Coñecendo Galicia – Serra do Xurés

A Escusalla, unha casa de pantasmas

A Escusalla, unha casa chea de pantasmas

Galicia é incrible e fascinante. Canto máis a coñezo máis me rindo ós seus pés. Se cadra os galegos non estamos á súa altura…, non somos conscientes de todo o que está a nos ofrecer.

Baixo o título “Coñecendo Galicia” quero ir descubrindo recunchos da nosa terra aínda pouco coñecidos polo viaxeiro, mesmo polos galegos. Territorios ricos en patrimonio, en gastronomía, en tradicións e tamén espazos naturais cunha contorna sorprendente.

Non é máis que unha proposta de itinerario. Cada viaxeiro deberá crear a súa propia ruta dependendo das súas inquedanzas, da época do ano, da meteoroloxía (xa sabedes, en Galicia moi cambiante), e do tempo dispoñible. As opcións son múltiples. No mapa de Google da barra lateral podedes seguir o percorrido e a situación de cada un dos lugares visitados.


Nesta ocasión viaxo acompañado dalgunhas amigas da adolescencia. Comer ben, facer risas e pasar un tempo xuntos descubrindo a nosa terra é o motivo desta escapada. Viaxamos ata o extremo suroeste da provincia de Ourense, en terras limítrofes con Portugal. Dúas noites para visitar a parte galega do Parque Transfronteirizo -Gerês-Xurés-. É dicir o Parque Natural -Baixa Limia-Serra do Xurés- e os concellos de Bande, Muíños, Entrimo e Lobios. Tamén faremos unha pequena incursión no concelho de Montalegre para visitar as fregresias de Tourém e Pitões das Júnias.

O tempo non acompaña, a primeira gran nevada do ano en Galicia. E moito frío. O feito de ter que ascender ata preto dos 1.300 m fai que algún dos participantes comecen a pensalo… Pero seguimos cara adiante. Os galegos temos que aprender a gozar coa nosa meteoroloxía. “Seguro de sol” non significa nada cando hai ganas de pasalo ben.

IMG_9786[1]
A tarde do venres visitamos o campamento militar romano de Aquis Querquennis, na parroquia de Porto Quintela do concello de Bande, a carón do encoro das Conchas. Posiblemente construído para vixiar a Vía XVIII ou Vía Nova que comunicaba as poboacións coñecidas actualmente como Braga (Portugal) e Astorga (Castela e León). Nesta ocasión o baixo nivel das augas do encoro permiten pasear totalmente o xacemento escavado. Un Centro de Interpretación e un edificio que asemella a reprodución dunha vila romana complementan a oferta deste emprazamento.

Seguimos a pé pola beira do encoro, máis aló das ruínas, e chegamos ós coñecidos como Baños de Bande. Un manancial de augas termais que agromaba directamente das augas do encoro. Nos últimos anos téñense arranxado diversas pozas para o cada vez maior número de usuarios. Neste intre o Plan Ourense Termal está a rematar unhas instalacións que fan lembrar as xa coñecidas de Ourense capital. Como curiosidade comentar que hai unhas pociñas individuais que recordan uns sartegos romanos atopados no lugar. No inverno e co encoro moi cheo é posible que parte ou a totalidade das pozas estean cubertas pola auga. IMG_9787[1]Para os condutores que veñan de Ourense, a baixada ós baños atópase antes das ruínas romanas, no lugar do Baño, e despois de pasar a igrexa parroquial que foi desmontada e volta a montar pedra a pedra cando a poboación orixinal foi asolagada polas augas do encoro.

IMG_9824[1]IMG_9823[1]IMG_9811[1]

Para durmir a primeira noite escollemos un dos dous Puntos de Acollida do recente Centro BTT Serra do Xurés, aberto ó público na acolledora aldea das Maus de Salas, concello de Muíños. Óscar, o propietario deste complexo de instalacións deportivas, ofrece todo o seu ben facer para unha estadía agradable. A todo o necesario para a práctica deportiva hai que engadir un básico pero apetecible albergue con ata 18 prazas e un luminoso espazo no que serve sinxelas e ricas comidas. Durmimos quentiños e pasamos unha noite de moitas risas vaporizadas con efluvios etílicos. Deporte, o que se di deporte non fixemos, pero a oferta de Aviva Center é unha opción barata e interesante para potenciar a montaña ourensá. Os meus mellores desexos para esta nova iniciativa.
http://avivacenter.com/
http://www.turgalicia.es/presentacion-do-centro-btt-serra-do-xures?langId=es_ES

Á mañá seguinte damos un paseo pola beira do encoro de Salas para coñecer dúas das mellores manifestacións do megalitismo en Galicia; os dolmens da Casiña da Moura e da Casola do Foxo. IMG_9835[1] Uns cazadores á procura do porco bravo advírtennos da mala condición na que se encontra a estrada que vai ata Salgueiro, aldea deshabitada e recuperada pola Xunta de Galicia. Tamén da neve e do xeo na estrada que se dirixe cara a Pitões das Júnias. Decidimos pospoñer a nosa visita a Salgueiro para unha mellor ocasión e dar a volta por Tourém, esa especie de coitelada portuguesa no mapa galego, para chegar sen problemas ó noso próximo destino.

