Coñecendo Galicia – Cidade de Lugo

Un maio moito máis que primaveral e o termómetro chega ata os 31 graos na sempre abafante cidade de Ourense. A lóxica e o desexo de ve-lo mar debería levarnos á costa, pero certos compromisos tiran de nós cara a unha das cidades menos visitadas en Galicia: Lugo.

IMG_1642[1]

A súa sona non é excesivamente boa. Para o resto de galegos, Lugo peca de cidade provinciana (no mellor dos casos), pouco interesante e cunha meteoroloxía endiañada. Algo de certo hai, non o imos negar, pero a realidade ten mudado completamente nestes últimos anos. Aínda lle queda moito polo que loitar, tampouco o imos negar, pero hai que recoñecer que Lugo ten dado pasos de xigante para coller ás outras cidades galegas e, nalgúns casos, incluso superalas.

A riqueza do seu pasado romano é innegable. As murallas, as mellor conservadas do mundo, con máis de dous quilómetros que pechan a parte antiga da cidade, un conxunto urbano que cada día nos sorprende de ben a mellor. Nestes últimos anos téñense aberto pequenos museos e xacementos arqueolóxicos visitables que nos fan lembrar a importancia que tivo a cidade romana de Lucus Augusti.

Hoxe non imos facer unha visita turística ó uso que, por outra banda, recomendo totalmente. Non dubidedes que algún día faremos neste blog unha pequena guía de todo aquilo que non debe perderse un visitante curioso. Pero coma xa son moitas as veces que temos visitada esta cidade, nesta ocasión ímonos centrar tan só nas novidades e nalgunhas melloras percibidas.

A primeira parada é no novo Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). Inaugurado no ano 2012 na antiga parcela da factoría Frigsa, hoxe Parque da Milagrosa. A cuberta do edificio é un gran xardín arborado no que aparecen un conxunto de patios circulares afundidos. O conxunto arquitectónico soterrado está formado por cilindros de aceiro corten de máis de 8 metros de altura. A idea dos arquitectos Nieto-Sobejano, autores do proxecto, foi facer un parque-museo. Curioso, moi curioso. Coido que a colección permanente ten que mellorar, demasiado breve e con excesivos baleiros históricos. Pero o edificio, ou mellor o non edificio, aí está. Polo menos, chocante.
http://www.lugo.es/ws/mihl/index.jsp

MIHL

MIHL

IMG_1625[1]

IMG_1639[1]

IMG_1634[1]IMG_1636[1]

Tamén nos achegamos a ver as obras (encántame ver obras, os meus amigos rin de min e venme coma un vellote típico que pasa os tempos mortos en obras alleas) do novo Auditorio da cidade. Nada que dicir. Pinta ben. Haberá que esperar a velo rematado. O importante será coma sempre a súa programación. En Galicia, sabemos moito de bonitos espazos para a cultura totalmente baleiros. E o que eu me pregunto é a razón pola que na nosa terra gustamos tanto facer cidade pero fóra da mesma cidade. É dicir, gastar moreas de cartos en construír edificios-icona que pretenden facer tecido urbano e perdurar no tempo, para logo seren construídos lonxe do centro da cidade e en zonas de paso a ningures. O Auditorio de Lugo non escapa desta tendencia.

Novo Auditorio

Novo Auditorio

Moi pretiño, baixando ó río Miño atopamos a nova ponte que une o Barrio da Ponte coa zona do balneario e das Termas Romanas. Outra ponte branca e tensada e inaugurada no ano 2011. A súa estética é agradable e ademais permitiu liberar de tráfico a antiga ponte romana agora usada para fins peonís.

Barrio da Tinería

Barrio da Tinería

Volvemos ó centro da cidade, á Rúa Nova e Praza do Campo en pleno centro antigo. Unha zona que ferve de actividade ao mediodía, pola tardiña, e mesmo nas noites de fin de semana. O costume de ir “de viños” recuperado. A un tiro de pedra da Praza do Campo atópase o Barrio da Tinería, as rúas onde se exercía tradicionalmente a prostitución. Despois dun profundo e necesario lavado de cara, o barrio comeza a lucir como merece. Estanse abrindo bonitos bares de copas (lounge de apelido) e restaurantes cun “aquel”. Haberá que esperar algúns anos máis para a súa total recuperación pero o barrio promete ser un dos próximos referentes turísticos e de diversión na cidade.

IMG_1645[1]

Barrio da Tinería

Praza do Campo

Praza do Campo

Á hora do xantar acudimos a un dos referentes gastronómicos aberto no ano 2013: a Pulpería Aurora do Carballiño, nunha das rúas laterais da Estación de Autobuses. AíndIMG_1687[1]a que a alusión ao Carballiño funcione en todo o que teña que ver co mundo do polbo (a sona da xente do Carballiño como os mellores polbeiros de Galicia é ben ganada), Aurora, a propietaria, é realmente carballiñesa e comezou o seu negocio nesta vila de Ourense co famoso e xa pechado Bar do Pulpo. Podemos ver a Aurora nas súas carpas itinerantes por moitas das romarías galegas. Volvendo ao restaurante, boa comida e prezos razoables. Ambientación galega de nova xeración. Con moito gusto. Sen dúbida o futuro dos restaurantes galegos debe pasar por aí. Isto si, Aurora debe ter conta dos prezos no seu menú xa que hai algún prato un tanto “disparado”.
http://www.pulperiasaurora.com/

Finalmente, saímos cara ao norte pola N-VI, ata chegar á parroquia de San Martiño de Guillar no Concello de Outeiro de Rei, a quince minutos en coche dende o centro de Lugo. Hai xa algúns anos abriuse ó público unha exitosa experiencia turística e medio ambiental. Falamos de Marcelle Natureza, o primeiro parque aberto en Galicia para gozar cos animais. Un zoo sen gaiolas onde dá a impresión que os animais non o pasan mal de todo. A entrada é unha chisca cara, 12 € para os adultos, pero paga a pena. O parque está ben coidado e nunha zona de moito verdor na beira do río Miño, xa dentro da Reserva da Biosfera “Terras do Miño”. Para moitos cativos Marcelle será o primeiro contacto co mundo animal. Por un suplemento de 3 € pode visitarse a coñecida como Reserva, un área onde os animais poden moverse con certa liberdade e sen valados, e sempre acompañados por un guía que axudan a interpretar a fauna e os seus comportamentos. Ademais na parroquia veciña de Santa María de Vicinte, a tan só 12 km de Marcelle, temos o Parque Zoolóxico Avifauna con máis de 250 especies de aves dos cinco continentes. Un bonito día en familia totalmente recomendable.
http://www.marcellenatureza.com
http://www.avifauna.net

IMG_1691[1] IMG_1703[1]

2 comentarios en “Coñecendo Galicia – Cidade de Lugo

  1. totalmente de acordo co tema dos auditorios fora do núcleo urbano. No caso de Ourense non hai queixa, está ben situado. Moi bonito o museo coma edificio. As fotos que colgache estupendas coma sempre. Parecéronme moi graciosos os pipotes xigantes na pulpería aínda que se cadra un chisco abafantes.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.