A raíña da canción brasileira vén a Guimarães, e non é habitual que divas da canción cheguen tan ó norte en Portugal. Hai que aproveitar que a baiana Ivete Sangalo celebra o seu 20 aniversario sobre o escenario para organizar rapidamente unha escapada musical, adecuadamente aderezada con algo de gastronomía local e atractivos da zona.
Catro galegos de Santiago de Compostela e Vigo máis o noso amigo Antonio do Porto. Quedamos na entrada de Guimarães e seguimos a comer nas aforas de Fafe. Antonio vén ben informado de que o restaurante axeitado é a Adega Come e Bebe. As moreas de comensais xa nos dan unha idea de que non erramos na nosa elección. Boa relación calidade/prezo e un exquisito bacalhau à moda da casa e polvo grelhado. En Portugal dende o comezo da crise é difícil atopar xente celebrando, agás á hora do xantar. Todo un ritual.
Co estómago cheo seguimos cara a Cabeceiras de Basto e a uns dez quilómetros de Fafe, antes de comeza-lo descenso á aldea de Vàrzea Cova, metémonos por unha pista de terra que dá servizo ó parque de aeroxeradores. Estamos na pouco poboada Serra da Lameirinha. A razón desta visita é a coñecida como Casa do Penedo. Unha vivenda moi rústica construída entre catro penedos que fai lembrar a casa dos televisivos Picapedra. Foi Vítor Rodriques, o seu propietario, quen en 1972 decidiu construír un espartano (non ten luz eléctrica) retiro de fin de semana para escapar das multitudes. Paradoxalmente, a casa deixou de ser habitada polo exceso de visitantes que viñan a coñecer esta rareza.
De volta en Fafe comprobamos que a pouca sona desta pequena cidade de 15.000 habitantes está xustificada. Un café e pouco máis que ver e facer.
Pola noite Ivete está grande, especialmente nas súas baladas. Despregue visual en dúas horas e media de concerto. Un xentío de adeptos convencidos vidos de Portugal e Galicia.
Despois do concerto que mellor que unha copa na parte histórica de Guimarães. Esta cidade foi en tempos o centro administrativo do Condado Portucalense que logo daría lugar á formación do Reino de Portugal. Por esta razón é coñecida como o Berço de Portugal. Pero é a boa conservación do seu patrimonio e do seu conxunto urbano o que lle fixo gañar o título de Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Dende os arranxos ós que foi sometida por mor da declaración como Capital Europea da Cultura do ano 2012 converteuse nunha auténtica xoia a incluír en calquera percorrido polo norte de Portugal. Hoxe Guimarães rivaliza coa veciña Braga (a menos de vinte quilómetros), pero supera a súa beleza.
Esta noite as rúas do casco vello están cheas de xente nova. Non sei se é consecuencia do concerto e do bo tempo ou é habitual en fin de semana. Bares hai. Ultimamente teño a impresión de que a noite portuguesa (a de beber e bailar) ten mellorado nalgúns casos específicos e de forma inversamente proporcional ó que está a pasar na nosa terra.
Durmimos nun hotel novo e de deseño atrevido nas aforas de Guimaraes. Co rimbombante nome de Open Village Sports Hotel & Spa Club é unha boa escolla para visitar esta zona.
http://www.ovs.pt/home.php
O día seguinte subimos ata o Santuário da Penha. Para os que non coñezan Portugal, é habitual que moitas cidades teñan sempre un santo ou virxe da súa devoción nun outeiro ou montaña veciña. A 617 m de altitude atopamos grandes bolos graníticos que forman unha paisaxe senlleira, un parque moi agradable e un santuario feito en granito cunha atrevida arquitectura tendo en conta que foi erixido na década dos trinta do século pasado. A visita paga a pena polas impresionantes vistas de Guimarães e arredores. Para os que se aloxen no centro da cidade, é mellor coller o teleférico que salva os 400 m de desnivel.
NOTA – Con data de 25 de abril do 2016 un grupo de viaxeiros confírmanme que a Casa do Penedo foi pechada cun valado de gran perímetro que impide achegarse ata o edificio. Seica o dono estaba canso de recibir tantas visitas. Unicamente para sacar fotografías con obxectivo.
Tremendas as pedras na zona no santuario. Encantoume a casa do penedo
A verdade, non queda lonxe de Guimarães. E achegarse a esta encantadora cidade do norte é sempre un pracer. Bicos