Despois de dous días en Trujillo e arredores facemos maletas e seguimos o noso camiño en dirección á serra dos Andes no norte de Perú. Unha viaxe en autobús de máis de sete horas durante a que desfaremos a metade do camiño entre Trujillo e Chiclayo para na cidade de Pacasmayo desviarnos cara ao interior.
Os primeiros quilómetros pola costa fanse rápido e son tranquilos e agradables. Pasado Pacasmayo e unha vez que enfilamos cara aos primeiros vales a paisaxe comeza a mostrar pinceladas de cor verde e ofrece magníficos panoramas. O reto comeza a partir da poboación de Tembladera e, sobre todo, de Chilete. A circulación faise moito máis lenta e a estrada convértese nunha sucesión de curvas pechadas cara arriba. A paisaxe a vista de paxaro é arrepiante e vese acentuada polos grandes desniveis que asoman pola dereita e, a ratos, por unha néboa pechada que fan da condución un feito case temerario. O noso bus ten que abrir en cada curva o seu arco de xiro ocupando gran parte da calzada contraria. Son varios as freadas de urxencia que angustian á miña irmá, malia que ninguén pode escapar dunha sensación continua de perigo inminente.
Desexando chegar, por fin albiscamos un gran val rodeado de montañas no que se ergue a poboación de Cajamarca. Aquí xa domina o verde. Cajamarca visto dende arriba ofrece unha bonita estampa que alimenta as nosas ganas de comezar a paseala. A medida que nos achegamos á cidade medra en nós unha pequena decepción: a estrada da costa chega polo estremo contrario á zona vella e atravesa unha morea de rúas e barrios de nulo interese que ofrecen a súa peor “faciana” urbanística. A chegada á estación de autobuses tampouco encandea. Un edificio novo de gusto dubidoso e cuns complicados accesos de entrada e saída que parecen querer complicar a circulación de buses e taxis.
Todo muda cando o taxi nos deixa no centro da parte antiga. Agora podemos afirmar sen ningún lugar a dúbidas que Cajamarca é a cidade colonial mellor conservada do Perú despois de Cusco. Alguén do noso pequeno grupo disentía e falaba a prol de Arequipa… Pero unha vez feita a visita é evidente que Cajamarca ofrece un importantísimo conxunto de edificacións coloniais aderezado con fermosísimos edificios senlleiros de primeira orde. Sen dúbida Cusco é mais cosmopolita e está moi acondicionada para os gustos do turista medio: hoteis boutique, restaurantes con encanto, espectáculos de folclore e unha importante oferta de artesanía e de tendas chic. Cajamarca está máis “a monte”, cun aire adormecido de provincias na que pasan poucas cousas. De feito e ao igual que en Chiclayo e Trujillo apenas atopamos outros turistas nas súas rúas ou lugares de interese. Máis tarde nos informarán de que é ademais unha cidade moi relixiosa na que a Semana Santa vívese dun xeito moi especial. Nós podemos afirmar, con total coñecemento, que nos luns e martes non pasa nada que anime as noites locais a non ser achegarse a ver un filme nun dos dous centros comerciais que existen. Non hai nin sequera un bar acolledor e con clientela onde tomar un pisco sour á primeira hora da noite. Polo demais, Cajamarca non ten un “pero” e debe estar na listaxe de cousas a ver e facer no norte do Perú.
Chegamos tarde e dános tempo a dar un paseo por toda a súa grella de rúas e prazas. Collemos un hotel de estilo colonial na rúa (en Perú din jirón) de Belén case fronte ao Complejo Colonial de Belén.
Ao día seguinte percorremos paseniño as rúas de novo e non deixamos un monumento sen visitar. Ás numerosas igrexas hai que engadir o interior dalgún palacio, un par de museos interesantes e a única reliquia precolombina que conserva a cidade (outra diferenza con Cusco onde os testemuños incaicos son numerosos): o Cuarto del Rescate. Non se pode esquecer que foi aquí, en Cajamarca, onde o emperador inca Atahualpa foi apresado, encarcerado e executado polas tropas de Pizarro. O cuarto do rescate é unha pequena construción incaica de cantaría que se conserva no interior dun edificio próximo á Plaza de Armas. Serviu de prisión de Atahualpa dende o momento da súa detención ata a súa execución e no interior pódese ver a marca realizada polo propio líder inca a unha altura superior á da unha persoa para indicar o nivel ao que chegarían os tesouros pagados polos seus súbditos como rescate previo a súa liberalización. Atahualpa nunca foi ceibado e o único que conseguiu foi que os españois mudaran o lume polo estrangulamento como método executor. E grazas a que se converteu ao cristianismo nos últimos momentos… Non me estraña que por estas terras teñan manía a todo o que soa a poder colonial.
