Hanoi e arredores

Sabemos que comezamos á inversa. A visita máis habitual de Vietnam é principiar por Cidade Ho Chi Minh (antiga Shaigon) para rematar en Hanoi. Un percorrido de sur a norte que vai incrementando a súa intensidade e o interese das visitas realizadas. Nós tiñamos claro que queriamos botar unha ollada a Hong Kong e Macau para rematar de festa en Bangkok. De saltar de Macau á Cidade Ho Chi Minh sería ilóxico. Rematar en Hanoi para logo ir a Bangkok tampouco é o máis adecuado.

Templo da Literatura

Templo da Literatura en Hanoi

hanoi IISomos pois conscientes do noso comezo contra natura en termos viaxeiros. Tomamos o voo xa nocturno con Air Macau para chegar de noite pecha a Hanoi. Entre Hong Kong, Macau e Hanoi non hai tarifas low cost como na maioría de cidades asiáticas e pagamos un voo bastante caro. Dentro de Vietnam será outro cantar e as compañías Vietnam Airlines, Vietjet Air e Jetstar ofrecen a posibilidade de voar realmente barato.

O taxi dende o aeroporto deposítanos no Barrio Antigo, a carón do noso hotel. Sen que sexa premeditado escollemos a zona máis concorrida e caótica da cidade a esas horas da noite. Todo o mundo está na rúa, o tráfico endiañado e o barullo das músicas por todas partes non fai máis que aturuxar (máis do que xa viñamos). O calor, a confusión, a fatiga da xornada e o feito de non atopar o noso hotel (ao fondo dunha canella e sen rótulo) fai que perdamos un pouco os nervios. Tomamos unha ducha rápida e baixamos de novo para gozar da noite. A realidade é completamente diferente: a xente desapareceu e todo está pechado. E aínda faltan quince minutos para a media noite! Hanoi e practicamente todo Vietnam sofre dun toque de queda imposto polo Goberno de xeito que os locais nocturnos pechan antes da media noite. Non deixamos de estar nun país comunista, ha,ha. En provincias aínda será peor. Co tempo descubriremos que hai locais que pechan as portas para evitar os controis policiais pero seguen a atender os clientes a porta pechada. Antes de regresar ao cuarto celebramos con ledicia que despois dun voo de tan só hora e media o custo das cervexas baixou de dez euros a menos dun. Será tamén a tónica xeral para o resto das bebidas.

Vida nocturna.

Vida nocturna.

Hanoi IV

Malia que este post aparece fechado con data do nove de setembro, realmente utilizaremos Hanoi como campamento base para ir e vir á baía de Halong, a cidade de Sapa e ao mercado de Bac Ha, a Tam Coc e á Pagode do Perfume. Chegamos a Hanoi o día seis procedentes de Macau e sairemos o quince pola mañá en dirección ao centro do país, á cidade de Hue.

Coloco dentro deste post as escapadas a Tam Coc e á Pagode do Perfume xa que son visitas que poden facerse no día durante unha estadía en Hanoi.

Tam Coc

Templo a visitar moi próximo a Tam Coc.

Tam Coc III

Tam Coc.

Tam Coc atópase a nove quilómetros da cidade de Ninh Binh, ao sur de Hanoi. Os autobuses turísticos percorren a distancia dende Hanoi nunhas tres horas, previa parada impertinente nun macro complexo de souvenirs. Comprobaremos que estas paradas serán unha constante das que non se libra ninguén durante as visitas organizadas en Vietnam.

Tam Coc II

Embarcadoiro.

Tam Coc V

Remando cos pés.

                               Tam Coc significa “Tres Covas” que son as que se atravesan no paseo de dúas horas en barca, ida e volta, para cubrir os pouco máis de dous quilómetros polo río Ngo Dong. Estamos en medio dunha paisaxe cárstica, virxe e impresionante. O paseo é realmente bonito a pesar de que estea moi concorrido por outros turistas e algunha vendedora. Realmente o corpo pide que a travesía impulsada polos pés das mulleres que reman (si, polos pés!) dure máis, moito máis. A paisaxe é moi semellante a que veremos na baía de Halong, aquí en terra firme e acompañados por un río. Unha visita de día completo totalmente recomendable pero a facer sen dúbida antes de ir a Halong. Despois de Halong nada impresiona.

Tam Coc IV

Paseo en bici polos arrozais de Tam Coc.

Tam Coc VI

Outro dos días dedicarémolo á Pagode do Perfume, coñecida como Chùa Huong en vietnamita. Outro clásico nas ofertas das axencias de viaxes de Hanoi. É moi complicado chegar por medios propios polo que a maioría de visitantes opta por apuntarse a un tour organizado para percorrer uns 70 km ao sur de Hanoi nunha viaxe de dúas horas e media. Por suposto con parada obrigada en tenda de souvenirs. Malia o seu nome en singular, non estamos a falar dunha pagode senón dun complexo de templos, covas e santuarios budistas construídos no interior dos cantís cársticos da montaña Huong Tich ou Montaña dos Restos Fragrantes (os vietnamitas teñen unha arte para isto dos nomes…).

