Tiña que ser e tiña que ser xa. Levabamos tempo e tempo comprometidos coa nosa boa amiga María José para visitar a súa familia e a súa actual residencia en Zaragoza. María José e máis eu eramos veciños de cativos e amigos íntimos dende a adolescencia. María quéixase sempre de que recibe poucas visitas e non entendo por que. Non hai mellor anfitrión, e ela e os seus fante sentir na casa.
Son cinco días de viaxe, acabado de chegar de Corea, e canso como un burro. Aínda así sempre afronto as nosas viaxes por España coma un pracer absoluto. España ten unha oferta extraordinaria, variada e espontánea. O cambio de Comunidade tamén supón un cambio de ritmo, de lingua, de matices na fala, de gastronomía e ata de xeito de vivi-la vida. Dentro do meu discurso de promotor turístico (o rollo que boto ós que me escoitan cando falo de España como destino turístico) gusto de facer apoloxía da riqueza deste país que máis parece un pequeno continente pola variedade da súa oferta.
Pómonos en camiño decididos e sen medo aos case 2.800 km que imos percorrer e a temperaturas de ata 38 graos.
-FRÓMISTA-
Na viaxe de ida facemos unha única parada en Frómista, pequena vila na bisbarra da Terra de Campos palentina. Esta poboación acolle a moreas de peregrinos que percorren o Camiño Francés e, polo tanto, conta con numerosos aloxamentos e restaurantes. O principal atractivo de Frómista reside na igrexa de San Martiño de Tours, considerada coma unha das obras mestras do Románico europeo. Principiada na segunda metade do século XI completaba o edificio dun mosteiro hoxe desaparecido. Ademais do tamaño da construción, moito máis grande que as nosas igrexas románicas, chama a atención as curiosas torres cilíndricas que flanquean a fachada principal e o gran ciborio octogonal, ambos os dous moi pouco habituais do estilo románico. Chegados aquí, non esquecer a igrexa gótica de San Pedro e a igrexa de Santa María do Castelo, a moi pouca distancia da anterior, esta última cunha montaxe multimedia 3D sobre a historia da vila. Hai entradas combinadas e guiadas. No caso de Santa María as visitas son para grupos dun mínimo de 6 persoas. En San Martiño, e para rematar, o viaxeiro pode deleitarse ó solpor con actuacións musicais.
-ZARAGOZA-
Esta cidade é unha vella coñecida xa visitada en repetidas ocasións. A pesar do seu tamaño e acoller a máis da metade da poboación aragonesa, non deixa de ter certo aire provinciano.
Nos últimos anos ven realizando moitas melloras froito do seu papel como capital autonómica, pero hai algo que non acaba de emocionar. A Zaragoza fáltalle forza e personalidade. O seu clima extremo non axuda (38º e principios de xuño!). E as migas e o ternasco, delicatessen da gastronomía local, tampouco namoran. O que si ten Zaragoza e Aragón por extensión é unha xente estupenda, con moi bo feeling.
Facemos unha mestura e visitamos a cidade monumental pero sen esquecer as últimas incorporacións á súa oferta cultural e turística.
Zaragoza carece dun casco antigo como o entendemos á galega. É mais ben a zona nobre onde se atopan os principais monumentos da cidade: a praza da Basílica do Pilar coa Seo Catedral, a Lonxa, a igrexa de San Xoán dos Panetes, o veciño Mercado Central e os restos da muralla romana. Dentro da améndoa turística achegámonos á torre mudéxar da igrexa da Magdalena, aos impresionantes restos do Teatro Romano e ao Teatro Principal.
De paseo pola parte nova visitamos o Palacio da Aljafería, sede actual das Cortes de Aragón e impoñente edificio do legado mudéxar de Aragón declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Para os interesados na influencia deste estilo construtivo hispano – musulmán e a súa aplicación en edificios cristiás, a Oficina de Turismo de Zaragoza ten deseñada unha ruta mudéxar bastante interesante. Hai que ter en conta que o mudéxar é unha arte autóctona e exclusivamente hispana polo que Zaragoza e Aragón ofrecen unha oportunidade única.
http://www.zaragoza.es/ciudad/turismo/es/que-visitar/sitios-interes/mudejar.htm
Tamén visitamos o novo cubo suspendido do Caixa Forum, o vistoso Museo Pablo Serrano construído sobre as antigas naves industriales do Fogar Pignatelli e a inmensa Estación de Delicias deseñada para dar a benvida á chegada do AVE.
