Sapa e Bac Ha – No corazón dos Alpes Tonquineses

O tempo dedicado a Vietnam non é excesivo (19 días) e decidimos facer unha escapada rápida á fronteira entre Vietnam e China. É unha paisaxe totalmente contrastada coa baía de Halong da que vimos, pero non por iso de menor intensidade. Falamos da zona de alta montaña, os Alpes Tonquineses como foron nomeados polos franceses, no noroeste de Vietnam. É aquí onde se ergue a maior altura do país, o monte Fansipan, ou Phan Xi Pang en vietnamita, e os seus 3.143 m de altitude.

O interese desta visita está relacionado, por unha parte, coas estéticas terrazas de arroz que se estenden tanto polo val coma pola abas das montañas nos arredores da cidade de Sapa, e, por outra, co mercado indíxena de Bac Ha ao que acoden algunhas das numerosas etnias indíxenas de Vietnam.

Arrozais nos arredores de Sapa.

Arrozais nos arredores de Sapa.

Mulleres hmong flor no mercado de Bac Ha.

Mulleres hmong flor no mercado de Bac Ha.

Agosto e comezos de setembro son os mellores meses do ano para visitar Sapa. Por razóns de altitude e climatoloxía, estes arrozais de alta montaña dan unicamente unha colleita ao ano que é recollida nesta época. Nada que ver cos arrozais das chairas do delta dos ríos Vermello e Mekong (pretos de Hanoi e de Cidade Ho Chi Minh respectivamente) que poden chegar a producir ata catro colleitas ao ano. Despois de setembro as terrazas de Sapa seguen aí, pero sen o verde característico que as fan tan vistosas. Máis ben parecen campos esgotados ata que o arroz medre de novo. Polo tanto é preciso escoller adecuadamente a época do ano en que achegarse ata aquí.

Sapa VII

Sapa IV

Toda esta zona de montaña do noroeste vietnamita está habitada por numerosas etnias, moitas provenientes de China, que conservan as súas formas tradicionais de entende-la vida e as súas coloristas vestimentas confeccionadas por elas mesmas.

Para non perder tempo decidimos pasar dúas noites, a ida e a volta, no expreso nocturno que en oito horas comunica Hanoi coa cidade de Lao Cai, na fronteira chinesa. Viaxamos en liteira e a comodidade ofrecida é aceptable agás os numerosos movementos do tren polo estado das vías. Dende Lao Cai seguimos unha hora en autobús ata a poboación de Sapa que fai as funcións de capital turística de toda esta rexión. Unha antiga estación de montaña utilizada durante a época colonial francesa por mor das súas frescas temperaturas. Sapa non é bonita e o exceso de explotación turística destes últimos anos é evidente. Pero é un bo punto de partida que permite realizar incribles paseos a pé para descubrir paisaxes impresionantes polos arredores e coñecer pequenas aldeas nas que viven diferentes etnias. Un paseo asumible ata polo camiñante menos preparado dá para visitar un mínimo de tres etnias diferentes.

Sapa III          Sapa VI

As opcións son aloxarse en Sapa ou aceptar algunha das numerosas ofertas das mulleres da etnia hmong que esperan á chegada de turistas para “invitalos” a compartir a vida nas aldeas. A verdade é que a insistencia das mulleres hmong é ás veces excesiva e que a propia oferta e o uso que se faga dela está prohibido polo Goberno vietnamita. Aínda así, son moitos os viaxeiros que optan por durmir nas aldeas.

Sapa ISapa II

Malia que chegamos mortos co sono e co cansazo, tomamos unha ducha rápida e pómonos en camiño para descubrir o que o val ten que ofrecer. A mala sorte fai que comece a chover por primeira vez durante a viaxe. Unha choiva intensa e monzónica que non amosaba indicios de se deter. Despois dunha espera relativa non queda máis remedio que poñerse en marcha. Ninguén que non teña visitado Asia en época monzónica pode entender este xeito de chover. En escasos minutos a auga fai aparición por todas partes, moi abundante e descontrolada.

Sapa VIII

Saímos formando parte dun pequeno grupo internacional acompañados doutros pequenos grupos. E sempre acompañados polas mulleres hmong. Descoñecemos a razón da súa compaña ata 8 km máis adiante, no fondo do val Muong Hoa, durante a pausa feita para o xantar na que comezan a sacar a súa modesta artesanía dos cestos que portabas ás súas costas. Paga a pena do esforzo da camiñada para o importe do que poidan vender? Seica si. Elas falan unhas poucas verbas de cada lingua e van “traballando” polo camiño aos seus posibles clientes. Deste xeito, unha vez dan inicio á venda de artesanía haberá unha especie de compromiso preestablecido. Paseamos por tres aldeas diferentes e temos posibilidade de ver grupos da etnia hmong, hmong negros e dzaos vermellos. A súa vestimenta e os tocados na cabeza das mulleres diferénciaos claramente. Estamos empapados, os oito primeiros quilómetros foron baixo unha choiva sen piedade. Non importa. As vistas son impagables. Os mellores arrozais que teño visto en Asia, tan só comparables aos de Baguio na illa filipina de Luzón. sapa

O día seguinte é día de mercado en Bac Ha, o principal mercado no noroeste de Vietnam. Hai que desfacer o camiño dende Sapa ata Lao Cai e seguir cara ao leste. Un total de dúas horas e media en autobús. Os buscadores de experiencias máis auténticas dirixen os seus pasos cara a outros mercados da zona aínda pouco contaminados pola visita dos turistas. Nós non temos tempo. Bac Ha ten lugar os domingos moi de mañá cedo. A mediodía xa comezan a desmontar moitos postos.

Bac Ha VIBac Ha IV

Bac Ha é o mercado principal da etnia hmong flor, posiblemente a etnia máis colorista e vistosa das que poboan estes lares. É un mercado propio da xente das aldeas, gandeiro, de busca de provisións para a semana, que nos últimos anos tense visto contaminado con numerosos postos de artesanía da zona e doutras partes do país. Por suposto, rigoroso regateo para comprar calquera cousa. Podemos ver moitos paisanos vendendo o viño ou licor de millo típico da zona. No percorrido por Bac Ha visitaremos unha sinxela factoría deste licor e unha rechamante construción de estilo franco-vietnamita que serviu de pazo ao xefe hmong da zona.

Bac Ha VII

Bac Ha

Factoría de licor de millo.

Factoría de licor de millo e antigo pazo do rei hmong.

      Antigo pazo do rei hmong.

Volvemos a Lao Cai para facer tempo ata a saída do tren. A cidade foi reconstruída despois da guerra cos chineses e non ten moito interese a non ser a ponte internacional que fai o servizo de fronteira. A terceira noite regresamos de novo no tren cara a Hanoi. A liteira parece máis cómoda nesta ocasión. Compartimos espazo e conversa cunha parella catalá que están principiando as súas andainas por Asia e nos proporcionan unha visión un tanto naíf desta viaxe.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.