De Paracas a Nasca polo deserto peruano

Saímos no primeiro voo da mañá Cajamarca-Lima da compañía LC Perú. O voo é puntual e aterramos no aeroporto limeño en menos dunha hora. Despois de recoller as maletas tomamos un taxi (previo regateo) para que nos achegue á estación de autobuses da empresa Flores que comunica Lima e Pisco cada 20 minutos. Tamén hai outras compañías que fan este mesmo percorrido con abundantes frecuencias ao longo do día.

Reserva Nacional de Paracas

Reserva Nacional de Paracas

Atravesar Lima en hora punta da mañá cun taxista inexperto fainos demorar máis dunha hora no traxecto. Chegamos ao mostrador de Flores cinco minutos antes da saída do seguinte bus e abordámolo con dirección a Pisco. Pisco, unha pequena e pouco interesante cidade destruída durante o terremoto do ano 2007, non é o noso destino final. Dende alí deberemos tomar un colectivo ou un taxi que nos achegue á vila de El Chaco (mal chamada Paracas pero máis coñecida por este nome) que será o noso punto de partida para visitar a Reserva Nacional de Paracas e as veciñas Islas Ballestas.

Oasis de Huacachina

Oasis de Huacachina

FullSizeRender (5)

De camiño

Negociamos co taxista co que facemos o traxecto entre Pisco e El Chaco para que nos espere mentres deixamos as nosas cousas no cuarto do hotel e así poder saír de inmediato a visitar a reserva nacional. El Chaco é unha especie de resort turístico aínda a medio desenvolver cunha fronte mariña de pequenos hoteis, restaurantes, tendas de souvenirs e un peirao do que parten os barcos a Ballestas. Mudámonos de roupa xa que as temperaturas de Cajamarca cos seus case 2.800 m de altitude e as do deserto de Paracas, a carón do mar, non teñen nada que ver.

Xantando en Lagunillas

Xantando en Lagunillas

O bus de Lima a Pisco demorou catro horas e media e estamos totalmente esfameados, xa é tarde e faise urxente buscar onde satisfacer o noso apetito. A nosa primeira parada, a uns 15 minutos de El Chaco e xa dentro da reserva nacional, é a baía de Lagunillas: o único lugar onde poder comer algo dentro da reserva. Unha oferta de tres restaurantes a pé de mar, vistas impagables e peixe de primeira calidade a prezos fóra de mercado. Aínda así decidimos comer rico e, sobre todo, deixar que a nosa vista se deleite con esta paisaxe propia de paraxes extraterrestres. O noso xantar en Lagunillas será o máis caro dende a nosa saída de Lima e polo resto da viaxe.

Pelicano en Lagunillas

Pelicano en Lagunillas

Despois do xantar comezamos un itinerario que nos leva polas praias de La Mina e Yumaque. Estamos abraiados coa sucesión de paisaxes sorprendentes nas que se mesturan o deserto extremo e sen poboar cun mar de gran beleza. Rematamos contemplando o solpor no miradoiro da Catedral, alí onde se levantaba un arco natural derrubado durante o terremoto do 2007. Dicimos adeus a esta longa xornada e quedamos con pena de non dispoñer de tempo extra para visitar Paracas máis de vagar. Viaxar dende as paisaxes de alta montaña da serra e compartir o mesmo día coas vistas desérticas de Paracas dános unha idea do extremadamente variada e contrastada que pode chegar a ser a paisaxe peruana.

Reserva Nacional de Paracas

Reserva Nacional de Paracas

FullSizeRender (10)

FullSizeRender (14)

FullSizeRender (12)

FullSizeRender (11)

Ao día seguinte madrugamos para coller cedo a excursión ás Islas Ballestas. Denominada por algúns “as Galápagos dos pobres” Balllestas é un pequeno arquipélago a escasa distancia da Península de Paracas convertido nun santuario de vida salvaxe: lobos mariños, pelicanos, pingüíns de Humboldt, golfiños e centos de miles de aves mariñas. A excursión dura dúas horas e pode comprarse por uns 10 € ao cambio na maioría de negocios de El Chaco. Realmente é unha hora de viaxe entre a ida e a volta máis unha hora nas illas acompañados por un guía que axudará a interpretar a historia e, sobre todo, a fauna local. É aconsellable levar roupa de abrigo a causa das altas velocidades que acada a motora e poñerse crema protectora para evitar posibles queimaduras.

