Hong Kong, ou a ver quen a ten máis grande

Por se non é evidente, o titular pretende ser irónico. Pero esa é a impresión xeral que provoca o skyline desta agora Rexión Autónoma de China.

Skyline da illa de Hong Kong dende Kowloon.

Skyline da illa de Hong Kong dende Kowloon.

Tras vinte e catro horas de voos e aeroportos aterramos en Hong Kong. Voamos coa estupenda compañía Emirates, unha das compañías dos Emiratos Árabes que conxuntamente con outras compañías da zona como Gulf Air, Etihad, Qatar Airways e Turkish Airways dedícanse a trasladar por prezos económicos e bo servizo (debidamente subvencionadas polos seus ricos gobernos) a milleiros de pasaxeiros entre Europa e Asia. Realizamos unha breve escala en Dubai e puntuamos a relación calidade/prezo do servizo cun sobresaliente. Temos o plus engadido de voar por primeira vez co novo avión de Airbus, o modelo 380, entre Dubai e Hong Kong. O Airbus 380, que asemella un Jumbo con dous andares, está considerado coma o avión comercial máis grande do mundo.

FullSizeRender (6)

Malia a puntualidade de Emirates, da pertinencia das escalas e do bo entretemento a bordo, chegamos feitos un desastre. E a primeira labazada danos de fronte e na cara. Chegamos de noite e tiñamos reservado o Mini Hotel Central no distrito Central da illa de Hong Kong. Pretendía que fose un bo comezo de viaxe cun hotel boutique que xa advertía do pequeno tamaño dos seus cuartos pero que gozaba dunha boa situación en plena zona da movida hongkonesa. Impresentable! É o único adxectivo que me vén á cabeza. Polo prezo dun catro estrelas en España obtivemos un cuarto ridiculamente anano, lixeiramente máis grande ca un armario encaixado no que non había nin sitio para as maletas, cun cuarto de baño totalmente transparente e imposibilitado dalgunha intimidade e unha condensación que nos obrigaba a manter a temperatura do aire condicionado por debaixo dos 18 graos. O nivel de condensación era tan grande que no caso de abri-la fiestra ou subi-la temperatura as paredes e teitos comezaban a suar, e de que maneira! Tres noites de pesadelo! Non son amigo de facer recomendacións xa que as experiencias persoais poden ser cúmulo de casualidades e os negocios turísticos poden mudar rapidamente para ben ou para mal. Pero sen ningunha dúbida, o Mini Hotel Central de Hong Kong (o de mini quédalle moooi grande) non debe estar na listaxe dunha posible visita ao enclave chinés.

Nova nora en Hong Kong.

Nova nora en Hong Kong.

Pero non nos rendemos e tras unha viaxe de día enteiro e a sorpresa do noso aloxamento aínda temos folgos para saír a troulear cara á media noite. Hoxe está toda a xuventude na rúa por ser véspera da celebración do 70 aniversario do remate da II Guerra Mundial e mañá é festivo. O distrito de Central é unha festa. Pero de novo…unha labazada. Dende a miña última visita a Hong Kong no ano 2006 os prezos téñense disparado esaxeradamente. No primeiro pub pídenos 10 € ao cambio por unha cervexa… Haberá que ir de vagar.

Vista dende o miradoiro The Peak.

Vista dende o miradoiro The Peak.

Hong Kong non ten moito que visitar dende o punto de vista patrimonial a non ser ese paroxismo paranoico de ver quen fai o rañaceos máis alto e atrevido de deseño. Subimos ao Pico Victoria, coñecido coma The Peak, no tren de cremalleira que sae do noso mesmo distrito. Moreas e moreas de chineses. Esquecemos que era festivo e nesta cidade-país as masas de persoas son unha constante. O resto do día dedicámolo a coñecer a illa . Paseamos pola rúas comerciais, polo zona de copas e restaurantes europeos e achegámonos á beira do mar para ollar a nova nora xigante.

FullSizeRender (4) FullSizeRender (9)FullSizeRender (8)
A imaxe que fica na nosa retina é a de centos de mulleres de maioría filipina e indonesia que no seu día libre veñen a tirarse (literalmente sobre cartóns) nos parques e rúas que son percorridas normalmente polos homes de negocios. Un cartón no chan pode dar para durmir, xogar ás cartas e incluso celebrar algún aniversario. Tampouco faltan as que portan os seus aparellos musicais e improvisan divertidas coreografías. Non deixa de ser un tanto conmovedor que nun territorio cunha importante oferta de lecer (aquí está unha das sucursais de mundo Disney) os inmigrantes teñan que buscar pasa-lo rato sen gastar cartos. A mesma historia en todas partes.

Inmigrantes na rúa en festivo.

Inmigrantes na rúa en festivo.

FullSizeRender (12)

O día seguinte pasamos a terra firme, o territorio coñecido coma Kowloon e dedicámonos aos mercadiños. Compramos pouco ou nada, os prezos non acompañan malia que somos empurrados por hordas e hordas de compradores compulsivos. Non vemos nada de interese para economías modestas. A máxima de Hong Kong é comprar. Centos de macro centros comerciais de última xeración, tendas de todas as marcas de luxo espalladas pola cidade. Ferraris e Lamborghinis, a esgalla.

Iso é Hong Kong. Pouca vida espiritual e pouco máis que montóns de persoas entrando e saíndo de centros comerciais. E os prezos nada baratos. Dende logo, esta cidade non é destino para mochileiros.

Nas tres noites que pasamos na cidade coincidimos con véspera de festivo e noite de venres. Tentamos divertirnos pero os prezos das bebidas limitan as nosas intencións. Moita xente na rúa e pouca dentro dos bares. Seica as noites de semana son bastante mortas.

Unha das tardes acudimos a contemplar o anunciado espectáculo de xogo de luces nos rañaceos que se asoman a ambas as beiras da baía. A cita é ás oito da noitiña. Dende a beira de Kowloon co fondo da illa de Hong Kong resulta máis vistoso. A verdade é que non é preciso esperar ata esa hora. O skyline é impresionante a calquera hora do día ou da noite. O espectáculo resulta frustrado, non proporciona nada. Iso si, é gratuíto.

FullSizeRender (3)

Deixamos Hong Kong sen pena nin gloria. Contentos, pero non é cidade para nós. Por uns 177 $HK (máis ou menos 20 € ao cambio) collemos un dos numerosísimos barcos que unen a antiga colonia inglesa co antigo enclave portugués de Macau. Pero iso é outra historia…

FullSizeRender (5)

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.