Chiclayo, o norte do Perú

Chego a Lima con tan só un día e medio por diante para desenvolver a miña actividade profesional. Vou precisar de todo este tempo para darlle solución aos moitos problemas que me agardan agochados nesta cidade. Sen apenas un segundo para o lecer ou para descubrir novos recunchos da capital peruana.

Esta é a miña segunda viaxe a Perú e hai sete anos xa tiven a oportunidade de coñecer esta cidade de vagar, ademais de facer un percorrido pola zona máis turística do país (Arequipa-Lago Titicaca-Cusco-Machu Pichu) e unha escapada ao corazón da selva amazónica peruana (Iquitos).

Máscara no Museo Brüning.

Máscara no Museo Brüning.


Nesta ocasión quedo para compartir a viaxe coa miña irmá Anxela e o meu cuñado Ricardo que xa foran os meus compañeiros no percorrido polo Perú no ano 2008. A nosa intención é completar o mapa turístico deste país e visitar os puntos de interese no norte, así como na serra e no deserto costeiro ao sur de Lima.

A miña única experiencia turística en Lima chega á hora do xantar. Perú estase a converter no principal referente gastronómico de Sudamérica, sendo moreas os establecementos con cociña de autor. O primeiro día acudo a La Rosa Náutica, un clásico aberto en 1983 en plena costanera do barrio de Miraflores. Coido que tivo tempos mellores: prezos excesivamente altos para unha carta discreta, servizo lento e camareiros altivos. O que si paga a pena e o propio local, un pavillón de madeira ao fondo dun peirao que se interna no mar. Tamén a posibilidade de ver a clase alta limeña en todo o seu esplendor. Amor Amar é o nome do restaurante que visito o segundo día. Un local atrevido a partir dunha construción clásica e un bonito xardín e que ademais oferta unha galería de arte moderno. Por un prezo semellante a La Ruta Náutica (a partir duns 50 € con viño por comensal) gozo moito máis cos sabores, coa contorna e co público que me acompaña.

http://www.amoramar.com/

O día 19 pola noite, despois de traballar, teño o tempo xusto de saudar á parella recentemente chegada de España e irnos correndiño a durmir. A mañá seguinte a compañía LC Perú ten o seu voo con saída a Chiclayo ás cinco e media da mañá, unha hora verdadeiramente intempestiva.

Despois dunha hora de voo aterramos en Chiclayo. Dende a fiestra do avión percibo perfectamente a cidade inmediata na que destaca o pésimo urbanismo usual nas urbes peruanas. Certo aire de chabolismo, desorde e sucidade mesturado con novas construcións máis xeitosas que xa afirman os últimos anos de crecemento económico dos que se está a beneficiar este país.

Catedral e Casa do Concello de Chiclayo.

Catedral e Casa do Concello de Chiclayo.

Chiclayo non é unha cidade bonita nin tampouco interesante. A coñecida como Cidade da Amizade?? é un importante nó comercial e de comunicación con preto de 300.000 habitantes que reduce os seus atractivos ao Mercado Modelo e á Plaza de Armas. Incluso o interese do mercado vese limitado ao coñecido coma “mercado de bruxos”, un pequeno sector de venda de herbas medicinais, amuletos, e ósos e peles de diversos animais con poderes curandeiros. Na Plaza de Armas destaca a catedral construída no século XIX e a Casa do Concello.

O verdadeiro motivo de subir tan ao norte son os tesouros da cultura moche. Os moches ou mochicas son un pobo precolombino que habitou os vales costeiros do norte do Perú entre os séculos II e VIII. Pobo que logo foi substituído pola civilización chimú e que a súa vez foi absorbida polo pobo inca. Desgraciadamente non hai grandes estruturas que visitar xa que o principal material construtivo moche era o adobe, material bastante resistente á aridez e falta de choiva típica desta franxa costeira pero que ten sufrido ultimamente o efecto devastador das choivas torrenciais do fenómeno El Niño.

Museo Tumbas Reales de Sipán.

Museo Tumbas Reales de Sipán.

Túcume, Ferrañafe e, sobre todo, Sipán son as grandes referencias moches na área de influencia de Chiclayo. En 1947 descubriuse na aldea de Sipán que o que semellaban outeiros de terra agochaban o que foran inmensas pirámides feitas de millóns de ladrillos de adobe. Malia a pillaxe levada a cabo polos huaqueros (palabra quechua para designar os saqueadores de recintos arqueolóxicos) atopáronse tres tumbas superpostas coñecidas como a do Señor do Sipán, a do Sacerdote e a do Vello Señor de Sipán. Hoxe en Sipán hai un museo de sitio, pero para ver os tesouros máis impresionantes que adornaban estas tumbas hai que viaxar ata Lambayeque, unha pequena cidade a 11 km ao norte de Chiclayo.

