Mendoza – Aos pés dos Andes

FullSizeRenderDe novo viaxo por mor do meu traballo e con moi pouco tempo libre para coñecer a cidade de destino. Aterro no aeroporto de Mendoza despois de 15 horas de avións máis as súas respectivas esperas nos aeroportos de Santiago de Compostela, Madrid e Santiago de Chile. No meu voo de chegada de España e durante o voo de Santiago de Chile a Mendoza sobrevoo a cordilleira dos Andes cun par de horas de diferenza. En ambos casos o tempo despexado regálame fermosas vistas sobre o pico do Aconcagua, o máis alto de América cos seus 6.959 m sobre o nivel do mar, e sobre moitos outros cumios desta impresionante barreira natural entre Chile e Arxentina.

Mendoza dende o últmimo piso do hotel

Mendoza dende o últmimo piso do hotel Tower Suites.

Xa en terra constato que o meu corpo totalmente mallado e a miña cabeza descolocada froito do jet lag reclaman a berros un pouco de descanso.

Esta é a miña primeira visita a Mendoza, a cuarta cidade de Arxentina por número de habitantes. Malia que non teño moito tempo para unha visita turística tampouco preciso moito máis. Mendoza é extremadamente simple á hora de ser visitada. Hai unha escaseza absoluta de atractivos de primeiro nivel e a visita limítase a un agradable paseo por parques e xardíns, algunha rúa peonil, museos pouco transcendentes e limitados puntos de interese de segundo orde.

Calle Sarmiento no seu tramo peonil.

Calle Sarmiento no seu tramo peonil.

Isto non quere dicir que a cidade non sexa agradable. De feito si que o é. Máis, moito máis que Córdoba. Realmente loce coma unha cidade xardín. Os sucesivos gobernos da cidade aplicaron as tradicións construtivas dos indios huerpes, habitantes prehispánicos desta rexión, e dotaron as rúas de Mendoza de canles laterais de pouca profundidade para o regadío das numerosas árbores que proporcionan sombra e elegancia.

Canles de regadío nas beiras das rúas da cidade.

Canles de regadío nas beiras das rúas da cidade.

Segundo as estatísticas locais estamos a falar de 45.000 exemplares de moreiras brancas, freixos e plátanos. A cidade observada dende os miradoiros dos seus escasos edificios altos ofrece un mar de tons verdes que se estende ata os pés da cadea montañosa que forma unha preciosa imaxe de fondo. Pode que este sexa o verdadeiro valor de Mendoza.

O centro urbano é unha cuadrícula perfecta co seu epicentro no Parque Independencia. Equidistantes deste parque e a moi pouca distancia atópanse outros catro parques de menor tamaño: Chile (NO), San Martín (NE), Italia (SO) e España (SE). Esta cuadrícula e o Parque Independencia están atravesados de oeste a este pola Calle Sarmiento, rúa que se converte en peonil na súa segunda metade e que funciona como lugar de paso obrigado para todos aqueles que visitan a cidade. Sarmiento é unha rúa de comercios, restaurantes, axencias de viaxes e, sobre todo, terrazas para observar os viandantes. Se alguén quere realizar algunha compra os principais eixos comerciais son as Calles San Martín e Las Heras, dúas das rúas que flanquean respectivamente polo leste e polo norte a cuadrícula central.

Parque Independencia.

Parque Independencia.

A verdade é que os prezos arxentinos convidan pouco ao consumo, mesmo que o cambio sexa realizado no mercado negro. A artesanía arxentina é tamén bastante limitada na súa oferta, agás en roupa de coiro e porongos, bombillas ou mates (utensilios para a bebida da herba mate). Tampouco podo falar con propiedade da vida cultural ou da vida nocturna mendocina se é que a hai… simplemente non existen nas tranquilas noites do luns e do martes que me tocan vivir.

Rechamante mural nunha rúa de Mendoza.

Rechamante mural nunha rúa de Mendoza.

FullSizeRender (2)

Lamentablemente e tal e como pasou hai un mes escaso en Córdoba non dispoño de tempo suficiente para facer unha visita ao que realmente paga a pena en Mendoza: a marabillosa natureza dos Andes e algunha das adegas dos seus afamados viños. Os Andes están aí, sempre presentes e maxestosos. Quedo comprometido para unha nova visita e percorrer a estrada de 380 km que une Mendoza con Santiago de Chile nun tempo de aproximadamente seis horas. A viaxe é unha secuencia continuada de áridas paisaxes de alta montaña nas que foron filmadas películas como “Sete anos no Tibet”. Por outra banda, a provincia de Mendoza, que destaca polo súa produción vitivinícola, ofrece apetecibles visitas ás súas numerosas adegas aínda que debido a súa grande extensión esixe longos desprazamentos de máis dunha hora de viaxe para chegar a algunha das máis emblemáticas.

Deixo estas terras andinas arxentinas e sigo a miña viaxe cara ao Perú.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.