Queridos lectores deste blog, tedes que perdoar o atraso deste último mes na publicación dos post correspondentes, pero decidín que as merecidas vacacións ían selo de verdade e que non me ía dedicar máis que a esquecer a miña vida cotiá. Enlacei a viaxe de Frankfurt coa escapada polo sueste asiático e andando itinerante resúltame moi complicado dedicarme a estas cousas. Agora levo un par de días na casa pero totalmente aparvado por causa do jet lag.
Pero falemos de Frankfurt. Teño que recoñecer que non son un defensor desta cidade. É máis, por diversas razóns tanto de traballo como particulares é un destino que teño visitado nunha morea de ocasións. Nunca sentín nada especial e éme totalmente indiferente. Non é que me sinta mal en Frankfurt, non, pero tendo en conta que é unha das capitais financeiras (por non dicir “a capital”) de Europa, coido que peca de excesiva insipidez.
Ninguén lle pode negar a calidade de vida que se respira nesta metrópole. Un aeroporto de primeirísimo nivel con voos a todos os recunchos do mundo. E unha oferta comercial moi atractiva na que sempre peco e pico. Se fago reconto das miñas andainas polo mundo, Frankfurt será posiblemente a cidade estranxeira que teño visitado en máis ocasións e na que teño deixado un bo montón de cartos. Pero aínda así…
O que si é de salientar é que Frankfurt celebra unha vez ao ano nas dúas beiras do río Meno a festa popular máis participativa de toda Alemaña. Calquera viaxeiro diría que “a festa” é sen dúbida a da cervexa en Múnic. Pero seica non é así. Os tres millóns de visitantes que declara a propia web da festa son imbatibles, e os alemáns non son amigos de grandes exaxeracións.
Falamos do Museumsuferfest traducido como festa da ribeira dos museos de Frankfurt. Todo vén a conto da magnífica oferta de museos e espazos expositivos da cidade cuns 80 contedores culturais para unha poboación que non supera os 700.000 habitantes. Museos que en gran parte se sitúan nun curto treito en ambas as dúas beiras do río Meno. Aquí ten lugar todos os anos a finais do mes de agosto durante unha fin de semana (de venres ao mediodía ata o domingo ás doce da noite) unha exaltación e celebración da cultura como tal. Envexable e propio de alemáns!
A festa dura ata a unha da madrugada o venres e o sábado, rematando cuns vistosos fogos de artificio o domingo a media noite. É unha festa para todos os públicos na que un agradable paseo a carón do río permitirá descubrir postos de artesanía, información, gastronomía de moitos lugares do mundo e…música. Máis de 500 eventos e moita música de diversos estilos e numerosos países.
Cada ano hai un país invitado. Nesta ocasión é a Indonesia cunha forte presenza a través da súa gastronomía, artesanía e música. España é o único país que ten un posto reservado dende o ano 2011. Unha serie de mostradores informativos sobre diversos destinos turísticos, un restaurante xestionado polo Centro Galego de Frankfurt e un escenario cunha programación continua na que están presentes as diversas comunidades autónomas. Galicia participa por terceira ocasión, esta vez a través da música da gaiteira Cristina Pato que achega un punto de equilibrio setentrional e atlántico con respecto á abundante presenza musical de Andalucía.
Sen esquecer o máis importante, co gallo da festa os museos teñen unha programación especial con actividades extraordinarias, exposicións de alto interese e horarios ampliados ata ben entrada a noite. Ofértase un pase que permite a visita a todos os museos participantes.
Se Frankfurt adoita escasear de atractivos, esta fin de semana é a mellor escusa para achegarse e participar do peculiar ritmo desta cidade.