Coñecendo Galicia – A Ribeira Sacra I

O primeiro que debo explicar é que malia que este é o meu primeiro post sobre A Ribeira Sacra, non quere dicir que esta proposta teña que ser a primeira escapada para aqueles que nunca visitaron un territorio tan interesante e cheo de atractivos.

Canón do río Miño á volta de Pesqueiras

Canón do río Miño á volta de Pesqueiras

FullSizeRender (3)

Pinturas en Pesqueiras

A Ribeira Sacara aspira a converterse máis cedo que tarde nun novo destino a incrementar a listaxe do Patrimonio da Humanidade da Unesco en Galicia. Este feito pode darnos unha idea da importancia dos recursos paisaxísticos e patrimoniais deste recanto de Galicia a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense. Son moitas as cousas a ver e facer pero para os principiantes neste destino hai que salientar tres rutas principais: a ruta dos encoros e dos catamaráns que permite ver os canóns do Miño e do Sil navegando polas augas destes ríos; a ruta dos conventos e mosteiros que invita a visitar varios dos sete edificios que aínda permanecen en pé dos 18 que chegaron a levantarse neste recuncho da Galicia rural; e a ruta do románico que quere dar a coñecer unha morea de pequenas e marabillosas igrexas construídas en lugares non sempre con bo acceso.


É dentro desta ruta do románico onde deberiamos incorporar os tres templos que vou describir. Dependerá do interese que o visitante teña no estilo románico e/ou dos días dispoñibles para coñecer A Ribeira Sacra para que estas igrexas sexan ou non incluídas no itinerario a realizar.

A razón desta escapada é a miña simpatía por unha asociación a prol do Románico en Galicia coñecida como O Sorriso de Daniel. O Sorriso está comandado por un pequeno grupo de entusiastas e estudosos (grazas Carmen!) de Galicia e do seu patrimonio medieval centrados principalmente na arte románica. A asociación organiza varias saídas ao ano, unhas veces para botar unha man na limpeza destes monumentos e outras para coñecer o interior de edificios que permanecen coas súas portas pechadas a meirande parte do tempo, por non dicir sempre. Para os curiosos comentar co nome destes amigos do Románico fai referencia ao sorriso afable e pícaro da imaxe do profeta Daniel situado no Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela. A explicación eclesiástica fala dun sorriso provocado polo anuncio da chegada do Señor, mentres que outras xustificacións máis profanas falan da voluptuosidade da talla situada fronte a Daniel que represente unha bela muller que podería ser a figura de Esther ou da Raíña de Saba.

O Sorriso ten a páxina web en construción (e promete) e polo de agora podedes seguilos no seu blog de actividades:
http://osorrisodedaniel.blogspot.com.es/
Para un futuro próximo:
http://www.osorrisodedaniel.org/

A cita é ás 10:30 en Chantada, ao sur da provincia de Lugo, e a xeira vainos levar polos concellos de Chantada e Taboada, na franxa noroeste da Ribeira Sacra á beira do canón do río Miño. Somos moitos, unhas sesenta persoas, e o primeiro é organizarnos e distribuírnos completando os vehículos particulares para evitar o exceso de circulación por corredoiras estreitas e as necesidades de aparcadoiro en lugares con aforo limitado.

No camiño a Pesqueiras

No camiño a Pesqueiras

Santa María de Pesqueiras entre a néboa

Santa María de Pesqueiras entre a néboa

A primeira parada é a igrexa de Santa María de Pesqueiras. A nosa condutora pérdese do grupo e decide seguir a nova e perfecta sinalización (non parece Galicia!) que nos dirixe ata a mesma porta do edificio. O resto da comitiva, segundo as recomendacións do Sorriso, vai pola estrada que pasa por diante do Pazo do Piñeiro para facer os últimos cincocentos metros a pé. Sen dúbida os coches baixos deben seguir esta última opción xa que o camiño sinalado é unha senda non pavimentada e estreita con moi pouco espazo de marxe no caso de encontrar outro vehículo en sentido contrario.

Unha néboa pecha impide ver as vistas sobre o canón e case fai que o propio edificio pase desapercibido ata chegar ao seu carón. Santa María é o que queda dun antigo mosteiro feminino da orde bieita do século XIII no que destacan as fermosas pinturas renacentistas restauradas hai uns poucos anos. Estamos rodeados dun souto de castiñeiros e o momento ten algo de máxico. Esa Galicia tan fermosa que dan ganas de chorar.

FullSizeRender (10)FullSizeRender (9)FullSizeRender (6)

Pesqueiras ao saír, xa con sol

Pesqueiras ao saír, xa con sol

Para os amantes do románico achego o blog dun par de mozas guías de turismo que ademais de informacións concretas sobre Santa María tamén proporcionan ideas para posibles percorridos pola Ribeira Sacra.

http://www.maisqueromanicorutas.com/category/lugo-2/santa-maria-de-pesqueiras/

Pasamos un bo rato admirando esta pequena marabilla e xa no camiño de regreso cara a Chantada conseguimos ver os socalcos cheos de viñedos que baixan polo canón do Miño. O río segue tapado cun manto de mesta néboa.