Un “plus” totalmente recomendable neste percorrido: Pitões das Júnias, unha pequena aldea de pouco máis de douscentos habitantes que a unha altitude de 1.100 m ofrece unhas paisaxes impresionantes. Un bonito conxunto de casiñas ó que hai que engadir as oníricas e misteriosas ruínas do seu mosteiro e unha fotoxénica fervenza accesible por unha longa e empinada escaleira de madeira. Facemos a visita a pé e paseniño polo medo a unha escorregada sobre o xeo.

Comemos en Pitões, no restaurante D. Pedro: queixo da serra, chouriza de moito magro e un cozido à portuguesa. E todo adobado cun frío que se agarraba ó estómago cada vez que abrían a porta…

IMG_9859[1]IMG_9870[1]

IMG_9891[1]

Casa da Feira

Á noite decidimos permitirnos un pequeno luxo e durmimos na Casa da Feira, en Lobios. Filipe, o encargado portugués, é un excelente anfitrión que serve unha cea deliciosa no edificio contiguo, o restaurante Casa do Aceite, tamén do mesmo propietario. Non falta no menú preparado un folhado de alheira e un bacalhau com crosta de broa para resaltar a proximidade física e cultural desta zona de Galicia ó noso veciño Portugal.

http://www.casadafeira.es/

IMG_9930[1]

Igrexa de Santa María A Real

IMG_9900[1]

Domingo, último día e amence chovendo. Saímos cara á Terrachá, capital do concello de Entrimo, para visitar a igrexa de fachada barroca e churrigueresca de Santa María A Real. Dende alí e por estradas comarcais de moita beleza chegamos á beira do encoro de Lindoso, cruzamos a ponte sobre o encoro e collemos cara á fronteira da Madalena. Subimos pola primeira desviación á esquerda á aldea de Ludeiros para topar no primeiro cruzamento coas ruínas da Casa da Escusalla. Numerosas lendas populares de pantamas e aparecidos motivaron que o equipo do programa de televisión Cuarto Milenio se achegara ata aquí para intentar medir a presenza sobrenatural nesta construción. Tamén visitamos a igrexa veciña de Manín trasladada xa en dúas ocasións dende o seu emprazamento orixinal, a última por mor do asolagamento causado coa construción do encoro. En Galicia, o país dos mil ríos, a obsesiva inauguración de encoros obrigou a que a poboación de moitas aldeas tivese que abandonar o seu lugar de orixe.

IMG_9926[1]IMG_9923[1]

Despois dun xantar moi rico no económico Restaurante Cubano de Lobios (pero moi galego), visitamos os restos da mansio romana de Aquis Originis, un dos once aloxamentos oficiais para recibir a aqueles que transitaban pola Vía Nova. A zona termal está bastante ben conservada. Dende aquí seguimos pola propia Vía Nova ata a fervenza do Corgo (ou Corga) da Fecha que din é a máis longa de Galicia. Unha senda sinalizada ascende para visitar as numerosas pozas ó longo da fervenza. O regreso pódese facer por un camiño de terra ben adecuado que vai pola beira do río Caldo ata chegar ó Balneario de Lobios e ás pozas termais e gratuítas a carón do balneario.

Aquis Originis

Aquis Originis

IMG_9953[1] IMG_9959[1]

Como resumo, aínda que chova ou neve non deixes de gozar das saídas, do contacto coa natureza, do infinito patrimonio da Galicia rural.

Finalmente, salientar que a oferta do Parque Natural conta con numerosas sendas de gran beleza e valor medio ambiental. Os amantes da bicicleta non deben esquecer a oferta do Centro BTT Serra do Xurés.

Outro día teremos que falar da parte portuguesa, o Parque Nacional da Peneda-Gerês, que é sen dúbida unha das mellores ofertas de natureza en Portugal.

8 comentarios en “Coñecendo Galicia – Serra do Xurés

  1. Aunque no he podido estar presente en esa excursión, he disfrutado viendo las excelentes fotografías y tratando de entender el texto en gallego.
    La foto de la cascada me parece preciosa y me la he puesto de fondo de escritorio.
    Repito mi enhorabuena por tu blog y por su amplia información.
    Besos.

    Gústame

  2. Todos los sitios donde estuviste me parecen maravillosos, no sólo por los paisajes sino también por la calidad de las fotografías y el Blog en sí.
    Me en cantaría poder ir a todos ellos.
    También tengo que decir que la oferta del Parque – Serra y el BTT do
    Xurés está muy bien hecho y muy informativo.
    Te felicito.
    Victoria

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s