Saio de Kigali e teño tres horas de bus por diante ata chegar a Gisenyi, no Lago Kivu.
A paisaxe constata que o alcume turístico de Ruanda como o País dos Mil Outeiros foi perfectamente escollido. Moreas de outeiros e tamén de altas montañas. Este país elévase dende case os 1000 m sobre o nivel do mar ata os 4.507 m do volcán Karisimbi no seu punto máis alto.
Hai algo de “civilizado” en Ruanda que aínda fai máis inexplicable entender a súa historia recente. Os autobuses venden unicamente as prazas dispoñibles e saen ás horas establecidas, prezos fixos e publicados, venda de billetes…As estradas do país están ben pavimentadas en xeral. A limpeza de Kigali é extensible ó resto do territorio. As vilas e aldeas, na súa pobreza, ofrecen un aspecto curioso e saneado. A maioría de casas e edificios están correctamente pintadas co patrocinio de casas comerciais que deixan as súas marcas e logotipos sobre as fachadas. Vese unha sensibilidade por manter plantas e xardíns coidados con agarimo. Non o entendo!
Ó pasar á altura de Musanza (Ruhengeri) diviso a bela estampa dos cinco volcáns que forman o hábitat dos gorilas no Parque Nacional dos Volcáns que tamén acolln os restos da bióloga norteamericana Dian Fossey (Gorilas na néboa).
Ando desacougado xa que ninguén me pregunta que fago en Ruanda nin o meu país de orixe. E iso que apenas hai viaxeiros e que un mzungu (así é como nos chaman ós brancos europeos) é facilmente visible. Tan só as miñas botas estilo Panama Jack e as tatuaxes das miñas pernas causan sensación.
Chego a Gisenyi, unha macro aglomeración urbana dividida por unha fronteira. Unha terceira parte no lado ruandés, e as outras dúas, baixo o nome de Goma, na parte da República Democrática do Congo. Unha aglomeración con dous aeroportos distanciados a apenas dous quilómetros e a ambos lados da fronteira. Goma foi territorio prohibido ata moi recentemente polas loitas entre os rebeldes e as tropas gobernamentais de Kabila. Durante varios anos deixou de funcionar o tráfico no lago e, incluso, a visita a Gisenyi era desaconsellada polo risco de incursións rebeldes e balas perdidas.
Gisenyi e desexada por ser lugar de escapada para a clase adiñeirada do país e para os estranxeiros cooperantes. Hai unha praia lacustre ben acondicionada (moi interesante para un país que fica tan lonxe do mar) e numerosos e agradables aloxamentos ó longo da veciña Península de Rubona.
Tento pasar a Goma pero o feito de non ter visado para a RDC axuda a que os oficiais congoleses intenten sacar proveito económico da miña situación. Decido quedar e pasar o día nas ribeiras deste lago e facer compras de artesanía de ambos países. Tamén gozar do meu hotel, Discover Rwanda, na beira do lago e cun xardín moi agradable. Quedo coa suite de amplas xanelas no medio do primeiro andar. Tamén hai que agasallarse de cando en vez…
A boa nova é que os barcos no lago xa volven a funcionar. O día seguinte é domingo e aproveito para coller o barco das sete da mañá que con destino Cyangugu (no outro extremo do lago Kivu) me vai deixar na cidade de Kibuye, a medio camiño.
Durante as tres horas de travesía vou admirando a beleza deste lago, un dos grandes lagos do Val do Rift e entre os 20 máis voluminosos do planeta. Nunha contorna tan espectacular custa entender que o lago fora o depósito de milleiros de corpos executados durante o xenocidio.
Un feito moi curioso de Kivu é que é un dos tres lagos explosivos que hai no mundo xunto cos lagos Nyos e Monoun en Camerún. Kivu sofre o risco dunha erupción límnica, é dicir, de que o dióxido de carbono depositado no seu fondo poida explotar repentinamente formando un tsunami e unha nube tóxica que asfixie toda forma de vida. En Kivu non pasou nada pero nos dous lagos cameruneses xa ten acontecido nos anos 1984 e 1986, matando a ducias de persoas. Dende Gisenyi pódense ver as torres extractivas no medio do lago para aproveitar o metano e axudar á autosuficiencia enerxética de Ruanda.
A chegada a Kibuye é espectacular!.
Encantame a zona do lago e por suposto o hotel. Non oirá falar nunca dos lagos explosivos. Que medo , non?
A verdade, eu tampouco escoitara nunca falar deles pero hai xa tempo vin un filme americano serie B que ía deste tema. Por suposto, pensaba que era unha fantasía para o guión. Medo, pois non. Xa sabes que o perigo está onde menos o contas. Un bico.