Coñecendo Galicia – A Costa da Morte I

O plan era unha fin de semana caseira, quentiña, a carón do lume da cheminea. O cambio pegado na meteo en poucos días e a boa previsión da fin de semana obrigou a argallar unha saída para axudar a desentumecer os ósos das últimas choivas.

A primeira intención foi ir cara ás beiras do Miño no concello de Taboada (Lugo). Seica había a festa de non sei que e seica tiñan todo cheo. Mellor, queda para outra.

O sábado despois do xantar pegamos no coche en busca de aires mariños. Diriximos os nosas pasos cara á Costa da Morte norte, o traxecto que vai dende Laxe ata preto de Malpica de Bergantiños. Alugamos un hoteliño rural e improvisamos un percorrido para visitar os principais atractivos da zona.

Guía no Dolmen de Dombate

Guía no Dolmen de Dombate

Se hai unha cousa que ten mellorado en Galicia son as súas estradas. A tradicionalmente illada Costa da Morte é facilmente accesible por autoestrada dende A Coruña ou por estradas comarcais en boas condicións dende Santiago de Compostela.


Nunha hora estamos no Dolmen de Dombate, no concello de Cabana de Bergantiños. Chegamos xustiños para a visita guiada, e gratuíta!!, das 16:30 h. Galicia acubilla algúns exemplos excepcionais da era megalítica. A Xunta de Galicia tiña intención de crear o Parque Arqueolóxico do Megalitismo neste recuncho da provincia da Coruña, pero parece que non hai cartos…. Os seus irmáns, o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa en San Cibrao de Las (Ourense) e o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre en Campo Lameiro (Pontevedra) xa están en pleno rendemento.

Dombate é o dolmen rei por moitas razóns, conserva as súas pinturas rupestres, está parcialmente escavado para ver as profundidades ás que chegaban as lousas de pedra e, sobre todo, ten un centro de interpretación con visitas programadas coma non hai outro na nosa terra. Aquí poderemos ver os diversos tipos de enterramentos que foron respectados ata o seu saqueo na Idade Moderna. Unha posta en valor dun recurso que sen unha axudiña non sería doado de interpretar para a maioría das visitas.

Alí coincidimos cos nosos amigos de Ferrol, Iria e Alex, cos que compartiremos as vivencias dese día.

Castro de Borneiro

Castro de Borneiro

Seguimos cara ó Castro de Borneiro, no mesmo concello e a moi escasos quilómetros de Dombate. Coller a estrada de Laxe e o xacemento aparece perfectamente sinalizado un pouco máis adiante á dereita. Tamén chamado “A Cidá” está recoñecido como un bo exemplo de castros non romanizados. Este poboado ou citania foi abandonado lentamente antes da chegada do Imperio e, polo tanto, mantén as características das tribos galaicas sen influencias alleas.

Toca ver o mar: a magnífica praia de Soesto. Esta é a Galicia que eu quero. Virxe e fermosa. Coa súa forma de media lúa, a forza do mar batendo na area e a brétema do case solpor. Feiticeira!

Praia de Soesto en Laxe

Praia de Soesto en Laxe

Achegámonos ó Faro de Laxe, na punta do Cabo da Insua. O mar con forza. Destaca a escultura “A Espera” de Iria Rodríguez, unha nai co seu fillo que se achega á costa procurando o barco que nunca volverá. A historia de moitas familias da zona. Este mar é duro. Unha curiosa área recreativa fai lembrar ás vivendas redondas en pedra dos poboados castrexos. E o solpor. Dicimos adeus ó día dende o miradoiro de volta á vila de Laxe.

IMG_0406[1]IMG_0409[1]

Para durmir e a ser posible, aloxamentos con encanto. Dende logo o hotel rústico A Torre de Laxe non anda escaso neste eido. Casa construída en 1934 e catalogada, con certo aire colonial. Mobles antigos restaurados. Todo cun gusto e amabilidade excepcional. Un xardín moi ben coidado e vistas abraiantes. A evolución cualitativa da oferta de aloxamento e restauración no rural galego ten dado un paso de xigante.

A Torre de Laxe

A Torre de Laxe

http://www.atorredelaxe.com/hotel.php?idioma=gl

O domingo mantense o bo tempo e tomamos rumbo sur para volver logo cara ó norte. A primeira parada serán os Batáns de Mosquetín, nesta pequena aldea do Concello de Vimianzo. Unha boa recuperación por parte da Deputación da Coruña de curiosos aparellos tradicionais accionados pola auga para bater os tecidos artesanais e así conseguir facelos máis resistentes e tupidos. Non hai ninguén para abri-la porta en horario de visita. O teléfono de información di que xa non existe. Os propietarios da pensión veciña contan que xa non teñen as chaves coma era habitual e que a Deputación está á espera de contratar un encargado. Señores da Deputación, co fácil que é deixar un contestador no número de información ou pegar un adhesivo con información de última hora. Parece que moitas institucións galegas aínda se negan a ser eficaces.