FullSizeRender (40)

FullSizeRender (44)

FullSizeRender (41)

FullSizeRender (3)A medida que nos achegamos un fortísimo cheiro a guano inunda o noso nariz. Ballestas son coñecidas pola produción de guano das súas colonias de mascatos, pelicanos e, sobre todo, corvos mariños; guano que cada poucos anos é extraído baixo a supervisión do goberno peruano. Unha vez nas illas non se pode desembarcar pero as lanchas abéiranse o máximo posible á terra firme para poder contemplar de cerca a súa fauna. Tamén é boa idea levar unha gorra que protexa de posibles bombardeos de guano.

FullSizeRender (4)

FullSizeRender (13)

El Candelabro

El Candelabro

Na viaxe de ida cara ás illas e ao pouco de deixar o porto de El Chaco a motora fai unha parada na Península de Paracas para ver dende o mar a figura de El Candelabro, un tridente marcado sobre a area con 120 m de envergadura, que fai lembrar as liñas de Nasca. Posiblemente realizado pola civilización Paracas, as teorías sobre a súa orixe son varias e totalmente dispares sen que ningunha delas se chegase a confirmar.

FullSizeRender (42)FullSizeRender (43)

FullSizeRender (7)

Islas Ballestas deixa unha forte pegada entre nós e, malia a súa brevidade, decidimos por unanimidade que é “a visita” desta viaxe. Totalmente inesperada é totalmente recomendable. Logo descubriremos que esta rexión do Perú está chea de sorpresas para agasallarnos.

Despois de Ballestas apenas temos tempo de pasar polo hotel a recoller a nosa equipaxe para pegar no bus da compañía Oltursa que vén de Lima con destino a Arequipa. Nesta ocasión tomamos o bus en El Chaco sen ter que pasar por Pisco cunha das poucas compañías que teñen servizo nesta vila. Compartimos viaxe cun grupo de mozos e mozas pertencentes a un grupo de baile que se dirixen a Arequipa.

Chegando a Nasca

Chegando a Nasca

Unha vez en Nasca buscamos aloxamento para as próximas dúas noites no hotel Oro Viejo, moi preto da estación de autobuses. A atmosfera colonial que se respira e as xenerosas proporcións do cuarto converten este hotel nun dos nosos preferidos nesta viaxe.

Acueduto de Cantalloc

Acueduto de Cantalloc

FullSizeRender (6)

Temos pouco tempo e o que queda da tarde dá tan só para pasear pola pouco interesante cidade de Nasca e para achegarnos en taxi ao acueduto de Cantalloc a cinco quilómetros da cidade. Que ninguén imaxine Cantalloc coma un acueduto en altura, todo o contrario, é unha canle soterrada de corenta e seis “ollos” dos que aínda se conservan 32 en bo estado. Un curto paseo permite ver máis dunha ducia destes sorprendentes ollos ou espirais graduadas que servían para o mantemento do propio acueduto. A súa feitura é atribuída á civilización Nasca e amosa tanto a importancia da auga e do regadío nestas terras desérticas como a mestría desta civilización nos seus traballos de enxeñería. Hai que pagar unha entrada relativamente cara tendo en conta que é válida unicamente para o mesmo día. A entrada inclúe algúns outros sitios menores para visitar. Porén, o sol está a caer aínda e aproveitamos a entrada para achegarnos a un outeiro a poucos quilómetros de Cantalloc e contemplar as liñas coñecidas como Las Agujas, conxunto de xeoglifos de 400 m de lonxitude con diversas figuras xeométricas.

Sobrevoando as liñas de Nasca

Sobrevoando as liñas de Nasca

FullSizeRender (25)

