A Cidade da Eterna Primavera, é así como reza o slogan turístico da terceira cidade por poboación do Perú. O slogan non está mal escollido, Trujillo ten un clima árido que provoca que as temperaturas medias mínimas e máximas vaian dos 16 aos 23 graos durante todo o ano. E como poderemos comprobar pola paisaxe que rodea a cidade, a choiva non fai practicamente acto de presenza ao longo dos doce meses.
Trujillo foi fundada polo español Diego de Almagro no século XVI en lembranza da cidade natal de Francisco Pizarro na Estremadura española. Almagro e Pizarro foron os grandes exploradores do actual Perú, amigos e compañeiros de fatigas que se converteron co tempo en inimigos irreconciliables. Almagro morreu primeiro axustizado polo irmá de Pizarro e Pizarro foi asasinado posteriormente polos partidarios de Almagro liderados polo fillo deste. A conquista foi deixando moita xente polo camiño, non só indíxenas nativos senón tamén aqueles que presuntamente estaban do mesmo lado.
De Chiclayo a Trujillo son 3 horas e media por unha estrada en bo estado. Quero aproveitar para facer unha gabanza do transporte en autobús entre as cidades peruanas. Nun país con moitas carencias e un desenvolvemento bastante básico en algúns aspectos é de salientar o nivel de prestacións da súa rede por estrada. Durante esta viaxe faremos parte do percorrido en buses xa reservados pola Internet dende España e cun servizo de primeira: wifi, azafat@ (terramoz@ coma din os peruanos), servizo de comidas a bordo e cadeiras cunha reclinación axeitada para durmir. A miña familia e eu mesmo xa non estamos para castigar moito o corpo. O único aspecto negativo do servizo é que os buses percorren grandes distancias e nas paradas intermedias acostuman a chegar con retraso. A web de Bus Portal permite facer reservas para os traxectos máis habituais nas visitas ao Perú. Por suposto, os viaxeiros curtos de cartos teñen outras posibilidades máis económicas con peores condicións de comodidade e sen reserva previa.
Trujillo é un dos primeiros conxuntos coloniais e monumentais do Perú. Porén, unha vez percorrido todo o país podería afirmar que queda relegado a unha quinta posición detrás de Lima, Cusco, Arequipa e Cajamarca, cidades que destacan sobre Trujillo polo ben conservado do seu conxunto urbano. En Trujillo hai edificios salientables pero mesturados con outros de nova factura. O que si ten Trujillo é unha das Plazas de Armas máis harmónicas do país, resaltando impoñente a súa catedral de cor mostaza e numerosos pazos de cores rechamantes. Por outra banda, o tecido urbano soubo manter a súa planta en grella de orixe española na que aínda se erguen abundantes casas grandes e palacetes de obrigada visita: Casa Urquiaga, Palacio Iturregui, Casa de la Emancipación onde foi declarada a independencia de España no ano 1820, e a Casa Ganoza Chapitea, considerada a mellor conservada do período colonial que ademais alberga o café Casona Deza cunha relaxada atmosfera de época. Polo resto, media ducia de interesantes igrexas e unha animada vida de rúa que fai a visita moi agradable.
En Trujillo gozaremos do xantar nun dos mellores restaurantes desta viaxe pola súa relación calidade/prezo: restaurante Mar Picante no número 412 da rúa Húsares de Junín, na parte nova ao sur da améndoa monumental. Ceviches, tiraditos e unhas gambas exquisitas.
Pero Trujillo tamén é o punto de partida para coñecer numerosos atractivos precolombinos a escasa distancia da cidade. O transporte escollido para realizar as visitas en cidades e as súas áreas de influencia será o taxi. Os taxis peruanos non levan taxímetro nin sequera en Lima pero ao mesmo tempo, e cunha negociación previa, resultan esaxeradamente económicos con respecto aos seus equivalentes noutros países do mundo. E non digamos se somos tres a repartir. Nesta ocasión pagaremos 75 novos soles, uns 22 euros ao cambio, por te-lo vehículo e o seu condutor á nosa disposición dende a mañá cedo ata o solpor e levarnos 10 km cara ao sueste e 12 km cara ao noroeste con paradas intermedias.