Batáns de Mosquetín

Batáns de Mosquetín

Por corredoiras e co GPS na cabeza chegamos ó pano de fondo da praia de Traba, os coñecidos coma Penedos de Pasarela e Traba. É difícil chegar se non se ven pola estrada da costa. Para os que veñan dos Batáns tan só un sinal co nome destes penedos serve de referencia para entender que hai que deixar o coche un pouco máis adiante e seguir a pé. A erosión tan típica dos montes galegos deixa ó aire simpáticas moles graníticas que coroan catro cumios e outeiros elevados a uns 250 m de altitude sobre o val de Traba. Esta Paisaxe Protexida invita a descubrir rochas con curiosas formas de figuras humanas e animais.

Penedos de Pasarela e Traba

Penedos de Pasarela e Traba

Agora imos cara ó concello de Ponteceso. Ó cruzar a ponte sobre o río Anllóns, na capital do concello, topamos coa elegante casa natal do poeta e principal responsable dos mitos celtas en Galicia, Eduardo Pondal. El é o creador do poema “Os Pinos” cuxa letra sería escollida polos emigrantes galegos en Cuba, no ano 1907, para dar forma ó himno nacional galego. A casa é privada e non pode ser visitada.

Seguimos cara á praia de Balarés, paraíso de surfeiros, non sen antes parar no miradoiro de Monte Branco. A foz do río Anllóns e a Ría de Corme e Laxe aluman en todo o seu esplendor.

Miradoiro de Monte Branco

Miradoiro de Monte Branco

Pasamos O Porto de Corme que como moitas outras vilas da Costa da Morte ten sufrido a falta de cariño de construtores, alcaldes e habitantes cara ó seu, para chegar á mítica Punta do Roncudo. A pesar do bo tempo o mar bate con todas as súas forzas nos pés dun faro xemelgo do de Laxe, no lugar do que para moitos son extraídos os mellores percebes do mundo. As inquietantes cruces brancas mirando o mar falan dun océano salvaxe e moitos naufraxios. Unha homenaxe á xente que quedou no mar e os seus corpos non aparecidos.

Punta do Roncudo

Punta do Roncudo

IMG_0494[1]

O antigo percebeiro, Suso Lista, cóntanos historias de Corme, dos percebes e os homes que arriscan a súa vida por collelos:

De volta a Ponteceso facemos dúas pequena paradas. Despois de pasar Corme Aldea un curto desvío á dereita achéganos á Pedra da Serpe. Un penedo granítico co relevo dunha serpe sobre o que se chantou posteriormente unha cruz. De orixe descoñecida e datación incerta. Un misterioso culto pagán que ten manifestación ó longo da costa atlántica e que foi posteriormente sacralizado polo Cristianismo.

Pedra da Serpe

Pedra da Serpe

Seguimos camiño e no alto dun outeiro á esquerda asoma a capela de Nosa Señora do Faro, do século XVIII, e o curiosísimo monumento ó Corazón de Xesús. Un monólito de 39 metros de altura coroado pola imaxe de Xesús e dedicado á memoria do emigrante Ricardo Pose, nacido na aldea veciña de Brantuas. Foi o seu fillo quen fixo hai 59 anos este magnífico miradoiro dende a Ría de Corme e Laxe ata Punta Percebeira. Aínda que a porta pareza pechada pode abrirse e subir ata o miradoiro. Para xente sen vertixe.

IMG_0500[1]IMG_0496[1]

Para comer, Restaurante A Ría en Canduas, a escasos metros despois de deixar o desvío cara a Baio. Magnífica cociña e prezos axeitados.

A última parada ó caer da tarde é á altura do parque industrial de Baio. Un conxunto excepcional formado por un pazo renacentista, un grupo de típicos hórreos en granito e unha fermosa igrexa con cemiterio. Estamos a falar das Torres do Allo, un dos pazos máis antigos de Galicia, que funciona como centro de interpretación dos recursos da Costa da Morte. Aberto unicamente en tempada alta. Preto da igrexa hai un cemiterio novo de estraño deseño para os conceptos desta terra.

IMG_0509[1]

Torres do Allo

2 comentarios en “Coñecendo Galicia – A Costa da Morte I

  1. encantoume a foto do miradoiro de Monte Branco. Que ceo ! a Torre de Laxe ten una pinta bárbara. Apetece dormir nel

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.