Saigón foi unha cidade mítica, polo menos para min. Non pola súa historia ou polos seus atractivos senón por estar continuamente nos medios de comunicación durante a miña infancia e adolescencia. Non me lembro exactamente das imaxes que saían na televisión durante a guerra de Vietnam pero a miña mente foi configurando unha cidade esaxeradamente caótica e asiática, moi asiática. Tamén puideron influír as películas americanas e a súa visión negativa dunha cidade que representaba a perda da guerra. Por suposto que a esta altura da viaxe xa sabía que a realidade de Cidade Ho Chi Minh non coincidía exactamente coas miñas imaxes, pero aínda así viaxaba coa esperanza de atopar algún testemuño do vello Saigón.
A idea inicial á hora de organiza-la viaxe era dedicar un día a HCM e outro ao Delta do Río Mekong. A preguiza provocada polos tempos de viaxe para chegar ata as praias de Nha Trang ou Mui Ne e a inseguridade da meteoroloxía nesta época do ano determinou que os dous días sobrantes do noso itinerario fosen repartidos entre Hoi An e a Cidade Ho Chi Minh. Chegamos a HCM cedo pola mañá e, finalmente, temos tres días e medio por diante tendo en conta que o noso voo para Bangkok non sae ata a hora da comida.
A primeira impresión é de certa antipatía. Dende o taxi que baixa do aeroporto vemos unha cidade inmensa, relativamente organizada, limpa e dotada de pouco carácter. A nosa estadía confirmará a nosa impresión. En HCM entendemos perfectamente o do sentido contra natura do noso itinerario dende unha perspectiva de viaxeiro. Ho Chi Minh é unha gran cidade dotada de certos atractivos pero con moi pouca alma.
Collemos o noso aloxamento na zona de Pham Ngu Lao, un labirinto de canellas con moitos hoteis económicos, axencias de viaxes e algo de marcha nocturna. Vindo de Hoi An a oferta parécenos descafeinada e moi interesada por parte dos locais que insisten continuamente en que fagamos algún tipo de consumo. Volvemos ter a sensación do barrio turístico de Hue pero aderezado cun incontable número de prostitutas e bares de mala morte. A esaxerada abundancia de homes solitarios, vellos na súa maioría, sen rumbo e á procura de mozas vietnamitas fainos recordar o ambiente de Pattaya en Tailandia.
Dedicamos un par de días a coñecer de vagar os edificios máis interesantes construídos en gran parte durante o período colonial: o Comité do Pobo convertido en todo un símbolo da cidade (pechado ás visitas), a catedral de Notre Dame, a Central de Correos deseñada por Eiffel, o Teatro da Ópera e o Mercado de Thai Binh cos seus centos de postos para xantar e mercar souvenirs.
Non esquecemos dúas visitas ineludibles. O Palacio da Reunificación, edificio gobernamental dos 60 construído sobre a antiga residencia do gobernador francés, que serviu para albergar o presidente survietnamita e no que o xeneral Minh ofreceu a rendición do sur ás tropas do Vietcong. E o Museo dos Restos da Guerra, unha exhibición crúa e efectista dos efectos da guerra. A mostra é tan perturbadora que tiven que conter as miñas bágoas durante toda a visita. De novo a crueldade sen límites do home.
Tampouco esquecemos os novos fitos da cidade como é a Torre Financeira Bitexco, o edificio máis alto da cidade cun heliporto en forma de pandeireta.
A noitiña do segundo día acudimos á Opera, tamén chamado Teatro Municipal, para deleitarnos co A O Show (nome un tanto rariño). Un espectáculo dunha hora de duración maioritariamente para turistas cunha estética moi elegante e occidentalizada. Baseado nos costumes vietnamitas todo o atrezzo xira arredor das curiosas cestas/barcas que xa tiñamos visto na illa Cham. O show paga a pena, o viño previo na terraza do ambigú non ten prezo.
O terceiro día facemos a excursión ao Delta do Mekong. Xa decidiramos evitar a excursión aos túneles da guerra de Cu Chi que atufaba a “turistada”. A do delta non pintaba mellor pero algo había que facer… Meu dito, meu feito: turistada total e absoluta. Pero non por iso deixou se ser un día agradable no que tivemos posibilidade de ver un pouquiño máis do país. Chegamos ata a cidade de My Tho, porta do delta, e dedicámonos a visitar varias illas para ver a forma de vida da poboación local. Os paseos en barco e canoa polas canles do delta resultaron incluso divertidos.
E á volta da nosa excursión Vietnam agasallounos cunha sorpresa totalmente inesperada. Xa víramos varias veces ao pasar un macro escenario na principal praza da cidade no que moita xente en escena ensaiaba sen parar. Aquilo prometía pero pensabamos que estaba reservado aos escollidos do Partido Comunista e ás autoridades da cidade. A sorpresa chega cando, camiño da cea, nos achegamos á carpa e un militar nos invita a pasar. Ata a cociña! En segunda ringleira tan so por detrás das autoridades militares. Vietnam e HCM celebraban o 70 aniversario do fin da Segunda Guerra Mundial e de que maneira! Unha celebración dunha hora e media ao estilo norcoreano. Aires hollywodianos para unha montaxe de exaltación comunista. Pero hai algo mellor que signifique a mestura do mundo actual? O show foi impresionante en maiúsculas. Memorable. Deixo unha chea de fotos para que vos fagades unha idea. Tamén un vídeo bastante xeitoso que atopei na Internet. A realización non fai xustiza ao que foi de seu o evento.
Para rematar un día redondo acudimos a cear ás terrazas do mercado e imos tomar unha copa ao Alto Heli Bar, a carón do heliporto no andar 52 da Torre Bitexco. Cidade Ho Chi Minh aos nosos pés. A música moi boa e con moitos decibelios. Moi bo DJ. Iso si, as once e media xa non quedaba ninguén. Ata outra Vietnam!