A mañá seguinte o primeiro que facemos é achegarnos ao aeroporto Maria Reiche nas aforas da cidade para realizar o noso sobrevoo das liñas de Nasca. Nada mais chegar somos abordados por persoal da compañía Aeroparacas que casualmente era a que tiñamos en mente pola calidade da súa flota e os seus niveis de seguridade. Todo vai de presa e en 45 minutos estamos embarcando cun matrimonio colombiano, cun agradable copiloto moi falador que fai os labores de guía turístico e, por suposto, co piloto. A nova lexislación peruana obriga a que os voos vaian acompañados de piloto e copiloto como consecuencia dos numerosos accidentes acontecidos entre os anos 2008 e 2010. Aeroparacas cobra 70 dólares americanos máis unha pequena porcentaxe no caso de pagar con tarxeta por un voo de 35 minutos que permite albiscar as principais e máis coñecidas liñas de Nasca. A autoridade do aeroporto cobra a maiores unha taxa de embarque de 25 novos soles que nos parece totalmente desmedida. Nasca é un deses sitios aos que hai que vir. É único! En que outro lugar do mundo poderemos ver unhas liñas xigantescas de orixe incerto sobre as que xiran unha morea de lendas? Pero dito isto, o voo deixou en min un sabor agridoce, demasiado alto e demasiado rápido. O avión vaise ladeando para que tanto os pasaxeiros da esquerda como os da dereita poidan ir vendo cada un dos xeoglifos. O copiloto non deixa de dar referencias visuais para intentar centrar a nosa atención. Pero todo transcorre moi a presa. As liñas non están tan definidas como acostuman aparecer nos documentais da televisión. Algunha non consigo nin vela. E cando comezo a centrarme…, xa todo rematou. O meu cuñado e a colombiana quedan completamente mareados. Un desexo satisfeito pero, ao mesmo tempo, unha certa decepción. Pero volvería a facelo? Sen dúbidas, si. Por outra banda, o trato e o servizo de Aeroparacas poden ser cualificados de excelentes.
http://www.aeroparacas.com/

Mapa das liñas de Nasca

Mapa das liñas de Nasca

FullSizeRender (16)

FullSizeRender (17)

A balea

FullSizeRender (19)

O astronauta

FullSizeRender (20)

O colibrí

FullSizeRender (21)

As mans e a torre de observación

FullSizeRender (22)

O papagaio

FullSizeRender (45)

As mans e a árbore

Momia no pequeno museo de sitio

Momia no pequeno museo de sitio

O resto da mañá temos tempo de visitar o cemiterio de Chauchilla a 30 km ao sur de Nasca, un lugar de enterramentos realizados arredor do ano mil pola cultura Ica-Chinca. As tumbas son unha ducia de buratos no deserto onde foron colocadas as momias orixinais abandonadas polos ladróns durante o seu saqueo de tumbas. Tamén hai un pequeno museo moi básico que acolle a momia mellor conservada. Seica as momias non son consecuencia dun proceso premeditado senón mais ben da escaseza case absoluta de humidade nestes terreos. Non hai que esperar grandes sorpresas, vista unha tumba vista todas pero o lugar ten algo de arrepiante. No camiño de ida e volta atopamos outro cemiterio, este actual, que respira unha fonda tristura.

Cemiterio de Cahuachi

Cemiterio de Chauchilla

Cemiterio novo no camiño a Cahuachi

Cemiterio novo no camiño a Chauchilla

FullSizeRender (23)

FullSizeRender (48)Pola tarde volvemos a saír de Nasca en dirección oeste por un estrada poeirenta chea de fochas para percorrer os 25 km que nos separan de Cahuachi, o principal centro cerimonial da cultura Nasca construído nos primeiros cinco séculos da nosa era. As diversas pirámides, prazas e rúas seguen a ser escavadas polo que a visita está limitada a certas áreas e o itinerario vén perfectamente delimitado por un camiño de pedras brancas. Hai unha ausencia absoluta de paneis de interpretación e é moi difícil facerse unha idea da grandeza destes restos arqueolóxicos sen a axuda dun guía local. Afortunadamente non hai que pagar entrada.

Cahuachi

Cahuachi

Levamos día e medio en Nasca e practicamente visitamos todo o que hai de interese nos arredores. Queda na nosa listaxe de cousas por facer o chamado Cerro Blanco, a duna de area máis grande do mundo con 1.176 m dende a base ata o cumio e unha altura de 2.078 m sobre o nivel do mar. Temos a oportunidade de ver Cerro Blanco ao lonxe, coma un pano de fondo, durante as excursións que facemos fóra da cidade e no momento de aterrar despois do sobrevoo das liñas de Nasca. O ascenso á duna non é posible en vehículo motorizado e coido que os meus acompañantes, e comezo a pensar que eu mesmo, xa non estamos para unha ascensión de dúas horas camiñando pola area. Deixo Cerro Blanco con pena e como unha desculpa para unha nova viaxe por estes lares.

