A outra Fin do Mundo

IMG_9264Ufff!! Por fin remato o traballo e comezo unha nova semana de vacacións. O traballar provócame ansiedade. Como envexo os que necesitan traballar para se sentiren realizados! Eu non me realizo para nada, o meu estado natural é moverme sen présa e improvisar segundo o corpo demanda.

Na miña primeira visita a Chile quixen coñecer as dúas iconas que atraen á maioría de turistas que visitan o país: o deserto de Atacama, o máis árido do mundo, e a insólita e afastada Isla de Pascua, a seis horas en avión dende Santiago de Chile. Nesta ocasión decido que é o momento de viaxar ó extremo sur: Patagonia, Tierra de Fuego, Cabo de Hornos, estreito de Magallanes… nomes míticos que evocan grandes espazos de aventura. Espazos poboados por tribos indíxenas, onde os españois tiveron pouca presenza; espazos que non comezaron a ser coñecidos ata as expedicións inglesas do século XIX. Fareime acompañar do libro Cara ós confíns do Mundo, do escritor Harry Thompson, unha entretida novela que me axuda a interpretar a historia recente desta última fronteira. Grazas Gabi polo teu agasallo! Axúdame a pasar as horas mortas de navegación.
Despois dun voo de tres horas e media comezo a ver pola fiestra do avión unha superficie chá, escasa de vexetación e batida polos ventos. Estou en Punta Arenas pero ben podía ser Islandia. A sensación é moi semellante. O lugar, a luz, o aire, transmítenme boas impresións.

Seguir lendo