Hai outra Córdoba a case 10.000 quilómetros da súa irmá andaluza. A unha distancia de 700 km de Bos Aires en dirección noroeste é a segunda cidade do país por poboación con máis de 1.300.000 habitantes. E pola súa situación na Pampa (chaira en lingua quechua) aos pés das serras pampeanas é ademais un importante destino turístico para moitos arxentinos.
Esta é a miña terceira visita e coido que aínda haberá máis. Recoñezo que nos meus últimos posts estou sendo crítico cos lugares que visito pero Córdoba tampouco é unha cidade da miña preferencia. As razóns son múltiples, pero sobre todo destacan o seu mediocre urbanismo e un exceso de provincianismo para a que é a segunda metrópole do país. A pesar de que se ven construcións recentes, en Córdoba acrecéntase a impresión que teño cando viaxo pola Arxentina e que en Bos Aires pasa un tanto desapercibida: a dun país que tivo o seu momento de grandeza con grandes expectativas de converterse na potencia branca de América do Sur pero no que todo quedou en promesas. Hoxe en día hai outros países como Perú, Colombia e sobre todo Chile que o están a facer bastante mellor. Arxentina, e polo tanto Córdoba, teñen un aire de decadencia, de sono roubado do que a poboación leva anos espertando para comprender que o seu futuro non vai ser o que imaxinaban. E o peor de todo é que os arxentinos parecen a miúdo cabreados coa súa realidade.
Córdoba e os seus arredores teñen a honra de acoller algúns dos moi poucos atractivos recoñecidos como Patrimonio da Humanidade pola Unesco na Arxentina. Estou a falar da Manzana Jesuítica, en pleno centro da cidade, e das cinco Estancias Jesuíticas repartidas polas serras cordobesas. A esta cidade, considerada durante a conquista española como unha avanzada para dominar novos territorios, chegaron os xesuítas en 1599 para convertela no epicentro das tarefas de evanxelización da Compañía de Xesús. A Manzana Jesuítica correspóndese cunha cuadra urbana delimitada por catro rúas, propia desta cidade deseñada segundo a clásica cuadrícula das urbes españolas en América. A Manzana está formada por edificios de moi diversa índole coma son a capela doméstica, a igrexa da compañía de xesús, o colexio nacional Monserrat e a sede da antiga universidade nacional de Córdoba (a máis antiga da Arxentina e unha das primeiras de América). A visita é un tanto complicada polo feito de que cada edificio ten un horario diferente. Por outra banda, e dun punto de vista moi persoal, considero que o recoñecemento da Unesco é un tanto excesivo. Coido que estamos ante un patrimonio da humanidade menor que non vai impresionar a un visitante español pero, ao mesmo tempo, hai que recoñecer os esforzos das autoridades e da poboación desta cidade para conservar o seu legado histórico. Polo que respecta ás Estancias Jesuíticas non hai que confundilas coas misións xesuíticas tamén declaradas Patrimonio da Humanidade noutras rexións de Arxentina, Brasil e Paraguai. As estancias foron establecementos agropecuarios administrados pola orde xesuítica durante cento cincuenta anos dende comezos do século XVII ata a súa expulsión das colonias en tempos de Carlos III. Cada unha das seis estancias estaba composta por unha igrexa e varios edificios administrativos e agrícolas ao redor dos cales crecerían algunhas pequenas cidades. Das seis construídas consérvanse cinco estancias unidas por unha ruta de 250 km de longo. Na miña anterior viaxe tiven a oportunidade de visitar a Estancia de Alta Gracia, a máis próxima a Córdoba, e a visita resultoume máis interesante cá propia Manzana Jesuítica.
Polo que respecta aos atractivos turísticos na cidade hai que destacar a Plaza de San Martín, o centro centro, co edificio do cabido histórico e a catedral, a igrexa dos pais capuchinos a carón do macro centro cultural Buen Pastor e unha colección de interesantes museos como son o Provincial de Bellas Artes Emilio Caraffa, o de Ciencias Naturales, o Palacio Dionisi e o Palacio Ferreyra, todos nas proximidade do considerado como pulmón verde da cidade, o Parque Sarmiento. Espallados pola trama urbana hai algún outro museo, sala cultural e edificios que presentan unha arquitectura interesante.
Saíndo destes atractivos a cidade vólvese limitada e reiterativa, porén Córdoba paga a pena como base para coñecer os múltiples atractivos da serra. Lembro a miña visita á Casa-Museo do compositor gaditano Manuel de Falla na vila de Alta Gracia, na que pasou os últimos sete anos da súa vida exiliado malia os intentos da ditadura por facelo volver a España. Tamén a visita na mesma Alta Gracia á Villa Nydia na que Ernesto Guevara “El Che” pasou seis anos da súa adolescencia buscando alivio para a súa asma. Déixovos unha chea de ideas coa web de Turismo de Córdoba:
http://www.turismocordoba.com.ar/
Para amigos do freakismo pode resultar interesante a visita a Villa Carlos Paz, unha cidade de 60.000 habitantes a 43 km de Córdoba coñecida como un famoso destino no verano austral arxentino para as vacacións en familia. A cidade non é de seu moi interesante pero recibe 800.000 turistas todos os anos atraídos polos numerosos espectáculos e obras de teatro que se concentran nos meses de verán. Alguén me comentou que os espectáculos non adoitan ser moi interesantes pero póñoa na listaxe de cousas a ver no caso de volver por aquí. Mantereivos informados…
http://www.carlospazturismo.com.ar/
Na miña viaxe de volta vía Bos Aires, no traxecto entre o aeroporto de Aeroparque e o de Ezeiza, aproveito para facer unhas fotos de Villa 31 dende o taxi, un macro barrio de villas (chabolas) en pleno centro, na traseira da estación de trens de Retiro e cos rañaceos do rico barrio de Palermo como pano de fondo. Algo non anda ben neste país…
La igrexa dos pais capuchinos, una pasada. No la hubiese asociado con este país. ¡¡ Tengo que viajar más !!!
Hola Rosi. Ya te echaba de menos… La verdad es que cuando viajas por Argentina te va recordando continuamente a España. Tanta proximidad cultural le resta un poco de exotismo al viaje. Un bico.