O País dos Mil Outeiros

Os meus amigos preguntábanme a razón pola que decidín viaxar a este pequeno país agochado no centro de África e con tan mala sona… Non hai unha, son varias. Primeiro, hai xa tempo que non pisaba este continente; segundo, Ruanda é un país pequeno cunha superficie algo inferior a Galicia (polo tanto ideal para os poucos días que teño dispoñibles); e finalmente, pero sobre todo, querer entender unha das maiores masacres da historia da humanidade, o xenocidio ruandés.

Ruanda 3
Hoxe en día, a primeira motivación para achegarse a Ruanda son os gorilas que viven en liberdade no Parque Nacional dos Volcáns formado polos montes Virunga que comparte coa República Democrática do Congo (antigo Zaire), e que tamén habitan o fronteirizo P.N. Bwindi en Uganda. Dende logo non é o que me move a min. Coido que os gorilas están mellor sen as continuas visitas de turistas ávidos de fotografías. E, dende logo, os case 750 US dólares que cobra o Goberno polo permiso de visita parécenme unha turistada elitista que intento non fomentar.


Voo con KLM vía Amsterdam e escala no aeroporto de Kilimanjaro, preto do mítico monte do mesmo nome e das cidades de Arusha e Mosi. Un aeroporto moi utilizado polos turistas cara ós parques nacionais do norte de Tanzania. O voo vén medio cheo (ou medio baleiro, coma se queira ver) e na segunda parte do traxecto, Kilimanjaro-Kigali, non chegamos a tres ducias de viaxeiros.

IMG_0963[1]IMG_0964[1]

O meu primeiro contacto con Kigali é unha pequena impresión polo inesperado. Á saída do aeroporto reina unha calma chicha de cidade adormecida, ninguén acosa. Os taxistas en traxe gris e os coches en estado de revista. O que vexo polas fiestras é unha cidade impoluta. Tan só un apagamento xeral no traxecto ó meu hotel faime lembrar, non que si, que Ruanda tamén é África.

kigaliIMG_0978[1]

O día seguinte confirmo as miñas primeiras impresións. O xenocidio, a pesar de ter pasado tan só hai dous decenios, é un feito do pasado. Os ruandeses xa non se presentan como hutus ou tutsis, son todos ruandeses que miran cara ó futuro para construír unha nación nova de prosperidade. E parece que van polo bo camiño.

Hoxe Kigali e Ruanda son un dos destinos máis seguros deste inestable continente. A tranquilidade que se respira é extrema. Kigali é sen dúbida unha das cidades máis limpa, ordenada e mellor axardinada das que coñezo no mundo africano. Case non parece de aquí. Incluso a súa altitude, entre os 1.400 e os case 1.700 m beneficia cunha climatoloxía máis suave do que correspondería nestas latitudes ecuatoriais. Os que busquen a confusión e olores habituais de África terán que visitar a zona do mercado e a estación de autobuses.

Poboada por un millón de habitantes goza de poucos atractivos. O motivo é que a súa fundación polos colonos xermanos se remonta a pouco máis de cen anos; e non é ata o ano 1962, data da independencia ruandesa, cando se converte en capital do país cunha poboación de 5.000 habitantes nese momento. Hoxe ten medrado moito, estendéndose por outeiros e vales que a fan tremendamente incómoda para moverse. Non hai que preocuparse, Kigali está chea de moto-taxis que por un prezo inferior a un euro trasladan o visitante a calquera parte da cidade.

Os lugares que interesan están relacionados co xenocidio ruandés dos anos 90. Pero coido que o mellor é comezar polo principio. Non son partidario de tratar de entender a historia dende este blog pero coido que a desavinza máis terrorífica da historia da humanidade ten que ser analizada.