Pagoda III

Remontando o río Day cara á Pagode do Perfume.

A Pagode do Perfume e Tam Coc son visitas semellantes, pero visitar un destes lugares non debería eliminar o outro da listaxe de cousas a facer. Os dous están situados ao sur de Hanoi, hai percorrido por un río, montañas virxes, e as dúas implican dedicar un día completo. A diferenza é que ao final do río en Tam Coc dáse a volta e unicamente ten a graza de pasa-las tres covas. A remontada polo río Day ata a Pagode do Perfume é unha chisca menos espectacular, pero ao chegar ao final do río é cando comeza realmente a visita. Un teleférico atravesa unha serie de montañas virxes dunha beleza espectacular. Decidimos facer uso do teleférico unicamente para a subida e baixar a pé para gozar coas vistas. Error. Unha mágoa! A baixada faise franqueada por unha continua sucesión de chiringuitos baleiros e atrapallados. Varios quilómetros de chiringuitos pechados a maior parte do ano. Non puidemos ver absolutamente nada. A única pega que poño a esta visita é o absoluto exceso de infraestruturas para recibir as multitudes vietnamitas que acoden por milleiros en fin de semana e durante os meses de peregrinación en busca de purificación e descendencia no caso de familias sen fillos. Na parte positiva, durante a semana non hai ninguén. Seica Tam Coc está nas preferencias dos estranxeiros en detrimento da Pagode do Perfume.

Pagoda IV

Pagode ao pé da montaña.

Pagoda

Pagoda V

Ao final do teleférico.

Pagoda II

Templo principal na cova da montaña.

Se teño que escoller entre Tam Coc e a Pagode do Perfume pois escollería…os dous. E sempre antes da visita á baía de Halong.

Pero volvamos a Hanoi, a capital de Vietnam, unha cidade de sete millóns de almas que rivaliza con Cidade Ho Chi Minh en cosmopolitismo e vida cultural. Hanoi viña precedida pola súa boa sona e as recomendacións de amigos que a tiñan visitado previamente. Teño que recoñecer que Hanoi e máis eu non sintonizamos adecuadamente. Estareime facendo un rariño? A cidade pareceume correcta pero sen máis. Non lle vin nin unha beleza especial nin o encanto colonial de influencia francesa que esperaba. Se hai que dicir algo a prol de Hanoi é a vida nas súas rúas, moito máis espontánea que en HCM. A verdade é que tivemos mala sorte. As circunstancias determinaron que os tres días que pasamos na cidade coincidiran con dous luns e un venres; días nos que curiosamente (tamén en venres?) pechan os museos e moitos dos atractivos da cidade. Coido que non teño ningunha recomendación que facer. Fico coa mágoa de non poder ver a cidadela que lle ten valido a declaración de Patrimonio da Humanidade. Pero como fago este post despois de visitar a cidadela de Hue, temo que tamén sería unha pequena decepción. Por suposto que hai que facerlle unha visita ao Teatro de Marionetas, curioso. Tamén pasear polo Barrio Antigo e gozar da súa vida nocturna acompañados dunha cervexa fresquiña e barata nun dos numerosos Bia Hoi (cervexerías) da rúa.  Contan que o costume da cervexa chegou a Vietnam como un agasallo dos colegas comunistas da República Checa para converterse nun auténtico fenómeno social en todo o país.

Ponte Huc no lago Hoam Kiem.

Ponte Huc no lago Hoam Kiem.

Posiblemente a pegada que nos queda de Hanoi son os literalmente millóns de motos a todas as horas e en todas partes que impresiona as retinas dos que vivimos en sitios máis tranquilos.

Para rematar o capítulo de Hanoi quero aconsellar un restaurante. A gastronomía en Vietnam non é calquera cousa. Sempre fun defensor da gastronomía tai e xaponesa. En Hanoi decateime de que teño unha nova favorita que incorporar á listaxe. Vietnam ofrece a posibilidade dunha oferta de restauración de primeirísimo nivel a prezos moi módicos. Coido que é de rigor recomendar o restaurante Quan An Ngon, ao norte do Barrio Antigo, no numero 34 da rúa Phan Dinh Phung, nunha bonita construción francesa situada nunha avenida de moito tránsito e pouco encanto. Hai outra sucursal co mesmo nome deste restaurante ao sur do Barrio Antigo pero non o visitamos. A comida con maiúsculas!

Restaurantes flotantes no lago do Oeste ou Tay Ho.

Restaurantes flotantes no lago do Oeste ou Tay Ho.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.