A cita é á noitiña do día 17 na estación de autobuses de Punta Arenas para trasladarnos e embarcar nun simple dique no centro de Puerto Natales. Breve xuntanza coa tripulación para seguir instrucións de salvamento e… a durmir. O barco levantará áncoras ás sete da mañá con marea alta. Pola noite van entrando os camións de mercadorías, que son realmente a xustificación desta liña marítima de escaso transporte de pasaxeiros. Por diante 1.600 km ata Puerto Montt, cunha única parada en Puerto Edén, unha viliña na metade dun fiorde habitado por tan só 300 descendentes de indíxenas kawésqar dedicados á explotación de cholgas, especie de mexillóns xigantes.
Das 117 liteiras do barco só unhas 50 están ocupadas por turistas, entre os que predominan os de nacionalidade francesa –polo visto esta ruta ten moita sona en Francia-. Tamén alemáns, holandeses, brasileiros, cinco españois e algún mexicano e italiano. Compartimos vida coa tripulación e un reducido número de indíxenas pouco comunicativos que baixan en Puerto Edén. O sabor local vén dado polo grupo de camioneiros que conducen os vehículos estacionados na adega do barco. Serán eles os que me conten o afundimento hai tres meses do barco Erasmus, xemelgo do navío Edén no que viaxamos. Era inverno e non había turistas a bordo; pouco máis de 20 náufragos entre tripulación e camioneiros, todos rescatados sans e salvos. Din que a culpa foi duns fondos e da marea baixa, outros insinuaban que o capitán estaba de celebración e que nin sequera fora capaz de dirixir o salvamento. Pena dos centos de vacas que foron ó fondo do fiorde.
O primeiro día e medio transcorre entre paisaxes espectaculares, as paredes dos fiordes están aí mesmo. A estreitura máxima chega a ser de 80 m na chamada Angostura White do Canal Santa María. A sensación é de total soidade, con MAIÚSCULAS. Total e absoluta. Montañas de cumios nevados, moito mar pero ningún ser humano. Non vemos poboacións, nin casas; como moito algún barco pesqueiro. A paisaxe, ás veces, faime lembrar as rías galegas, como debían ser antes de que os galegos tolearamos e comezaramos a construír sen ton nin son.
Co xantar do segundo día, a viaxe empeora. Entramos no Golfo de Penas e o barco convértese nunha batedeira que marea a maior parte da pasaxe. Dende Golfo de Penas saímos a mar aberto e imos a peor. Paso o tempo deitado para tentar conter as miñas ansias de darlle de comer ós peixes. Ademais as costas fican moi lonxe e non hai para onde mirar.
Á mañá do terceiro día de navegación o barco entra de novo polos canais patagóns pero son xa bocas de mar máis amplas. Para min, a viaxe perde forza. Non será ata que costeemos a illa de Chiloé, poucas horas antes da nosa chegada a Puerto Montt, que atopo un remate digno para o que foi un comezo espectacular. Chiloé con ese aire a Galicia esperta en min desexos inmediatos de volver, mais de vagar.
Feita esta reflexión, coido que sería aconsellable facer a viaxe á inversa, no traxecto Puerto Montt/Punta Arenas. Gañaría en intensidade.
Dentro do barco respírase unha atmosfera moi agradable, moi viaxeira. O salón comedor e as contiguas salas de conferencias e de televisión son os únicos espazos de encontro. Os viaxeiros imos colegueando e formando pequenos grupos para compartir momentos durante a navegación. Tendo en conta os altísimos prezos dos cruceiros, tanto na parte arxentina coma chilena, Navimag e o traxecto realizado son unha boa forma de entrar en profundo contacto coa Patagonia. Os prezos máis económicos dos tres días/catro noites en pensión completa van dende os 450 US$ (cabina triple a compartir) ata os 1.190 US$ por unha cabina individual, sempre con baño exterior a compartir. Inclúe zumes e auga. Non hai onde gastar nin comprar nada. O único gasto a maiores é a propina para a tripulación, sempre voluntaria.
O último día paseo por Puerto Montt, capital da provincia Llanquihue e cidade máis importante da X Región de Los Lagos. Nas aforas do casco urbano, na estrada Angelmó, despois de pasar a nova e moderna estación de autobuses, hai unha agradable zona de tendas de artesanía e restaurantes preparadas para recibir os turistas. Unha simpática parella de lobos mariños saúdan dende a auga.
De regreso ó animado centro da cidade, e despois dun paseo polas rúas principais, decido visitar o novo e relucente centro comercial na costanera. Puerto Montt coma moitas das novas cidades chilenas está escasa de atractivos.
A miña infinita afección ó cine lévame a ver Interestelar, a última estrea do director Christopher Nolan, o creador de atmosferas, que nos sorprendeu coas últimas entregas de Batman. A película emotiva e senlleira. Matthew McConaughey está grande, moi grande. É impresionante como soubo reconducir a súa carreira despois de películas tan intragables coma Sahara, e moitas outras.
Na viaxe de volta a casa comeza o suplicio. Ultimamente cuestiónome, como non fixera nunca, a posibilidade de moderar as miñas saídas. As inconveniencias da masificación á hora de viaxar, o maltrato en aeroportos e por parte das compañías aéreas comeza a ser preocupante. O meu voo da compañía LAN de Santiago de Chile a Madrid ten un atraso de case 24 h. Perdo conexión en Madrid e chego sen maleta a Santiago de Compostela. Sen palabras! Cincuenta e catro horas (Si, 54 h!!) para chegar de Puerto Montt á miña casa e un día de vacacións a descontar por chegar tarde ó meu traballo.
Á viaxe de Patagonia tenho que ir!!!! 😀
O que estea na miña man…