O primeiro que debo explicar é que malia que este é o meu primeiro post sobre A Ribeira Sacra, non quere dicir que esta proposta teña que ser a primeira escapada para aqueles que nunca visitaron un territorio tan interesante e cheo de atractivos.
A Ribeira Sacara aspira a converterse máis cedo que tarde nun novo destino a incrementar a listaxe do Patrimonio da Humanidade da Unesco en Galicia. Este feito pode darnos unha idea da importancia dos recursos paisaxísticos e patrimoniais deste recanto de Galicia a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense. Son moitas as cousas a ver e facer pero para os principiantes neste destino hai que salientar tres rutas principais: a ruta dos encoros e dos catamaráns que permite ver os canóns do Miño e do Sil navegando polas augas destes ríos; a ruta dos conventos e mosteiros que invita a visitar varios dos sete edificios que aínda permanecen en pé dos 18 que chegaron a levantarse neste recuncho da Galicia rural; e a ruta do románico que quere dar a coñecer unha morea de pequenas e marabillosas igrexas construídas en lugares non sempre con bo acceso.