Macau – Las Vegas ao estilo chinés

Mágoa, aquí xa non se fala portugués. Inda que o portugués é un dos idiomas oficias da antiga colonia, tan só fun capaz da atopar dúas persoas, e xa entradas en aniños, que o podían falar. Como se perden os bos costumes! Pero o portugués segue a estar presente en todos os letreiros e informacións facilitadas polo Goberno Autónomo. A moeda local segue a chamarse “pataca”. Que bonito, non si? É como sentirse un pouco na casiña dun. Ambiente chinés a ritmo de fado.

A estraña silueta do Hotel Grand Lisboa á esquerda.

A estraña silueta do Hotel Grand Lisboa á esquerda.

No post anterior estabamos saíndo de Hong Kong. Mellor coller reserva de barco pola Internet xa que malia as numerosas frecuencias das dúas compañías que comunican o porto da illa de HK co porto exterior de Macau e o porto da illa de Taipa, tivemos que esperar bastante tempo para conseguir unha praza. Todos os barcos cheos ata a bandeira. Os viaxeiros que se atopen en Kowloon teñen frecuencias e destinos diferentes con respecto aos que parten dende a illa de Hong Kong.

images

Na época colonial.

517263497

Hoxe en día e medrando.

Para os que non teñades visitado Macau ou nunca fixerades unha cábala de súa orografía e paisaxe é bo que vos faga unha pequena introdución. Paga a pena. Nun principio Macau era unha península unida a China por un estreito e curto istmo coñecido como Portas do Cerco (ou fronteira). Ademais da península había dúas illas (Taipa e Coloane) ás que se chegaba por barco. E tanto a península como as illas estaban moi próximas por un dos seus costados á China continental. Máis ben como separadas por un río e ambos os dous territorios a tiro de carozo. O tempo e a depredación típica do mundo chinés fixo todo o demais. A península de Macau foi unida por tres pontes á illa de Taipa, e as dúas illas foron deformadas e unidas a súa vez por un recheo de terra coñecido como Cotai. O perfil das illas aínda se pode destinguir polo seu relevo máis accidentado e de maior altitude. Pero hoxe en día Macau, Taipa, Cotai e Coloane forman unha única masa territorial na que é difícil distinguir onde comeza e remata cada unha delas. Todo isto aderezado con múltiples recheos todo ao longo da costa e un aeroporto no medio do mar unido por un istmo á illa de Taipa. Macau é un sitio perfecto para horrorizarse como a man do home pode modificar e destruír o que a natureza proporcionou.

FullSizeRender (29)

Praça do Senado.

Cando no ano 1999 Portugal cedeu a súa última colonia a China, Macau como territorio falto de recursos decidiu apostar polo turismo e polo xogo. No ano 2014 este enclave recibiu case 32 millóns de visitantes, a inmensa maioría de China continental, Hong Kong e Taiwan. Unha nova meca do xogo que reproduce case literalmente a fórmula xa explotada en Las Vegas. Na miña anterior visita hai xa uns dez anos, o xogo e o mundo dos casinos estaba dando os seus primeiros pasos. Neste momento a franxa sur da península de Macau e o recheo de Cotai son unha sucesión continua de espectaculares casinos. E os que virán…

Sinalización en portugués.

Sinalización en portugués.

FullSizeRender (30)

  Son millóns os que chegan en barco ou helicóptero dende HK, por terra a través dos seus dous pasos fronteirizos (Portas do Cerco en Macau e a Ponte da Flor de Loto en Cotai), ou cos voos asiáticos que aterran no novo aeroporto. Pasamos un tempo nas Portas do Cerco vendo o tránsito frenético de milleiros de chineses que cruzan a pé para montar nos buses gratuítos dos diversos casinos e ter a súa xornada “capitalista”.

A cidade de Macau non é bonita. Prima o chinés sobre o portugués a pesar dos centos de anos de historia portuguesa. Ten a declaración de Patrimonio da Humanidade pero resúmese nunha ducia de edificios de forte sabor colonial. O aspecto xeral da cidade é dun urbanismo confuso e de pouca calidade, sobre todo en comparación con HK. Os seus rañaceos son de segundo nivel. Pero atención…Macau vai dar que falar. O seu crecemento está disparado cara arriba e parece imparable.

FullSizeRender (26)

Vista de Macau.

Ruínas de S. Paulo.

Ruínas de S. Paulo en Macau.

Illa de Taipa.

Illa de Taipa.

Illa de Taipa.

Illa de Taipa.

Illa de Coloane.

Illa de Coloane.

Ademais de dedicar unha xornada a todas as reliquias construídas polos portugueses hai que dedicar unha máis ás arquitecturas desmedidas dos seus casinos e aos abundantes espectáculos gratuítos e de pagamento que estes ofrecen. Teño o mesmo sentimento que en Las Vegas, podo cualificar a Macau como un sitio innecesario, horteira, e desmedido, pero… hai que velo. Son eses lugares nos que o ser humano chegou ao paroxismo e que eu non quero perderme.

Supoño que a programación irá variando e segundo as ocasións será máis ou menos afortunada. Durante a nosa estadía puidemos asistir a unha sorprendente montaxe na Gran Praza do hotel MGM co nome de “Polbo Valkiria” (ver foto) da artista portuguesa Joana Vasconcelos, programación con pretensións culturais de alto nivel. Tamén hai espectáculos gratuítos e un tanto plasticosos que axudan a pasar o tempo: a “Árbore da Prosperidade” e o “Dragón da Fortuna” no interior do hotel casino Wynn teñen o seu aquel. No exterior do mesmo hotel hai unha performance de auga, luz e música cada quince minutos coñecida como Espectáculo do Lago, ten varios formatos diferentes e segundo o que corresponda está máis que aceptable. A montaxe coñecida como “Diamante da Fortuna” no hotel Galaxy Macau é outra referencia tamén gratuíta. Como culminación do kitsch está a recreación veneciana, paseo polas canles incluído, do hotel The Venetian Macau, ese que agora está a promocionar David Beckam nas televisións internacionais. Finalmente, a arquitectura e iluminación totalmente desmedida do Hotel Grand Lisboa (ver foto) non deixará a ninguén indiferente. Este hotel de gusto moi dubidoso é unha referencia no skyline de Macau que nos deixa coa boca aberta. Pola noite é todo un espectáculo de seu. Tamén paga a pena entrar no hall e contemplar verdadeiras obras de arte de valor incalculable aínda de moi lonxe do que podemos considerar bo gusto.

Hotel Casino Wynn.

Hotel Casino Wynn.

Instalación "Polbo Valkiria" no hotel MGM.

Instalación “Polbo Valkiria” no hotel MGM.

FullSizeRender (38)

Casino Lisboa.

FullSizeRender (39)

Hotel Grand Lisboa.

     

Dicimos adeus a Macau, morriñentos por mor de tantos letreiros na nosa lingua irmá, nostálxicos

The Venetian Macau. Todo é falso, ata o teito.

The Venetian Macau. Todo é falso, ata o teito.

pola vida que debeu acontecer nos anos da colonia, e agradecidos polos restaurantes de cociña portuguesa e, sobre todo, polos meus ben amados pasteis de nata totalmente popularizados na súa versión local.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.