O nome deste post podería ser: Viana do Castelo – A cidade esquecida. A tan só media hora por autovía dende a nova ponte internacional de Goián (Galicia)/Vila Nova da Cerveira (Portugal), é unha das principais cidades do norte do país veciño cunha poboación preto dos cincuenta mil habitantes. Non obstante, se preguntamos en Galicia, o mercado potencial de turistas máis próximo, moi pouca xente amosará algunha preferencia por Viana ou interese en ir coñecela.
Dáse a casualidade que a autovía que principia pouco despois de pasada Vilanova da Cerveira e chega ata Viana é gratuíta. Realmente é unha das antigas autovías sometidas a peaxe a través de pórticos cos complicados sistemas de pagamento instaurado en Portugal dende a crise, pero no tramo mencionado está liberada e non hai que soltar nin un euro.
Entón, será que é fea e sen patrimonio de interese? Pois non. Viana do Castelo ofrece un agradable conxunto histórico e unha fermosa estampa na desembocadura do río Lima (Limia para os galegos) ao pé do outeiro no que se ergue o templo de Santa Luzia. Esa basílica que fai lembrar a moitos o Sacré Coeur parisiense e eu incluso diría que con mellores vistas que o templo de Montmartre.
Viana ofrece un entretido paseo de dúas horas para visitar unha morea de edificios nobres como os Antigos Paços do Concelho, a Casa dos Melo Alvim e a Casa dos Condes da Carreira; arquitectura relixiosa como a igrexa e o edificio da Misericórdia, a igrexa Matriz, a igrexa de São Domingos e as capelas das Malheiras e das Almas; sen esquecer harmónicos espazos urbanos como o Largo de São Domingos e, sobre todo, a Praça da República, o centro de Viana.
A visita a Viana compleméntase cos dous castelos, entre eles o da São Tiago da Barra que dá nome ao topónimo da cidade, a ponte deseñada pola prestixiosa Casa Eiffel, e o navío Gil Eannes, antigo hospital flotante que acompañaba á frota bacallaeira agora reconvertido en espazo museolóxico e Centro do Mar.
Os seguidores das arquitecturas de última fornada teñen dúas citas ineludibles na beira do río: a Biblioteca Municipal, obra do arquitecto portugués máis internacional Álvaro Siza, e o Centro Cultural, obra de Eduardo Souto de Moura. Ambos arquitectos galardoados respectivamente nos anos 1992 e 2011 cos Premios Pritzker, considerados como os Premios Nóbel de arquitectura.
A guinda de Viana é o templo do Sagrado Coração de Jesus tamén coñecido como basílica de Santa Luzia, na montaña do mesmo nome. Tan só as vistas dende o miradoiro xa fan que pague a pena a subida ata aquí. Para os viaxeiros sen coche hai un funicular, o máis longo de Portugal, cun percorrido de 650 m dende o centro da cidade. Na mesma montaña, doutro lado do santuario, poden visitarse os restos do poboado castrexo ou citania de Santa Luzia que axudará a entender o proceso de romanización do Alto Minho.
http://www.cm-viana-castelo.pt/pt/posto-de-turismo
Supoño que esta altura os lectores deste blog teranse que preguntar cal é o problema de Viana do Castelo. Río, mar, praias e interesantes atractivos. Tería que ser un destino turístico de primeira orde a nivel rexional pero…a Viana fáltalle vida! O que é un “pero” en moitos lugares de Portugal é un auténtico inconveniente nesta cidade. Falta de grandes citas anuais ou programación de eventos. Pero sobre todo falta de vida nas súas rúas, especialmente preocupante despois do solpor. Ambiente entre aburrido e somnolento máis propio de lugares máis pequenos. Parece que as autoridades municipais andan preocupados intentando darlle unha volta a esta situación. A ver se o logran… polo de pronto os meus mellores desexos xa que Viana do Castelo merece ocupar un posto mellor na carreira turística.
