De novo en Moscova, e van sete: na época comunista, durante a Perestroika e xa varias veces de traballo nestes últimos anos. Non consigo que esta áspera cidade esperte en min a menor simpatía; é dura, incómoda e ruda para os hábitos occidentais. Sen esquecer o frío habitual destas latitudes.
Por outra banda, teño que recoñecer certa melloría, pouco a pouco. É coma se os moscovitas fosen esquecendo o seu pasado e comezasen a comportarse como calquera outro país europeo. Destas aínda vin algún sorriso nas súas faces e xente dando esmola ós pedichóns nas rúas. Se cadra por que facía bo tempo. A cidade estaba limpa de neve e durante o día acadabamos os nove graos de temperatura.
Eu de traballo e con moi pouco tempo para troulear. Por riba, no voo de ida comezo cos primeiros síntomas dun arrefriado que rematará nunha gripe de suores e tremores.
Decido facer poucas visitas e facelas á primeirísima hora da mañá ou ó solpor. Os ceos limpos e a boa meteoroloxía permitían fotos aceptables. Por suposto, as visitas non serán as habituais nun viaxeiro que veña a esta cidade por primeira vez.
-O XARDÍN DAS ESTATUAS CAÍDAS-
Metro Park Kultury ou Oktyabrskaya na liña marrón 5.
Realmente chámase Muzeon Parque das Artes. Na ribeira do río Moscova e separado pola rúa Krymskiy Val do famoso Parque Gorky.
No ano 1991 coa caída do comunismo, o goberno da cidade decidiu desmontar as estatuas dos próceres da patria na etapa soviética e algunhas obras do realismo socialista e, literalmente, tiralas neste antigo parque. Foi algún estranxeiro descoñecido quen lle deu nese intre o seu nome máis poético: o xardín das estatuas caídas. No ano 92 as estatuas foron colocadas de novo pero sen os seus pedestais. Dende entón as autoridades foron engadindo numerosas esculturas de arte moderno que completan unhas setecentas figuras.
Un Stalin desnarigado, Lenin, Brezhnev ou Felix Dzerzhinsky (fundador do que logo se convertiría no KGB) vense dispersos entre sendas axardinadas arredor da Casa Central dos Artistas, un frío edificio rectangular dependente da Galería Tretyakov e cunha excelente colección en pintura do século XX.
Dentro das augas do río sorprende a descomunal escultura de Pedro O Grande realizada polo xeorxiano Zurab Tsereteli. Fea e pouco querida polos moscovitas. Mellor que lle botedes unha ollada a esta web que nos fala de forma amena da súa curiosa historia.
http://www.rusadas.com/2012/03/monumento-pedro-i-el-grande-version.html
Hoxe hai de novo un debate sobre se algunhas destas esculturas deben volver a ocupar o seu sitio como parte da historia desta cidade e de Rusia. Entrementres Muzeon é unha cita ineludible para os amantes da iconografía soviética a visitar xunto co mausoleo de Lenin, o metro e os baixorrelevos de fouces e martelos nas fachadas dos edificios. Pouco máis queda xa.
O xardín complétase cun par de agradables cafés, unha moderna tenda de alugamento de bicicletas, e un espazo para venda de pinturas e artesanías na parte que dá ó río.
-BUNKER 42-
Metro Taganskaya ou Marksistskaya nas liñas marrón 5, violeta 7 e amarela 8.
Podería comezar como “Bunker 42 ou unha gran tomadura de pelo”. Levaba tempo intentando coñecer o refuxio e centro de control creado por Stalin durante a guerra fría. Ata o de agora a súa páxina web e o seu teléfono de atención eran unicamente en ruso, que, de feito, eu non falo. Este ano inauguraba a súa versión en inglés e permitía reservas a través do seu correo electrónico. Por suposto, a miña solicitude nunca foi contestada.
Xa en Moscova e a través de amigos ruso falantes consigo que me acepten para unha visita na noitiña. Eu tiña interese no tour Bunker 42 ou no Extreme pero véxome na obriga de facer o Declassified en lingua rusa (isto ou nada).
Ó prezo da entrada hai que sumar a audioguía en inglés e o permiso de fotos; total 41 € (e iso que agora o rublo anda desvalorizado). A audoguía non se escoita mais que por un auricular, en varias salas non deixan sacar fotos aducindo non sei que da seguridade (que risa!) e o guía en ruso berra tanto que non deixa escoitar á audioguía. Unha tomadura de pelo.
Complexo de 7.000 metros cadrados de túneles construídos na década dos 50 a 66 m por debaixo do nivel da rúa e preparados para a supervivencia de 3000 persoas durante 90 días, resistente a un ataque nuclear. O que foi un ben gardado segredo sen coñecemento sequera dos propios habitantes desta cidade ben vale unha visita, pero non a estes prezos.
Posto á venda no ano 2006, a propiedade descansa en mans privadas que crearon un complexo de lecer con museo, restaurante e espazos en alugueiro para eventos.