Finalmente, dirixímonos cara ó antigo recinto da Expo 2008 na ribeira do río Ebro. Afortunadamente e a diferenza do que pasou en Sevilla, aquí hai unha boa conservación da contorna para os estándares hispanos. A Cidade da Xustiza ocupa os antigos pavillóns da Expo dando un pouco de vida á zona. Poderíamos darlle un aprobado alto a non ser o Pavillón Ponte deseñado pola británica de orixe iraquí Zaha Hadid (a mesma da Praza do Deseño de Seúl) que se atopaba completamente pechado. Pero non é unha ponte? Inquiridas por nós, o persoal da Oficina de Turismo responde que se abre tan só para exposicións temporais. Pero, …non é unha ponte?
Como a nosa amiga vive lonxe do centro, na estrada de Huesca, e nos días sucesivos chegamos tan cansos das nosas saídas diarias, damos Zaragoza por vista. Queda a mágoa de non poder gozar cunha boa rolda de viños no Tubo (pequeno barrio de viños) ou dun espectáculo de cabaré “ibérico” en El Plata (din que o cabaré máis antigo de España).
-ALBARRACÍN E TERUEL-
O terceiro día arrancamos para o sur de Aragón. O obxectivo é visitar unha teima miña: Albarracín “a vila máis bonita de España”.
Chegamos a Teruel pola autoestrada e quedo abraiado. No medio da estepa aparecen aparcados un montón de avións de gran tamaño. E cando digo un montón estou a falar duns trinta ou máis, incluído algún modelo Boeing 747. Eu que adoro a aviación nunca escoitara falar dalgún aeroporto en Teruel. A sorpresa é maiúscula. Seguindo o espírito de San Tomé desvíome do meu itinerario para chegar ata o edificio Terminal. Todo queda aclarado. Estamos no antigo aeródromo de Caúde usado posteriormente como campo de tiro; instalación militar obsoleta comprada polo Concello e a Deputación de Teruel. Non hai voos de ningún tipo a non ser aquelas aeronaves que chegan para labores de mantemento, reciclaxe ou simple aparcamento na coñecida como Plataforma Aeroportuaria de Teruel (PLATA). Parece que a iniciativa é un éxito e conto 20 reactores da compañía rusa UT Air. Polo visto, a plataforma de estacionamento é a maior de Europa e a pista de aterraxe de case 2.900 metros permite voos orbitais.
A paisaxe vaise facendo máis amena a medida que entramos na serra. Ós pés de Albarracín quedo abraiado por segunda vez. O conxunto construído e o emprazamento son magníficos. Subimos aos castelos e deambulamos sen tempo limitado pola vila. Boto en falla un pouco de oferta de tendas e establecementos de restauración na parte histórica. Pero as dúas frases sobre Albarracín no folleto que entregan na Oficina de Turismo fágoas totalmente miñas: Non o podes perder!, E Quererás volver!
Teruel,…facía tempo que non viña. Visitada hai xa moitos anos durante as Fiestas del Angel de Teruel (coñecidas popularmente como Fiestas del Torico) é a terceira grata sorpresa da xornada. Teruel a esquecida, “Teruel Existe” como proclamaba a Coordinadora Cidadá do mesmo nome no ano 99. Pois ben, Teruel é unha agradable cidade de provincias con moita vida. Ten algo de próximo e de calor humano que non percibín en Zaragoza. O seu emprazamento, agradable. Os seus valores patrimoniais tampouco están mal. De novo moito mudéxar: a Catedral, as torres do Salvador, a de San Martiño, a de San Pedro…soberbias. Restos da muralla, torres defensivas. A Praza coa famosa fonte do minúsculo Torico, chea de vida. E os Amantes de Teruel, unha bonita e romántica historia de amor cun mausoleo visitable para difundir o romance de Isabel de Segura e Juan Diego Martínez de Marcilla.
Non se me ocorre mellor forma de pasalo o día que visitando Albarracín e Teruel.
