Hai outra Córdoba a case 10.000 quilómetros da súa irmá andaluza. A unha distancia de 700 km de Bos Aires en dirección noroeste é a segunda cidade do país por poboación con máis de 1.300.000 habitantes. E pola súa situación na Pampa (chaira en lingua quechua) aos pés das serras pampeanas é ademais un importante destino turístico para moitos arxentinos.
Esta é a miña terceira visita e coido que aínda haberá máis. Recoñezo que nos meus últimos posts estou sendo crítico cos lugares que visito pero Córdoba tampouco é unha cidade da miña preferencia. As razóns son múltiples, pero sobre todo destacan o seu mediocre urbanismo e un exceso de provincianismo para a que é a segunda metrópole do país. A pesar de que se ven construcións recentes, en Córdoba acrecéntase a impresión que teño cando viaxo pola Arxentina e que en Bos Aires pasa un tanto desapercibida: a dun país que tivo o seu momento de grandeza con grandes expectativas de converterse na potencia branca de América do Sur pero no que todo quedou en promesas. Hoxe en día hai outros países como Perú, Colombia e sobre todo Chile que o están a facer bastante mellor. Arxentina, e polo tanto Córdoba, teñen un aire de decadencia, de sono roubado do que a poboación leva anos espertando para comprender que o seu futuro non vai ser o que imaxinaban. E o peor de todo é que os arxentinos parecen a miúdo cabreados coa súa realidade.