Galicia é rica en festas populares. Nos meses de verán hai oferta a esgalla. Mesmo onte confluían a Festa do Viño Albariño en Cambados, as Carrilanas en Esteiro (Muros) e a Romaría Viquinga de Catoira, e non dubidedes que habería unhas cantas máis. As nosas preferencias foron pola recreación dos ataques nórdicos nas costas galegas. Había xa unha ducia de anos que non pasaba por Catoira e de seguro que a serie de televisión “Viquingos” tivo algo que ver.
Escollemos viaxar en tren. As festas son para vivilas e os controis de tráfico poden arruinalas. Mellor, seguro. A vía do tren que vai dende Santiago de Compostela cara a Pontevedra está desdobrada, a vella pola que pasan os trens rexionais con paradas en todas as estacións; e a nova, a do chamado AVE atlántico con parada unicamente nos grandes núcleos de poboación. Por Catoira pasan as dúas vías, pero tan só a vella ten parada. En menos de media hora e por unha tarifa de 6,40 €, ida e volta, poñémonos no noso destino.
Estamos na parte final e máis estreita da Ría de Arousa. Catoira non ten praias e o feito de estar dentro do triángulo Padrón-Caldas de Reis-Vilagarcía de Arousa provoca que a sona desta pequena capital de concello non vaia máis aló desta festa.
A cita é nas ruínas das Torres de Oeste, á beira das augas da ría. As escavacións arqueolóxicas no recinto amosan a existencia dun poboado anterior dedicado ao tráfico marítimo e a un intenso intercambio de mercadorías. Castrexo, fenicio ou romano? Non hai unha única teoría. Escollede a que vos praza. A máis estendida fala de que este podería ser o emprazamento das Turrem Augusti romanas citadas polo escritor Pomponio Mela e construídas para a defensa contra os ataques de piratas que remontaban o río Ulla como entrada natural cara ao interior de Galicia. Independentemente da súa orixe, seica cumpriron coa súa finalidade dificultando durante séculos as incursións de sarracenos e de viquingos (tamén mal chamados “normandos”). O que vemos agora son os restos de dúas das sete torres que formaban o Castellum Honesti, o recinto defensivo posterior mandado construír polo monarca Afonso III O Magno no século X e que funcionou ata o reinado dos Reis Católicos.
Os viquingos atacaron Galicia en catro ondadas entre os séculos IX e XII, parece ser que atraídos pola sona das riquezas de Compostela. E non eran poucos, xa que se fala de entre 100 e 200 drakkars nalgunha destas incursións. Foi na segunda ondada cando tivo lugar o ataque a Catoira, camiño das naves cara a Iria Flavia (Padrón), que daquela era sé episcopal. Iria Flavia e Santiago foron saqueadas.
Hoxe en día hai moita xente en Galicia que reivindica o seu pasado viquingo. Eles quedaron por aquí e mesturáronse coa poboación local. En moitas localidades da costa galega é fácil atoparse con louros e louras de ollos azuis. Entón…?
Pero volvamos á festa. Realmente comeza o día anterior, aínda que o verdadeiramente atractivo para os que imos de fóra é a recreación do desembarco. O terreo que rodea ás ruínas do castelo é unha xunqueira inundable con marea alta. Son as pasarelas de terra ou madeira as que permiten chegar ata aquí. Dende as 12 da mañá o Concello de Catoira agasalla os visitantes cunha mexilloada e viño tinto pelexón gratuítos. O desembarco comeza á unha do mediodía. Nesta ocasión eran catro as réplicas dos drakkars noruegueses que viñan paseniño pola ría, dende debaixo da nova ponte do AVE. Os “viquingos” chegan nunhas condicións que non son as máis propicias para o ataque. Moitos tiñan aspecto de non terse deitado en toda a noite e a maioría despedían cheiros etílicos ao lonxe. Por se era pouco, a marea baixa deixaba ao descuberto toneladas da lama que verte o río na súa desembocadura. A loita entre romanos, galaicos e viquingos provocou máis dun sorriso. Ás poucas ganas de batallar xuntábase que a lama provocaba que os invasores se afundiran unha e outra vez con total imposibilidade de avanzar. Nestas condicións e en tempos chegaría cun único defensor que iría pasando a coitelo aos que quedaban embulleirados nas ribeiras de Catoira. Ben, xa sabemos que daquela a ría tiña maior profundidade e que os viquingos eran expertos navegantes.
Despois do desembarco, pois pouco que facer. Botar unha ollada ao pequeno mercadiño (nada especial) ou tomar un aquel nas carpas habituais das romarías. Sen dúbida Catoira ten que dar un paso adiante e enriquecer as súas festas de contido. Non é difícil, hai moito onde copiar.
Esta tierra gallega siempre me sorprende por su diversidad de culturas. Tu reportaje muy didáctico, a pesar de que me cuesta un poco traducir al castellano.
¿Alguna escapada más prevista antes del viaje asiático?
Felicidades por el blog.
Hola Rosi. Siento que te cueste un poco más el gallego pero si no lo hablamos los nativos estamos ayudando a que se pierda esta lengua tan bonita. Tienes razón, Galicia es increíble y da para mucho. Ya sabes que estoy deseando verte de nuevo por aquí. Lo de la escapada será un poco difícil; estoy en la recta final de mi tesina y todo el tiempo no me llega a nada. Un bico grande.