En Lambayeque abriuse ao público no ano 2002 o Museo de las Tumbas Reales de Sipán. Esta poboación é facilmente accesible dende Chiclayo por transporte urbano ou a través dos económicos taxis peruanos (sempre con regateo previo). No museo hai que pasar un par de horas para coñecer con detalle o proceso realizado na escavación de Sipán e para ver polo miúdo as 2.000 pezas de ouro exhibidas e as marabillosas cerámicas deseñadas polos moches. Un museo moi didáctico e cunha iluminación que axuda a centrarse nos obxectos expostos. Algunhas das xoias son verdadeiramente abraiantes.

Os visitantes poden atopar Chiclayo demasiado lonxe dos percorridos habituais e incluso moitos deciden non visitalo nun país como o Perú tan cheo de atractivos de primeiro orde. Pero sen ningunha dúbida o Museo debe ser unha cita ineludible para todos aqueles namorados da arqueoloxía e da forma de vida das civilizacións precolombinas.

Na mesma poboación de Lambayeque hai un segundo punto de interese: o Museo Arqueológico Nacional Brüning. Un antigo museo rexional inaugurado en 1966 que ofrece unha interesante colección de obxectos das diversas civilizacións que poboaron esta parte do Perú. Malia que este museo vive á sombra do impoñente edificio e da colección do Museo de las Tumbas Reales de Sipán é unha visita de seu moi interesante sempre que sexa realizada previamente á do seu veciño.

Colar de ouro no Museo Brüning. O Museo Tumbas Reales impide fotografiar a colección exposta.

Colar de ouro no Museo Brüning. O Museo Tumbas Reales prohibe fotografiar a colección exposta.

Os larpeiros teñen en Lambayeque unha especialidade local coñecida como King Kong. Din que os da marca San Roque son os mellores. Este doce consiste en galletas feitas con fariña, manteiga, xema de ovo e leite con capas intercaladas de manxar branco, doce de piña e doce de cacahuete. Un auténtico “ladrillo” que se presenta en porcións de medio e un quilo. Os curiosos que unicamente queiran probar esta delicatessen do norte poden comprar porcións individuais nas pastelarías de Chiclayo e, as veces, noutras poboación peruanas.

FullSizeRender (16)As visitas ao propio Sipán, Ferrañafe e Túcume quedan para os apaixonados dos recintos arqueolóxicos e da historia do Perú. O que si aconsello é achegarse ata a aldea mariñeira de Pimentel. Un bo sitio para comer a carón do mar nalgún dos numerosos restaurantes do paseo marítimo. Pimentel tamén ofrece a posibilidade de coñecer os caballitos de totora tal e como foron denominados polos españois tras a súa chegada ao Perú. Realmente son barcas feitas con xuncos que medran nos esteiros e construídas con técnicas artesanais que poden datar de ata 5.000 anos de antigüidade. O de “caballitos” fai referencia ao peculiar xeito de montar e manexar as barcas que os pescadores locais utilizan actualmente para a pesca de proximidade. Chegamos a mediodía e ademais de deleitarnos coa bonita estampa das barcas varadas na praia quedamos sorprendidos co volume de peixe transportado nunha embarcación de tan aparente fraxilidade.

Peirao en Pimentel.

Peirao en Pimentel.

Praia de Pimentel e caballitos de totora.

Praia de Pimentel e caballitos de totora.

FullSizeRender (9)

Chegada dos pescadores á praia de Pimentel.

Chegada dos pescadores á praia de Pimentel.

 

2 comentarios en “Chiclayo, o norte do Perú

  1. porqué lles chamaban “caballitos” as barcas? Iban montados coas pernas fóra en plan taboa de windsurf? En todo caso son fermosísimas. O dos camareiros altivos non o poido soportar. Parecen eles os donos do local.

    • Boas, seica é o nome que lle diron os españois a estas embarcacións artesanais que se estima teñan entre mil e tres mil anos de antigüidade. A forma de tripulalas e coma nun kayak ou ben axeonllados. É posible que sexa por esta última postura que lle diron tal nome. Realmente os nomes anteriores eran “tup” ou “wachake”. Saúdos.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.