Xapón a velocidade de Nozomi

Nozomi, o máis rápido dos trens que percorren as liñas Shinkansen en Xapón, o noso AVE. Nunca un título dos meus posts ten sido tan descritivo da situación. Esta foi unha viaxe de traballo sen tempo material para ampliar os meus coñecementos sobre este país que, menos mal, xa visitara noutras dúas ocasións. Viaxes extenuantes e intensivas onde non queda oco para as sorpresas ou os baleiros de programa. As miñas poucas horas sen compromisos estiveron dedicadas a recuperarme dun crecente jetlag que vai medrando a medida que cumpro anos.

Dotombori

Dotombori

Unicamente tempo para achegarme ata Dotombori, no distrito central de Namba. Un antigo barrio de teatros reconvertido en zona de lecer nocturno. Tamén unha das imaxes icónicas de Osaka, coa canle que une dous tramos do río Yokobori e con moreas de rechamantes neons que iluminan os restaurantes e bares da zona. Aquí se atopa o famoso anuncio da empresa alimenticia xaponesa Glico, a icona máis fotografada na que aparece un corredor chegando á meta.

IMG_1777[1]IMG_1778[1]

Nesta ocasión observo menos xente nova seguindo as modas marcadas polas tribos urbanas propias deste país. En Xapón, rexido por unhas normas sociais moi estritas e cunha forte presión académica e laboral, a xente moza busca novas formas de expresarse a través da súa vestimenta e, ao mesmo tempo, integrarse e ser aceptados en grupos afíns. Que ninguén se engane, non deixan de ser disfraces que se desmontan facilmente para seguir coa normalidade de cada quen. Na sociedade xaponesa non son ben vistos os feitos diferenciais a non ser como divertimento. Invítovos a consultar algunhas das numerosas webs sobre as tribos urbanas xaponesas. Sempre son curiosas e moi vistosas e din que o futuro das sociedades que perden a súa capacidade de socializar vai por aí…

http://urbanculturesintheword.metroblog.com/japans_urban_tribes

O terceiro día de viaxe tomamos o tren Nozomi que percorre os 515 quilómetros da liña Tokaido Shinkansen entre as estacións de Shin-Osaka e Toquio. Esta liña leva o nome da principal estrada que comunicaba a antiga capital de Kioto con Toquio durante o período Edo. Pago 112 € ao cambio por unha viaxe de dúas horas e media na que a paisaxe é unha urbanización sen fin mesturada con breves e verdes campos de arroz. Osaka, Kioto, Nagoya, Yokohama, Toquio… unha aglomeración urbana case sen interrupción. Será así o futuro? O monte Fujiyama asoma pola esquerda breves minutos e, nesta ocasión, aparece coroado por un manto de nubes.

IMG_1828[1]

tren

Aberta en 1964, a liña Tokaido dos Ferrocarrís Xaponeses (JR Central) foi a primeira con alta velocidade de todo o mundo. Son tres os tipos de trens que a percorren: o Nozomi (2h 30´), O Hikari, que se detén nalgunhas estacións máis que o anterior (3h), e o Kodama (4h), o máis lento con parada en todas as estacións. Hai un mínimo de oitos trens/hora dende as 6 da mañá ás 11 da noite, e algúns máis en horas punta. Como me fai lembrar os trens galegos …

Xa en Toquio, tempo para nada. Aloxado no Hotel Okura Tokyo, un encantador hotel vintage pronto a desaparecer vítima da presión urbanística, achégome a un pequeno santuario no alto dun outeiro rodeado por altivos rañaceos. De repente, desaparece o barullento tráfico automobilístico e o rápido movemento dos habitantes desta cidade. Outro ritmo. O Xapón que amo.

IMG_1845[1]IMG_1835[1]

IMG_1848[1]

Un comentario en “Xapón a velocidade de Nozomi

  1. moi divertido o enlace das tribus urbanas. Encantoume o look da enfermeira asasina de Kill Bill. O das princesas dame moitísima grima. Dentro de pouco tamén viaxarei ó Xapón, como xa sabes, así que supoño que veréis unos cantos.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.