A primeira visita da mañá no noso segundo día en Trujillo son as Huacas del Sol y de la Luna, restos de templos antigos de orixe moche tremendamente erosionados polos efectos de El Niño. A Huaca del Sol está considerada a estrutura illada precolombina máis grande do Perú. O que vemos (e digo vemos xa que non está aberta ás visitas) supón dous terzos da estrutura orixinal construída con 140 millóns de ladrillos de adobe (si, si). A Huaca de la Luna, máis pequena e máis interesante, atópase a medio quilómetro da anterior e ofrece unha interesante visita guiada (única forma de visitala) que permite coñecer a historia deste centro cerimonial e relixioso que foi tomando forma con progresivas incorporacións ao longo de seis séculos. Aínda podemos ver frisos con ricas policromías e baixo relevos con enigmáticas figuras. Durante a visita estamos acompañados dun par de cans incas ou chineses, cans sen pelo utilizados no Perú para sanar enfermedades dos ósos pola súa alta temperatura corporal. O estado peruano obriga a que haxa unha parella desta raza en cada un dos recintos arqueolóxicos do país. Será para dar ambiente? Na área de aparcamento abre as súas portas o Museo Huacas de Moche con preciosas cerámicas atopadas no lugar.
Seguimos camiño cara ao sitio arqueolóxico de Chan Chan declarado Patrimonio da Humanidade por estar considerada como a cidade precolombina máis grande de toda América e a cidade de adobe máis grande do mundo. Chan Chan está a medio camiño entre Trujillo e o porto e a vila de Huanchaco e supón unha enorme extensión de adobe desfeito e en gran parte sen escavar. Son os restos da capital do pobo chimú, levantada uns 700 anos despois de que os moches construísen as Huacas del Sol y de la Luna. Ao entrar no recinto a visita prométese decepcionante, pouco máis que lama seca en todo o que a nosa vista contempla arredor. A medida que comezamos a pasear polo recinto a nosa impresión vai mudando pouco a pouco, os restos conservados en adobe permítennos imaxinar a grandeza do que Chan Chan foi no seu tempo. Quedamos engaiolados e deixámonos levar pola imaxinación de tal xeito que perdemos moito tempo e temos que eliminar a visita ao Museo de Sitio situado a 500 m do recinto, ao pé da estrada principal.
Rematamos o día chegando para o xantar á vila de Huanchaco. É domingo e os numerosos restaurantes do lugar están cheos de xente local que veu pasar o día á praia. Aquí tamén, ao igual que outras poboacións mariñeiras do norte do Perú, atopamos os caballitos de totora que xa víramos en Pimentel. O peirao que se interna no mar fainos lembrar tamén o aspecto desa vila a carón de Chiclayo. Non sei se foi o feito de coincidir coa chegada dos pescadores en Pimentel o que nos deixou un excelente sabor de boca que Huanchaco non puido mellorar. Antes de rematar as horas de luz subimos á igrexa parroquial no alto dun outeiro sobre a vila e coincidimos coa saída da procesión coñecida como huanchaquito. Toda unha sorpresa afortunada xa que esta procesión ten lugar unicamente no mes de novembro e cada cinco anos. Nesta procesión a imaxe da virxe do Socorro, salvadora da peste bubónica en Trujillo, é conducida a pé en viaxe de ida e volta ao longo dos 14 km que separan Huanchaco e Trujillo. Serán seis días de viaxe con moitas paradas para, unha vez en Trujillo, percorrer moitas das súas igrexas. A viaxe de volta remata o día de Nadal en Huanchaco.
Lamentablemente temos que deixar de visitar o complexo arqueolóxico Huaca el Brujo (Huaca Prieta, Huaca Cao Viejo e Huaca el Brujo) pola distancia a Trujillo (60 km) e a dificultade na visita. Tamén deixamos para outra viaxe a Huaca Esmeralda e a Huaca Arco Iris ou del Dragón xa que, malia a súa proximidade á cidade, esixen un tempo para a visita do que xa non dispoñemos.
O noso camiño segue cara á Cajamarca, un encantador conxunto colonial entre as montañas do interior.