Ufff!! Por fin remato o traballo e comezo unha nova semana de vacacións. O traballar provócame ansiedade. Como envexo os que necesitan traballar para se sentiren realizados! Eu non me realizo para nada, o meu estado natural é moverme sen présa e improvisar segundo o corpo demanda.
Na miña primeira visita a Chile quixen coñecer as dúas iconas que atraen á maioría de turistas que visitan o país: o deserto de Atacama, o máis árido do mundo, e a insólita e afastada Isla de Pascua, a seis horas en avión dende Santiago de Chile. Nesta ocasión decido que é o momento de viaxar ó extremo sur: Patagonia, Tierra de Fuego, Cabo de Hornos, estreito de Magallanes… nomes míticos que evocan grandes espazos de aventura. Espazos poboados por tribos indíxenas, onde os españois tiveron pouca presenza; espazos que non comezaron a ser coñecidos ata as expedicións inglesas do século XIX. Fareime acompañar do libro Cara ós confíns do Mundo, do escritor Harry Thompson, unha entretida novela que me axuda a interpretar a historia recente desta última fronteira. Grazas Gabi polo teu agasallo! Axúdame a pasar as horas mortas de navegación.
Despois dun voo de tres horas e media comezo a ver pola fiestra do avión unha superficie chá, escasa de vexetación e batida polos ventos. Estou en Punta Arenas pero ben podía ser Islandia. A sensación é moi semellante. O lugar, a luz, o aire, transmítenme boas impresións.
Sorpresa á chegada ó meu aloxamento. O propietario chileno é un namorado de Galicia!! Despois de vivir dous anos en Ribeira, a “Samarce House” é unha delegación galega na outra fin do mundo.
Teño tan só un día para visitar os puntos de interese e decido comezar polo Mercado de Peixe. O edificio é novo e bastante insípido, pero cheo de pequenos restaurantes con gastronomía local. O camareiro agasállame cun bote enteiro de prebe aji por enriba do meu xersei e pantalóns. Despois dunha breve visita ó meu hotel para mudarme por completo, visito o cemiterio de Punta Arenas. Descoñecía o feito de que aparecese nalgunhas listaxes entre os máis fermosos do mundo. A miña afección pola arquitectura da morte vén de lonxe: a Cidade dos Mortos no Cairo, o cemiterio de Sapanta en Romanía (teño a sorte de ter unha das estelas de madeira na miña casa), o cemiterio de Old Carlton en Edimburgo, a necrópole Cristobal Colón na Habana e o cemiterio xudeu de Praga son algúns dos trofeos da miña colección. Deléitome paseando por este Monumento Nacional coas senlleiras e abundantes sebes fálicas, os mausoleos de clásicas arquitecturas e, sobre todo, coas coloristas tumbas cheas de flores, tanto naturais coma plásticas. Os nichos de decoración charramangueira tampouco teñen desperdicio. No meu paseo comprobo a abundancia de apelidos croatas e alemáns que se animaron a poboar este recuncho perdido.
A cidade é pequena e aínda teño tempo de ver a película Paseando entre tumbas (vénlle ó pelo!) nun dos dous cines de Punta Arenas. Pola noite unha copa para festexar que é sábado. Non está nada mal a noite local, pero cada vez que saio á rúa tremo por efecto do frío.
Tierra de Fuego, o outro lado do estreito de Magallanes, é unha gran tentación; pero xa en Galicia decidira que o meu destino sería o tantas veces fotografado Parque Nacional Torres del Paine. Decido pagar un dos tours diarios organizados por algún dos numerosos operadores locais. Fatigosísimas quince horas de viaxe para percorrer uns 900 quilómetros por estradas e tamén pistas non asfaltadas. Negocio co guía para que á volta me deixen en Puerto Natales e así aforrar tres horas de viaxe e 250 km de percorrido. Torres del Paine é unha marabilla “deseñada” para ser obxecto de fotografías. Lagos, glaciares, fervenzas e ousadas formas xeolóxicas. “Cornos” e “torres”, do Paine.
O forte vento é unha constante e parece empeñado en tirarnos a rebolos. É tamén o meu primeiro encontro cun glaciar no lago Grey. A visión dos xigantes anacos de xeo flotante fai que pague a pena chegar ata aquí.
Ó día seguinte mato o tempo en Puerto Natales, unha versión reducida de Punta Arenas. No meu paseo constato os esforzos do Goberno chileno por dotar de servizos e calidade de vida as cidades do sur profundo. Coido que Bachelet busca aplicar políticas de repoboación semellantes ás realizadas con éxito na Arxentina. Os 100.000 habitantes de Río Gallegos e os 70.000 de Ushuaia en Tierra del Fuego arxentina están moi lonxe dos 5.000 de Porvenir e dos 1.600 de Puerto Williams, na parte chilena. Aínda así, os chilenos da XII Región Magallanes acusan a Santiago de non esforzarse o suficiente. As políticas para converter Puerto Williams nun novo Ushuaia como novo centro turístico dende onde “atacar” Cabo de Hornos, parece que van por aí. Hoxe por hoxe, Puerto Natales presume de novo paseo marítimo e unha morea de esculturas, tamén un impoñente Centro de Artesanías próximo a inaugurar. O pequeno museo da cidade preto da Praza Central axuda a coñecer o pasado recente deste territorio e, lamentablemente, dos seus poboadores orixinais, tribos indíxenas en moitos casos xa desaparecidas.
Pola mañá vexo chegar o barco da empresa Navimag, que me levará durante tres xornadas a través dunha das zonas menos poboadas do noso planeta. O vento intenso non deixa amarrar o barco que queda navegando polo chamado Canal Señoret ou fiorde Última Esperanza. Oxalá non sexa unha premonición do que poida ocorrer…