A viaxe estaba condicionada dende o principio polo feito de querer rematar en Bangkok. Esta é a oitava vez que visito a cidade pero Bruno estivo tan só nunha ocasión e deixouse engaiolar pola vibrante actividade desta metrópole. A intención era, xa que non podiamos gozar da praia durante o noso percorrido, deixar para o final polo menos tres días preguizosos nos que evitar citas ineludibles, visitas turísticas de obrigado cumprimento e deixarse durmir ata que prestara.
Como ten mudado esta cidade dende a miña primeira viaxe por Tailandia hai xa máis de vinte cinco anos! Para ben e para mal. Atopamos unha cidade moito máis limpa e ordenada, cun complexo sistema de transporte público e unha poboación que ten mellorado notablemente o seu poder adquisitivo e nivel de vida.
A parte negativa é que polo camiño deixaron gran parte da esencia de Bangkok. Os famosos tuk tuk, aquelas motos de tres rodas para transporte de viaxeiros (e de calquera outra cousa a transportar) que inundaban literalmente as rúas da cidade, comezan a ser unha rareza dedicada á persecución de turistas con tarifas abusivas. Sempre pedían moito máis do que custaba a carreira pero podíase negociar. Agora compensan as tarifas dos taxis, máis cómodos e con aire acondicionado. Desgraciadamente os klongs, as canles de auga que facían a función de rúas, están a ser enchidos e desecados pasando a ter unha presenza circunstancial. É verdade que moitos destes klongs convertéronse en cloacas olorosas e insalubres, pero o camiño máis interesante pasaba por recuperalos e potencialos. Por outra banda, a intensa vida nas rúas vai sendo substituída por unha colección de asépticos rañaceos e centros comerciais. Pero o peor de todo son sen dúbida os insufribles atascos que sofre a cidade a todas horas. Mellor coller o metro se é que hai unha estación de man. O progreso seica ten que ser así… E se falamos dos prezos atopamos un destino que vai encarecéndose progresivamente pero aínda moi interesante para os estándares españois.
Pero o que non mudou, menos mal, é a noite. Segue a ser excesiva. Quizais de máis. Coincidimos en fin de semana e os lugares de copas e discotecas están completamente ateigados. Non estou a falar dos locais con connotacións sexuais tan habituais desta cidade senón daqueles onde a poboación local e os turistas conflúen para botarlle un baile e, ás veces tamén, intimar unha chisca.
Por contra, atopamos as rúas do mítico mercado nocturno de Patpong case baleiras. Patpong é onde vai todo turista que pase por Bangkok, ben a botar unha ollada os postos de rúa cheos de imitacións de duro regateo, ben a esculcar os bares de rapazas bailando sobre as barras ou aqueles outros un pouco máis agochados onde as mesmas rapazas xogan a sutilezas cos seus órganos sexuais. Nunca vira Patpong tan falto de visitantes. Supoño que é o efecto do último atentado de agosto no templo de Erawan a tan só dúas paradas de metro desta rúa.
Pasamos tres días a ritmo lento. A única nova visita para Bruno será a casa-museo de Jim Thompson, aquel americano que fixo famosa a seda tailandesa a nivel mundial e rematou os seus días cunha misteriosa desaparición nas Cameron Highlands de Malaisia. A casa está nun precioso xardín rodeada polos novos rañaceos. Tamén damos unha volta por Khaosan Road, unha rúa de apenas 400 m na que hai máis de trinta anos abriron un hotel baratiño e logo outro e outro para rematar sendo a meca de mochileiros e viaxeiros durante moitos anos. A rúa segue chea de postos, tendas de confección de roupa, oficinas de cambio de moeda, hoteis e restaurantes económicos. Pero eu desta vez sentín certo cheiro a reseso. Coido que os tempos de Khaosan están a pasar.
A gran sorpresa da nosa estadía será o mercado de Chatuchak, o mercado das fins de semana. Nas miñas anteriores viaxes nunca escoitara falar deste mercado, como é posible? Será por casualidade, vendo que facer o domingo pola mañá, que descubrimos a existencia de Chatuchak. Publicitado como o maior mercado do mundo con 8.000 postos de venda, paga realmente a pena. Visitamos moita tenda interesante con artesanía e souvenirs de maior calidade que no resto de mercados da cidade e incluso prezos máis axeitados. Un público variado de turistas e locais, aire relaxado e algún bar musical con dj e ambiente mozo e cosmopolita. Cargamos en compras visto o escaso interese da rechamante artesanía vietnamita. Un plus da viaxe que apuntamos na nosa axenda para a próxima visita a Bangkok.
Deixo este link onde podedes atopar información sobre Chatuchak e de paso dos mellores sitios para mercar na cidade:
http://www.bangkok.com/shopping-top10-experiences.htm
Dicimos un adeus a esta viaxe despois de 28 días de percorrido polo sueste asiático de Hong Kong a Bangkok. Dicimos un ata logo a Bangkok e a Asia, esa parte do mundo á que sempre volveremos.
Tuve la suerte de conocerte precisamene en esta ciudad hace un montón de años y me alegro de que lo que en principio fue nuestro guía y compañero de posteriores viajes se haya convertido en uno de nuestros más queridos amigos.
Recuerdo también nuestro incidente en Pat Pong y los apuros que pasamos.
Amiga Rosi, ya ha llovido desde entonces. Fue un bonito comienzo de lo que espero sea una amistad para toda la vida. Si no nos hemos peleado en casi treinta años (yo sí lo digo) va a ser difícil que lo hagamos en el futuro. Un beso enorme para todas mis amigas de Valencia y, especialmente, para ti.