-AS SETE IRMÁS OU OS RAÑACEOS DE STALIN-
Detesto as ditaduras pero teño paixón polas arquitecturas megalómanas, aquelas que perduran e pasan a formar parte da iconografía dun lugar.
A historia comeza na década dos anos 30 do século XX cando se convoca o concurso para deseñar o Palacio dos Soviets en Moscova, un grandioso complexo arquitectónico a pouca distancia do Kremlin para albergar a administración do novo estado soviético. As autoridades desdeñaron os deseños máis modernos e votaron por unha aloucada proposta de monumentalismo historicista como alegoría ó socialismo triunfante. De ser construído tería 389 m de altura coroados por unha estatua de Lenin con outros 100 m a maiores. Stalin escollía un edificio fito que copiaba os estilos dos seus inimigos capitalistas para demostrar o podería soviético. A Segunda Guerra Mundial e a entrada dos nazis en Rusia parou o proxecto. No camiño para a súa construción a Catedral de Cristo Salvador foi derrubada en 1931. No seu lugar un gran burato no que se acondicionou a maior piscina ó aire libre do mundo. O Palacio nunca foi construído.
Inspirado neste Palacio, Stalin decide pór en marcha un proxecto para levantar oito rañaceos en conmemoración do VIII centenario da fundación da cidade. Oito edificios, un por cada século, levantados nas décadas dos 40 e os 50, con moitas similitudes estilísticas e usos completamente diferentes. Sete irmás, a oitava, un edificio administrativo veciño á catedral de San Basilio, non chegou a nacer por considerar que empequenecería a sede do goberno, o Kremlin. Serán as torres dominantes na paisaxe de Moscova durante outros 40 anos.
Os moscovitas non se senten identificados coa denominación “Sete Irmás”.
Ministerio de Asuntos Exteriores de Rusia (4)- Metro Smolenskaya liña azul escura 3 e liña azul clara 4.
172 metros e 27 andares. Alberga as oficinas do Ministerio de Relacións Exteriores e do Ministerio do Comercio. Inspirada nun hospital neogótico de Nova York.
Hotel Ucraína (Radisson Royal Hotel) (2)- Metro Kievskayana na liña marrón 5 e nas liñas azuis 3 e 4.
198 metros e 34 andares. No seu momento e ata 1976, o hotel máis alto do mundo. Ten 1.627 camas e agora pertence ó grupo Radisson.
Edificio de vivendas na Praza Kudrinskaya (3)- Metro Barrikadnaya na liña violeta 7 e Krasnopresnenskaya na liña marrón 5.
160 metros e 22 andares. Igual que co Ministerio de Asuntos Exteriores, sorprendente escaso número de andares para un edificio que cos deseños actuais tería máis de 40 plantas. Construído con bos acabados para albergar dirixentes do mundo cultural soviético.
Hotel Leningrado (Hilton Moscow Leningradskaya) (5)- Metro Komsomolskaya na liña vermella 1.
136 metros e 26 andares. Destaca a estrela sobre o edificio. Ten sona de ser obxecto dun mal deseño. Pertence ó grupo Hilton.
Edificio da Praza da Porta Vermella (6)- Metro Krasnye Vorota na liña marrón 5.
133 metros e 24 andares. Creado para aloxar o Ministerio da Industria Pesada acolle actualmente dependencias do Ministerio do Transporte, a Bolsa rusa e outras institucións.
Edificio de vivendas en Kotélnicheskaya Náberezhnaya (7)- Metro Taganskaya ou Marksistskaya nas liñas marrón 5, violeta 7 e amarela 8.
176 m e 32 andares. Situado estratexicamente onde se xuntan o río Moscova e Yauza. Concibido para as elites políticas rematou como edificio de apartamentos comunais.
Universidade Estatal de Moscova (1)- Metro Universitet na liña vermella 1.
170 metros ós que hai que engadir unha antena de 53 m. O máis grande dos rañaceos stalinistas que inspirou entre outras cousas o símbolo dos Xogos Olímpicos de 1980 e o Palacio da Cultura e a Ciencia en Varsovia. Aquí xa estaba moi doente para achegarme ata a Universidade e poño a foto de hai dous anos coa miña amiga Idoia.
O número 8 corresponde á oitava irmá que non chegou a ser construída. O 9 era a localización do Palacio dos Soviets.
Para máis información ver links Moscova II e Moscova III
Non coñecía a estatua de Pedro I, nin falta que facía porque mete medo o feíña que é. Moi interesante o enlace que das para coñecer mais cousas. O do bunker 42 tes razón que é moi caro pero é algo que querías facer dende hai tempo e agora por fin o conseguiche así que supoño que mereceu a pena. Noraboa por ver moscovitas sonrir. É como ver un unicornio. Que pena o da gripe. Espero que xa estés ben.
Ola Olga,como me gusta que sexas leal a este blog. Vou mellorando pero aínda non estou ben de todo. Un bico