-DOS MALLOS DE RIGLOS A AÍNSA, VíA O CASTELO DE LOARRE-
Na nosa cuarta xornada tomamos dirección norte. Primeiro cara á vila de Ayerbe, xa que aquí pretiño levántanse os coñecidos como Mallos de Riglos. Mallos para definir esas formacións xeolóxicas rochosas con farallóns e agullas características do val do Ebro; e Riglos pola pequena aldea que se asenta ós pes dos mallos. A que foi unha foto representativa de Aragón en moitos carteis turísticos ben paga a pena o desvío dende Ayerbe.
A seguinte parada é o Castelo de Loarre. A moita xente faráselle coñecido pola rodaxe do filme “O Reino dos Ceos” de Ridley Scott. A verdade que o escenario foi escollido con tino. Posiblemente a imaxe máis visual sexa a aproximación pola estrada que vén da aldea de Loarre: o castelo impoñente sobre as rochas rodeado pola muralla que acubillaba a poboación en caso de ataque. A imaxe da traseira do castelo dende o aparcadoiro tamén é excelente. Contade cunha hora de visita tanto sexa guiada coma non. Durante a nosa estadía comprobamos a posibilidade de realizar visitas a cabalo polos arredores e voos en parapente bipraza para as mellores vistas pendurados sobre o castelo.
http://www.castillodeloarre.es/vistas/01.aspx?id=13
http://www.aladinia.com/vuelo-parapente-loarre-huesca
De Loarre subimos cara ó norte e introducímonos en pleno Pirineo. O obxectivo e chegar a Aínsa, a “vila bonita” do Pirineo Aragonés. Non é Albarracín pero non hai queixa. Máis pequena pero chea de aquela oferta que botábamos en falla na vila turolense. Entramos polo castelo e visitamos a Praza Maior, a igrexa e o pequeno conxunto de rúas e rueiros do casco antigo. Moitos visitantes de orixe francesa pola relativa proximidade da fronteira. Outro estilo construtivo, moi do norte e tan diferente que costa entender que pertenza a mesma Comunidade que outras moitas aldeas e vilas visitadas durante esta viaxe.
-XACEMENTO DE ATAPUERCA-
Aquí remata a nosa viaxe. O día de volta disparamos un último tiro e facemos unha parada estratéxica.
Agora na provincia de Burgos, xa cerca da capital e a 15 km antes de chegar pola estrada N-120. Hai dous anos visitamos o novo e lucido Museo da Evolución Humana en Burgos capital. Agora tócalle a vez ó xacemento onde se atoparon os restos humanos máis antigos de Europa e que lle valeron a declaración de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
Na aldea de Ibeas de Juarros paramos no CAYAC (Centro de Acceso aos Xacementos) xusto dez minutos antes da última visita da mañá. Temos sorte xa que aínda quedan unhas poucas prazas libres e pasa a recollernos un autobús que procede do centro de Arqueoloxía Experimental (CAREX) na aldea de Atapuerca. Realmente a visita completa a Atapuerca contempla os dous Centros de Interpretación mencionados, máis o Museo de Burgos e a propia visita aos xacementos na serra de Atapuerca, a escasa distancia do CAYAC.
Pagamos 6 € e realizamos unha visita a tres das oito escavacións da serra cunha duración de hora e media. O noso medo era que a visita fose excesivamente técnica, pero nada que ver. A nosa guía (e deume a impresión que as dos outros grupos tamén) era excelente. Unha licenciada en Historia da Arte que participa nas escavacións de verán e traballa como guía o resto do ano. A guía soubo combinar perfectamente as técnicas de atención para que ante paredes silenciosas e pouco atractivas puideramos facernos unha imaxe bastante clara do que debía ser a vida cotiá de hai 800.000 anos.
Os interesados deben ter en conta que a visita aos xacementos é unicamente posible con guía e no autobús da organización.
http://www.atapuerca.org/
Seguimos camiño e entramos en Galicia. Nunca nos pareceu tan verde e bonita despois deste deambular polas estepas de Castela e Aragón.
Eu fixen una ruta moi parecida hai unhos anos e tamén me encantou. Teño pendente Atapuerca que sempre paso de largo. Á ida levo presa e á volta vou cansanda. algún día pararei supoño