Santuario de Chicho

Santuario de Chicho

O cuarto e último día no deserto peruano desfacemos o camiño cara a Lima para achegarnos á cidade de Ica, a capital vitivinícola do Perú. Damos unha volta en taxi pola cidade que non ten moito que ver xa que a modesta catedral e o santuario do señor de Luren, dous dos seus principais atractivos, foron seriamente danados polo severo terremoto do ano 2007. Sacamos un par de fotos na Plaza de Armas e aproximámonos ata o santuario popular (unha sinxela caseta branca enriba da beirarrúa) de José Luis Tipacti “Chicho”, un cativo de nove anos que morreu polo derrubamento dunha parede durante o terremoto de Ica. Non hai nin sequera unha capela, son catro metros cadrados cheos de flores, velas, xoguetes e fotos deixadas por persoas que veñen a agradecer os favores feitos ou a pedir polos milagres de Chicho.

As razóns que nos trouxeron a Ica son dúas: a adega Tacama, posiblemente a máis importante do Perú, e o mil veces fotografado Oasis de Huacachina.

Adegas Tacama en Ica

Adegas Tacama en Ica

FullSizeRender (30)

Esa mesma mañá antes de xantar formamos grupo cunhas mulleres estadounidenses e visitamos de balde as instalacións da adega. Eu non estou especialmente interesado no turismo enolóxico pero Tacama ten algo de especial. Esta adega foi fundada no século XVI e está considerada como a máis antiga de Sudamérica converténdose en punto de partida para a difusión da vide en Chile e Arxentina. É máis, a canle que rega os viñedos foi construída polo Inca Pachacutec no século XV. Tacama conserva ese aire colonial dunha antiga facenda formada por edificios históricos. Coñecemos a produción de viños e de pisco para rematar cunha estupenda degustación de seis variedades ao final da visita. Saímos de Tacama especialmente “contentos” para dirixirnos ao Oasis de Huacachina a escasos 5 km ao oeste de Ica.

Restaurante en Huacachina

Restaurante en Huacachina

Oasis de Huacachina

Oasis de Huacachina

FullSizeRender (34)

Dunas ameazadoras en Huacachina

Dunas ameazadoras en Huacachina

Huacachina é outro deses lugares que paga a pena visitar: un minúsculo barrio de Ica que parece estar enclavado nun recuncho remoto do deserto do Sahara. A foto do oasis dende arriba é unha habitual das listaxes de lugares raros do mundo que aparecen na Internet. Imaxinade unha pequena lagoa rodeada por un paseo arborado franqueado por hoteis e restaurantes no medio dunhas dunas inmensas que rematan directamente nas paredes traseiras dos edificios. Durante a miña estadía non podo deixar de preguntarme a razón pola que esas dunas monstruosas non teñen feito desaparecer o oasis. Si parece ser que a pequena lagoa vai cada vez a menos e en calquera momento necesitará de axuda exterior para que non desapareza definitivamente. En Huacachina non hai moito que facer a non ser os paseos en areneros, eses buggies que a gran velocidade “voan” polas montañas de area, ou coller unhas táboas de sandboard ou sandsurf e gozar deslizándose polas dunas xigantes. Aqueles visitantes máis impresionables deberían prescindir do paseo en arenero xa que a súa graza reside en acadar velocidades de vertixe e facer saltos ao baleiro que rozan o límite das capacidades do propio vehículo. Hai unha sensación de perigo inminente. No caso de facelo (eu si o fixen) recomendo o paseo de dúas horas para rematar á tardiña, ao solpor, cunha visión de Huacachina dende o alto das dunas que rodean o oasis.

FullSizeRender (35)

FullSizeRender (37)

De paseo no arenero

Sandsurfing

Sandsurfing

FullSizeRender (51)FullSizeRender (39)

FullSizeRender (36)

FullSizeRender (49)

Ao día seguinte rematamos a nosa viaxe por esta parte do Perú e collemos o autobús de volta a Lima para enlazar co noso voo a Madrid. Foron catro días intensos dende a nosa saída de Cajamarca durante os que non deixamos de asombrarnos con estampas máis propias doutro mundo. Perú demostrounos de novo que é un país cheo de atractivos moi variados e de primeiro nivel con escasos rivais en Sudamérica.

2 comentarios en “De Paracas a Nasca polo deserto peruano

    • Non o dubides! Despois de darlle moitas voltas ao sur de Ámerica atopo que Perú é o número un pola súa variadade e o impresionante dos seus atractivos. Nin siquera Brasil pode facerlle sombra. Saúdiños!

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s