Durmimos no hotel Flor de Sal, un catro estrelas relativamente novo situado na parte traseira do porto. Parece unha antiga zona industrial buscando reconverterse en polo de atracción turístico por mor da súa proximidade ao mar e a unhas pequenas praias escasas de area e batidas polo vento (non de estrañar na costa portuguesa). O hotel case bica o mar cando sobe a marea e un apetecible paseo que pasa mesmo por diante do edificio do hotel permite percorrer a costa. Os cuartos con vistas ao mar son amplos e posúen unha estupenda terraza para pasa-las horas. No “menos” da súa oferta conta a tarifa aplicada nesta época do ano e un almorzo un tanto limitado para o que é de esperar. O noso amigo José Ramón, habitual desta cidade, tennos falado do Hotel Boutique Laranjeira coma unha perfecta opción, céntrica e máis económica.
Unha vez se vén a Viana é de total obriga participar nun arraial miñoto. Segundo os dicionarios portugués e galego, un arraial é un lugar onde ten lugar unha festa popular, e o adxectivo miñoto fai referencia ás cousas propias do Minho, a antiga e máis setentrional provincia do norte de Portugal que leva o nome do río que comparten ambos países. Todo xunto… difícil de explicar.
Viana do Castelo é coñecida en Portugal, e bastante menos en Galicia, por dous macro complexos festivos que se atopan na N 13 camiño do Porto. O primeiro chámase Santoinho e está a escasos cinco quilómetros do centro de Viana. O segundo, Malafaia, atópase 10 km máis aló, pero a distancia non debe ser importante xa que se autoproclama como a mellor e máis grande festa de Portugal. Coido que paga a pena que botedes unha ollada ás súas webs para entender de que estamos a falar:
http://www.santoinho.pt
http://www.quintadamalafaia.pt/localizacao.php
Un arraial é aquilo que a maioría dos galegos estamos desexando coñecer sempre que pasamos por Viana pero non nos atrevemos a propoñer por se peca un pouco de máis de popular. Dito isto, chapó polos portugueses! Adoro este país. Eles non teñen ningún problema en mostrar as súas tradicións facendo unha festa para todo o mundo.
Descoñezo se é o mellor arraial pero nós participamos no de Santoinho, xa que esta fin de semana pasada o de Malafaia non estaba a funcionar.
De forma esquemática paso a describir o que ofrece Santoinho, vello veterano con xa 43 anos de actividade ininterrompida:
Unha quinta, un recinto ben coidado con amplo aparcadoiro e numerosos elementos etnográficos portugueses incluídos dous pequenos museos: o dos Transportes e o dos Trajes e Costumes.
Festa todos os sábados de maio a novembro con días extras no mes de agosto. A cita é ás 8 da tarde e dura cinco horas.
Capacidade para ata 2.500 persoas.
Prezo único de 16,5 € para adultos e 8 € para os rapaces. Prezos a negociar segundo o tamaño do grupo.
Un menú composto por sardiñas, polo e carne, para rematar con caldo verde. Viño a esgalla.
Animación con orquestra popular, grupos folclóricos, recreación da malla, xigantes, e choiva de globos.
Hai que dicilo, todo moi ben organizado. A sorpresa foi o ambiente tan participativo do case sempre recatado pobo portugués. Tamén me sorprendeu a importante presenza de xente nova e rapaces entre o público asistente.
Non o dubidedes, hai que vir. É posible que non sexades o público obxectivo deste tipo de eventos. Eu non o son. Pero a experiencia é simpática e diferente. E está a un tiro de pedra da nosa casa!
O último día achegámonos a Amorosa, unha urbanización nova e insípida ao sur de Viana do Castelo construída coma segunda residencia e lugar de veraneo a carón dunha praia bonita e ventosa. Comemos na Tasca do Gomes, o aspecto por fóra non invita a entrar pero o peixe á grella é exquisito. Os prezos en xeral teñen pouco de tasca pero os sabores son propios dun restaurante de alto nivel.