Hoi An e Hue – Cara e cruz dun destino turístico

Saímos pola mañá cedo en voo de Vietnam Airlines dende Hanoi con destino ao aeroporto nacional de Hue. O noso seguinte destino é a zona centro de Vietnam: a cidade de Da Nang, a terceira máis populosa do país, e a cidade de Hue e a vila de Hoi An (respectivamente a escasas tres horas ao norte e corenta e cinco minutos ao sur de Da Nang).

Patio de honra na tumba de Khai Dinh nos arredores de Hue.

Patio de honra na tumba de Khai Dinh nos arredores de Hue.

Porto vello de Hoi An.

Porto vello de Hoi An.


Tanto Hue como Hoi An teñen acadado a declaración de Patrimonio da Humanidade pero ata aí chegan as comparativas entre ambos destinos. Hue parece ter vivido mellores tempos. Hoi An está na crista da onda.

Cidadela de Hue.

Cidadela de Hue.

Tumba de Tu Duc en Hue.

Tumba de Tu Duc en Hue.

Hue é unha cidade grande e con pouco sabor que resume os seus encantos á unha cidadela en proceso de restauración dentro da súa zona urbana e a unha serie de templos e tumbas mandadas construír polos últimos emperadores Nguyen cando Hue funcionou como capital imperial. Sen dúbida, o máis interesante son as tumbas de finais do século XIX e comezos do XX que se levantan a escasos quilómetros da cidade e poden ser visitadas ben en autobús ben en transporte combinado barco/bus incluíndo un paseo polo río do Perfume (de novo a arte en colocar nomes pouco relacionados coa realidade).

Cidadela de Hue.

Cidadela de Hue.

FullSizeRender (12)O primeiro dia dedicámolo a visita-la cidadela. Todo é obra dun proceso de reconstrución tras os bárbaros bombardeos estadounidenses e aínda falta moito por reparar. Despois de ter visitado este tipo de recintos imperiais, de cidades prohibidas, na China e Corea, a cidadela de Hue, tanto pola data de construción como pola escasa importancia do seu patrimonio, ten pouquiño que achegar. É máis ben unha visita aconsellable para aqueles que non teñan visitado nunca este tipo de recintos. Para empeorar a situación, o ceo decide abrir a billa e botar toda auga acumulada en días e semanas. Nas miñas numerosas andainas por Asia non vira unha choiva monzónica deste xeito. E non quería parar. Son 24 horas de choiva intensa e continua que fixo qué as nosas visitas naufragaran.

FullSizeRender (23)

Barcos decorados para excursións polo río do Perfume.

FullSizeRender (10)
O segundo día apuntámonos a un tour combinado barco/bus. As visitas en Vietnam gustan de ser enriquecidas con paradas en tendas a comisión e outros atractivos de segundo nivel. Aínda así gozamos co día. A choiva desapareceu totalmente e o paseo polo río resultou máis largo e agradable do esperado. Iso si, de recendos perfumados “ná de ná”. Deixámonos sorprender por tumbas de estilos moi variados e atrevidas arquitecturas. Das tres principais, o dispendio de fantasía da tumba de Khai Dinh, o penúltimo dos emperadores de Vietnam, con mestura de estilo europeo e vietnamita é a que nos deixa máis abraiados. Chámanos a atención as decoracións das paredes e, sobre todo, o dosel coa estatua do emperador baixo a que se agocha o seu enterramento a 18 m de profundidade. A tumba do emperador Minh Mang destaca polos seus pavillóns e onírico xardín. Finalmente, a tumba de Tu Duc, o emperador que tivo 104 esposas, innumerables concubinas pero ningún fillo, é a máis popular pero tamén a menos espectacular dende o meu punto de vista.

Pagode de Thien Mu.

Pagode de Thien Mu e tumba de Minh Mang.

Tumba de Minh Mang.

FullSizeRender (5)

Tumba de Khai Dinh.

 

Polo resto, Hue pasa sen pena nin gloria. Unha zona de hoteis, tendas e restaurantes en horas moi baixas para unha cidade que ao noso entender non cativa ao viaxeiro.

Porto vello en Hoi An.

FullSizeRender (51)

Ponte xaponesa en Hoi An.

Ponte xaponesa en Hoi An.

