Nozomi, o máis rápido dos trens que percorren as liñas Shinkansen en Xapón, o noso AVE. Nunca un título dos meus posts ten sido tan descritivo da situación. Esta foi unha viaxe de traballo sen tempo material para ampliar os meus coñecementos sobre este país que, menos mal, xa visitara noutras dúas ocasións. Viaxes extenuantes e intensivas onde non queda oco para as sorpresas ou os baleiros de programa. As miñas poucas horas sen compromisos estiveron dedicadas a recuperarme dun crecente jetlag que vai medrando a medida que cumpro anos.
Mes: Maio 2015
Coñecendo Galicia – Cidade de Lugo
Un maio moito máis que primaveral e o termómetro chega ata os 31 graos na sempre abafante cidade de Ourense. A lóxica e o desexo de ve-lo mar debería levarnos á costa, pero certos compromisos tiran de nós cara a unha das cidades menos visitadas en Galicia: Lugo.
A súa sona non é excesivamente boa. Para o resto de galegos, Lugo peca de cidade provinciana (no mellor dos casos), pouco interesante e cunha meteoroloxía endiañada. Algo de certo hai, non o imos negar, pero a realidade ten mudado completamente nestes últimos anos. Aínda lle queda moito polo que loitar, tampouco o imos negar, pero hai que recoñecer que Lugo ten dado pasos de xigante para coller ás outras cidades galegas e, nalgúns casos, incluso superalas.