Un valor engadido de Cajamarca é poder atopar as mulleres da serra vestidas cos traxes tradicionais de cores vistosas e os peculiares sombreiros coñecidos como cuartillos. O mercado é o lugar adecuado para realizar as mellores fotografías.
Tamén subimos ata o Cerro Santa Apolonia, un outeiro en pleno centro urbano a 500 m sobre o nivel da cidade e a escasa distancia ao suroeste da Plaza de Armas. Un antigo lugar sagrado para a cultura chavín reconvertido nun magnífico miradoiro sobre os tellados de Cajamarca. Nas escaleiras que baixan cara ao centro poderemos atopar a maioría das tendas de artesanía da cidade aínda que cunha limitada oferta de obxectos interesantes.
Preguntamos nas axencias da Plaza de Armas polas visitas a realizar dende Cajamarca e non conseguimos motivarnos. As excursións teñen como destino Cumbe Mayo ou as Ventanillas de Otuzco. Cumbe Mayo a 20 km de Cajamarca son unhas formacións rochosas erosionadas nas que se poden ver uns canais de irrigación preincaicos cuns 2.000 anos de antigüidade e algúns petróglifos dentro das covas. A ida, a visita e a viaxe de volta supón demorar unhas catro horas. As Ventanillas de Otuzco é unha necrópole tamén preincaica a uns 8 km da cidade na que non dá máis que para chegar e botar unha ollada. Seica hai outras Ventanillas en Combayo a uns 30 km de Cajamarca que están moito mellor preservadas. O que vemos en fotos e as propostas que nos fan non son suficientemente suxestivas e decidimos dedicar todo o noso tempo á propia Cajamarca.
O que si facemos é achegarnos aos Baños del Inca nunha barriada a seis quilómetros do centro. O nome está relacionado co feito de que foi aquí onde estaba acampado Atahualpa, gozando dos beneficios deste manancial termal, cando Pizarro chegou a Cajamarca. Ademais dos restos arqueolóxicos e dunha piscina con valor histórico podemos atopar unha gran oferta de piscinas de exterior, sauna e masaxes (non baratos). A fórmula habitual é alugar un espazo privado para compartir coa familia ou amigos no que facer uso dunha pequena piscina de augas termais ata para seis persoas. A tarifa é moi económica pero limitada a 30 minutos de uso. As bañeiras/piscinas baléiranse e énchense de novo cada vez que se fai uso delas. Traede toallas.
Pasamos día e medio en Cajamarca e coido que é abondo para facer o que fixemos. Aqueles que teñan intención de visitar Cumbe Mayo e/ou as Ventanillas de Otuzco e Combayo deberán engadir tempo suficiente ao seu programa.
preciosas as fotos das mulleres da serra. A cidade ten moito interese aínda que o xeito de chegar non me emocione. Encantoume o bocata de aceitunas
Si para min tamén foi unha sorpresa. Nunca escoitara falar destas vestimentas tan curiosas. O do bocata vaino haber que patentar. Saúdos.
BO NADAL también para ti.
Tengo que probar el bocadillo de aceitunas. Es una idea original.
Bicos.
No había oído nombrar esta ciudad a ningún viajero que haya viajado por Perú. Me ha sorprendido agradablemente descubrirla. Tanto como el tamaño de los sombreros femeninos como el bocadillo de aceituas.
Hola Rosi y gracias por tus esfuerzos en entender este blog en gallego. Cajamarca es una joyita que debería estar en cualquier itinerario por Perú aunque quede fuera de la ruta más turística. Además del buen estado de conservación de la ciudad colonial el ambiente tiene un algo de auténtico que el turismo no ha conseguido alterar. Un abrazo y BO NADAL!!