Hoi An é a outra cara da moeda. Evidentemente Hoi An tiña unha boa base: un centro comercial, un importante porto que chegaría a converterse nun dos principais do sueste asiático. Hoi An, tamén coñecida en tempos como Faifoo, arrexuntaba chineses, tais, xaponeses, españois, portugueses, holandeses, indios e unha chea doutras nacionalidades para fomenta-lo comercio dende e cara á China. Hoi An é a vila ou pequena cidade máis pintoresca e bela de Vietnam que tivo a sorte de manterse no tempo coas únicas agresións provocadas polas por outra parte numerosas inundacións. É un xogo de palabras sinxelo pero Hoian é unha auténtica xoia. O seu empresariado turístico soubo poñer en valor a arquitectura e o encanto das súas construcións. Tendas e restaurantes con moito gusto que sabiamente revalorizan as arquitecturas vernáculas.

FullSizeRender (40)FullSizeRender (52)
De camiño de Hue a Hoi An atravesamos a megalópole de Da Nang e nese momento decidimos evita-la cidade e facer base en Hoi An. Ao chegar ao vello porto comercial confirmamos a nosa decisión e alí quedamos catro días. Da Nang é unha gran cidade, incómoda pero ben urbanizada para os estándares vietnamitas. Grandes avenidas e unha praia moi longa de case 30 km que chega ata Hoi An. Pero Da Nang escasea de atractivos, dun barrio antigo no que apeteza perderse, e a praia converteuse nestes últimos anos nunha urbanización continua de macro hoteis coido que coa finalidade de ser un novo destino de praia para os habitantes do sur da China, HK e Macau.

Bruno na Praia de China.

Bruno na Praia da China.

Pasamos catro días en Hoi An e porén o seu exceso de oferta e o feito de ser o destino máis saturado de Vietnam, caemos namorados aos seus pés. Visitaremos todos os seus atractivos, entraremos a ollar nas mellores tendas e gozaremos inmensamente coa gastronomía local. Hoi An é famoso polas súas clases de cociña vietnamita e pola súa oferta en restauración. Faremos un percorrido gastronómico polos restaurantes da lenda local: Ms Vy. Unha emprendedora muller que foi abrindo paulatinamente algúns dos mellores restaurantes da vila: The Market, Morning Glory, Mermaid, Cargo Club…

Que rico! En Morning Glory.

Que rico! En Morning Glory.

Probamos os tres primeiros e non temos máis ca unha palabra: delicioso. Dámoslle a máxima puntuación ao Morning Glory ao que acudimos en dúas ocasións. Absolutamente recomendable, por prezos entre 10 e 15 €/persoa dámonos un auténtico festín para os sentidos coa fusión de sabores e matices tanto occidentais coma vietnamitas. Moitos restaurantes de Hoi An estaban baleiros ou con poucos comensais pero Morning Glory era a excepción.

morning glory

Montañas de Mármore.

Montañas de Mármore.

FullSizeRender (47)FullSizeRender (49)
Un dos días facemos a visita ao complexo de covas cársticas e templos das coñecidas como Montañas de Mármore, cinco pequenos outeiros que sobresaen da chaira próxima a Da Nang. Entre os outeiros esténdese unha poboación dedicada a traballos, sobre todo esculturas de gran tamaño, feitos co mármore extraído nun principio das montañas e que agora importan da China. Toda unha agradable sorpresa. Ese mesmo día cruzamos Da Nang en varias ocasións para visitar o museo de escultura da civilización hinduísta cham que ocupou esta parte do país. Tamén pasamos unhas horas na Praia da China, é dicir a praia de Da Nang, famosa por ser onde os soldados americanos descansaban entre batallas contra as tropas do vietcong. O calor abafante fainos entender que os vietnamitas veñan tan só pola mañá cedo e a última hora da tarde. A sensación térmica é insoportable. Os paseos por Da Nang confírmanos o seu escaso interese.

FullSizeRender (54)FullSizeRender (55)

Noutra ocasión faremos unha escapada ás illas Cham, a media hora en motora do porto exterior de Hoi An. As illas dan o xusto para facer un break de praia sen moito máis que facer. Chegamos á mesma hora que as hordas locais por ser domingo. Na praia estábase ben . A única curiosidade que nunca vira son as cestas calafateadas utilizadas para a pesca de proximidade. O resto, prescindible.

Deixamos para outra visita as ruínas da antiga capital cham en My Son. Precisabamos dun pouco de repouso.

Famosos farois fabricados en Hoi An.

Famosos farois fabricados en Hoi An.

Teito de espirais de incenso nos templos de Hoi An.

Teito de espirais de incenso nos templos de Hoi An.

2 comentarios en “Hoi An e Hue – Cara e cruz dun destino turístico

    • Hola Fasa. Me alegro de que el blog te sea de ayuda a la hora de organizar tus viajes. Además, ya sabes que tienes línea directa telefónica para preguntarme lo que necesites. Un bico.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.