun refuxio de pensionistas suramericanos, unha Miami do sur, grazas ó seu clima morno e a ofrecer un longo e bo paseo fluvial para tomar o sol. Se cadra é o futuro que lle espera…

Un comentario en “Al Uruguay, guay, yo me voy…

  1. Como siempre Xan, da gusto leer todo lo que escribes y la información que recibimos nos induce a soñar en próximos destinos. Nunca dejes de contarnos cosas!!!!

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.