Un maio moito máis que primaveral e o termómetro chega ata os 31 graos na sempre abafante cidade de Ourense. A lóxica e o desexo de ve-lo mar debería levarnos á costa, pero certos compromisos tiran de nós cara a unha das cidades menos visitadas en Galicia: Lugo.
A súa sona non é excesivamente boa. Para o resto de galegos, Lugo peca de cidade provinciana (no mellor dos casos), pouco interesante e cunha meteoroloxía endiañada. Algo de certo hai, non o imos negar, pero a realidade ten mudado completamente nestes últimos anos. Aínda lle queda moito polo que loitar, tampouco o imos negar, pero hai que recoñecer que Lugo ten dado pasos de xigante para coller ás outras cidades galegas e, nalgúns casos, incluso superalas.