Primeiro e moi importante, hutus e tutsis son unha mesma etnia (banyaruanda) que falan unha lingua común. Realmente son termos socio-económicos para diferenciar agricultores hutus de gandeiros tutsis. Estas denominacións virán asociadas a razas diferentes coa chegada do poder colonial e a introdución dun carné de identidade no ano 1932 que identificaba como “raza” tutsi a calquera que posuíra máis de 10 vacas e como “raza” hutu ós de cantidades inferiores a este número. A “raza” de fillos e netos virá definida pola do proxenitor.

genocide

É verdade que os tutsis tiñan cometido algunhas atrocidades dende o século XVI contra os hutus. Un 15% da poboación dominando á maioría hutu a través dunha estrutura clasista.

O colonialismo belga movido polos seus intereses dedicouse a dividir a poboación e outorgarlle ós tutsis certo protagonismo na administración colonial. Todo isto ata finais dos anos 50 no que o poder tutsi comeza con esixencias para obter a independencia do país. Bélxica e a Igrexa Católica mudan de discurso e definen os tutsis como o principal obstáculo para a prosperidade hutu, abondando na visión racial da sociedade ruandesa. O seu empeño seguía a ser dividir a sociedade para manter o poder colonial.

Nos anos seguintes Ruanda acadará a súa independencia e produciranse numerosas revoltas que rematarán con miles de mortos e 700.000 tutsis no exilio e a prohibición de volver a Ruanda.

As matanzas nos anos 70 en Burundi nas que 350.000 hutus foron asasinados por un goberno tutsi provocan un forte sentimento antitutsi en Ruanda.

Mentres, moitos dos tutsis no exilio ugandés incorporaranse ás filas do Fronte Patriótico Ruandés (RPF) que invadirá Ruanda en 1990 e provocará unha Guerra Civil.

O Presidente ruandés Habyarimana, apoiado polo Goberno Francés, impulsa un réxime de odio e aniquilación cara ós tutsis do seu país. O derribo do seu avión e asasinato será o detonante para 100 días de auténtica masacre. Non hai unha cifra exacta pero fálase de 1.000.000 de tutsis e hutus moderados que foron esnaquizados de forma terriblemente cruel. Civís, mulleres e cativos. Moitos buscaron refuxio e protección en igrexas e lugares sagrados pero nalgunhas ocasións foron os propios relixiosos os delatores, en conivencia coa milicia hutu Interhamwe. Francia e Bélxica miraron para outro lado na mellor das súas actitudes. As potencias do mundo retiraron o seu persoal no país e, algunhas, incluso axudaron a escapar ós dignitarios do réxime de Habyarimana, autores do xenocidio. O número de tropas estranxeiras utilizadas para esta evacuación serían suficientes para deter o xenocidio…Sen palabras!

O peor é que foi tamén o propio pobo, civís, mulleres e nenos os que participaron na matanza dos seus veciños e, en moito casos, amigos.

Hoxe Francia non é benvida en Ruanda, considerada como aliada dos asasinos ó formar os milicianos hutus e adestrar ás Forzas Armadas Ruandesas. Estase a perder o francés coma lingua nacional en detrimento do inglés. As novas xeracións xa case non falan francés.

IMG_1004[1]IMG_1011[1]
Visito o Memorial do Xenocidio en Kigali e os memoriais das igrexas de Nyamata e Ntarama, as dúas últimas a unha hora en autobús ó sur da capital.

O memorial de Kigali é un emotivo tributo ós asasinados que dun xeito sinxelo explica a historia deste xenocidio e doutros que teñen acontecido nos últimos cen anos.

As dúas igrexas son espazos sen interpretar nas que parece que os acontecementos tiveron lugar anteonte.

nenos

 Cativos en Nyamata

Cativos en Nyamata

Igrexa de Ntarama

Igrexa de Ntarama

IMG_1079[1]

Completo os meus dous días en Kigali coa visita (aproveito para xantar) ó Hotel des Mille Collines no que tivo lugar o heroico episodio do xerente hutu Paul Rusesabagina que arriscou a súa vida e a da súa familia para salvar a moitos seres humanos. Falo do hotel de verdade xa que o do oscarizado filme Hotel Rwanda corresponde á rodaxe nun edificio en Sudáfrica.

IMG_1018[1]Hotel des Mille Collines

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.