Haye ou Butare, a capital culta de Ruanda

Ás tres horas de barco hai que engadir catro horas máis en bus, con cambio en Muhanga (Gitarama) para chegar a Haye (Butare).

Cando se viaxa por Ruanda hai que ter en conta que hai moitos nomes de poboación que teñen mudado nestes últimos anos e conviven simultaneamente cos antigos. Poño dentro do paréntese os nomes tradicionais.

Haye é moi pequena en comparación con Kigali pero mantén un status de cidade culta e de referencia na historia ruandesa. Haye é a sede da Universidade Nacional e do Museo Nacional de Ruanda. Durante a época colonial belga foi bautizada como Astrida en honra da muller do rei Leopoldo III, e funcionou como centro administrativo da metade norte do territorio Ruanda-Urundi.

Museo Nacional

Museo Nacional


Butare malia a súa boa reputación foi exposta a horribles masacres nas que morreron 250.000 ruandeses.

Hoxe pode visitarse a catedral, a máis importante do país, construída en ladrillo vermello polos belgas no ano 1930. Non se pode perder tampouco o interesante Museo Nacional, tamén agasallo belga no ano 1989 para conmemorar os 25 anos da súa independencia.

Catedral de Butare

Catedral de Butare

Dende Haye tomo un bus que en pouco máis de trinta minutos me achega á cidade de Nyamagabe (Gikongoro), a 28 km da primeira. Non hai moito que ver a non ser o Memorial do Xenocidio, outro, na aldea veciña de Murambi. Un instituto en construción que albergou miles de refuxiados escapando dos horrores de Butare. Foi en van. No outeiro de Murambi foron asasinados entre 40.000 e 50.000 tutsis dirixidos cara a el aducindo a súa seguridade polas mesmas autoridades que organizaban e facilitaban armas e transporte á milicia executora. Murambi é o memorial máis explícito do país xa que ademais dunha parte museística conserva 100 corpos a medio momificar de nenos, mulleres e homes envolto nun po de cal para que ninguén esqueza o que alí pasou. Os corpos aparecen amontoados sobre unhas estruturas de madeira. Os visitantes sensibles poden sentirse impresionados.

Mercado en Butare

Mercado en Butare

Déixovos cos “Ten Commandments hutus of Gitera” publicados no ano 1990 como primeira mostra de propaganda antitutsi, en exhibición neste Memorial. Terrorífico odio gratuíto.

Ten Commandments of Gitera

Ten Commandments of Gitera

Hoxe, día 7 de abril, regreso á casa. Primeiro non me decato. Despois comezo a percibir estradas sen apenas tráfico, rúas silenciosas e baleiras, negocios pechados a cal e canto. Hoxe fai 21 anos que a Primeira Ministra ruandesa e 10 soldados belgas foron asasinados pola Garda Presidencial como continuación do derribo o día anterior do avión do Presidente Habyarimana, detonante para o inicio da gran masacre.

Decido parar no camiño de volta a Kigali na capital desta provincia, a cidade de Nyanza (Nyabisindu), onde o rei tutsi Mwami Musinga Yuhi V estableceu a primeira capital estable do país no ano 1899. Aquí pode visitarse a réplica da choza-pazo na que naceu, enorme e sofisticada. Tamén a residencia real do rei Mutara III construída polos belgas no ano 1931 e o Museo de Arte Rwesero especializado en pintura contemporánea.

A pesar do meu esforzo e de ter que tirar da miña equipaxe, todo está pechado.

Sigo camiño a Kigali e as estradas amósanse tristes e en silencio. Numerosas parellas de policías controlando un non sei qué. Polo vagar dos poucos coches parece que neste día a velocidade está máis limitada que de costume.

Ó pasar por aldeas e vilas aparecen grupos de xente coma en procesión. Non hai unha cabeza visible nin portan iconografía algunha. Todos en movemento e caladiños para lembrar e nunca esquecer que un día coma hoxe a tolemia colectiva levou a que unha gran parte da poboación de Ruanda aniquilase sen asomo de piedade nin mostra de humanidade ós seus veciños e irmáns.

Adeus Ruanda, agora si, agora conseguiches facerme chorar.

IMG_1218[1]

Escribo este post antes da saída do meu voo. Chove a mares. Serán bágoas dun millón de mortos?

Un comentario en “Haye ou Butare, a capital culta de Ruanda

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.