San Salvador de Asma

San Salvador de Asma

Pretiño de Chantada, e no alto dun outeiro, asómase a igrexa de San Salvador de Asma e o edificio anexo dun antigo mosteiro bieito. Parece incrible que por aquí e por acolá aparezan espallados numerosos edificios que rozan os seus mil anos de historia. A igrexa aínda conserva un bo número de elementos románicos. Atendemos as longas explicacións dun dos promotores que está defendendo ante a Administración galega a declaración deste edificio como Ben de Interese Cultural (BIC). Tamén entramos por un lateral do altar para ver os perfectamente conservados canzorros da ábsida ocultos aos ollos do visitante polo engadido que supuxo construír a sancristía. Lamentablemente, o antigo mosteiro atópase en mans privadas e nunhas condicións de mantemento que provocan vergoña. Non está aberto ás visitas e o propietario é calquera cousa menos amable cos que amosan o seu interese polo edificio. Non debería haber unha lei xusta de expropiación que faga que os galegos podamos gozar co noso patrimonio ante situacións coma a exposta?

Interior de San Salvador

Interior de San Salvador

Canzorros da ábsida dende o interior da sancristía

Canzorros da ábsida dende o interior da sancristía

Xantar no restaurante Os Pendellos de Chantada

Xantar no restaurante Os Pendellos de Chantada

Despois do xantar en Chantada saímos cara ao concello veciño de Taboada para rematar o percorrido coa visita á igrexa de Santa María de Castelo. A intención é facer unha pequena homenaxe á figura de Xaime Delgado, enterrado neste cemiterio, a quen tanto se lle debe polos estudos que fixo do Románico en Galicia e polo esforzo que puxo en conservar tantos e tantos edificios deste estilo medieval.

No medio da explanada que serve de aparcadoiro levántase un exemplo magnífico de peto de ánimas/cruceiro ao que polo que parece engadiron un baldaquino posterior de gusto máis dubidoso.

Dentro da igrexa chama enseguida a atención un capitel no que destaca a figura dunha cabeza humana bastante basta e as dúas pías de estilo románico. No exterior as dúas referencias principais son unha fiestra lateral profusamente decorada e, sobre todo, o tímpano da entrada principal que aparece decorado coa árbore de Xesé, polo visto unha rareza para este tipo de templos en Galicia.

Interior de Santa María do Castelo

Interior de Santa María do Castelo

Bonita fiestra lateral

Bonita fiestra lateral

Curiosa figura nun capitel de Santa María do Castelo

Curiosa figura nun capitel de Santa María do Castelo

Pía bautismal

Pía bautismal

Pía de auga bendita

Pía de auga bendita

Na viaxe de volta a Chantada para recoller o noso vehículo quedamos tirados en medio dunha subida. Seica o coche da nosa anfitrioa xa ten unha idade e non indica convenientemente o nivel da gasolina. Non importa a espera, xa de noite, ata que a sempre encantadora responsable do Sorriso, Carmen, bótanos unha man e soluciona o problema.

Para aqueles interesados en facer este pequeno percorrido aconsello poñerse en contacto coa Oficina de Turismo de Chantada e ve-la posibilidade de combinar a visita ás igrexias cos horarios de misa no caso de Asma e Castelo ou o préstamo da chave para poder entrar en Pesqueiras.

Finalmente e malia que non tivemos oportunidade nesta ocasión, é interesante facer unha visita ao casco antigo de Chantada. A verdade é que Chantada é unha vila pouca agraciada, non a souberon facer coma é debido. Pero recoñezo o bo traballo na recuperación do seu pequeno e moi fermoso barrio antigo.

Moitas grazas ao Sorriso de Daniel e a todos aqueles galegos que loitan pola conservación do noso patrimonio.

8 comentarios en “Coñecendo Galicia – A Ribeira Sacra I

    • Ola Olga.É moi sorprendente toda a riqueza que temos agochada polo rural galego. Non quededes na casa e axudade a que todo o patrimonio se manteña vivo. Bicos

  1. Encántame o blog e toda a información que aportas sobre as rutas.
    A zona da Ribeira Sacra é unha das favoritas.
    Non coñecía a igresiña da Pesqueiera e mórro de ganas de coñecela.
    Parabéns polo blog, e como follower, grazas polo esforzo de facelo e de compartilo

  2. Estoy animada desde mi primera escapada a esa maravillosa tierra. De hecho, volví cuatro años seguidos y me consta que no recorrí ni la cuarta parte de esa preciosa Galicia.
    Ve preparando una maravillosa ruta románica,que amenazamos con volver.
    Quiero comprobar si las meigas existen o no.
    Bicos.

  3. Después de leer la descripción anterior, tengo mono de volver a la Ribera Sacra. Pude disfrutar hace años de la ruta de los monasterios. Tengo pendientes las otras dos.
    En tu próxima e inminente visita hablaremos sobre ello.
    La primera foto es preciosa. Me la he puesto de salvapantallas.
    Bicos.

    • Rosi, despues de nuestra reciente cena en Valencia creo que ya estás totalmente animada para volver a Galicia. Has visto mucho de mi tierra pero aún te queda mucho más. Galicia es pequeña pero matona!

Deixa unha resposta a XanCancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.