Coñecendo Galicia – Macizo Central Ourensán I

É sempre nos meses de outono cando esperamos con máis ganas a nosa escapada de turismo rural por Galicia. As razóns son varias e diversas. A montaña galega está nun dos seus mellores momentos e ofrece unha paleta de cores difícil de ver o resto do ano. Tamén podemos gozar da estupenda oferta de aloxamentos de turismo rural que ten Galicia sen preocuparnos por facer reservas con antelación e, a miúdo, aproveitando tarifas máis vantaxosas. A eses atractivos hai que engadir esas comidas caseiras, riquísimas e cheas de sabor que ofrecen os pequenos restaurantes locais. E sobre todo sentir o pracer de perdernos por paisaxes e lugares baleiros dos visitantes habituais noutras épocas do ano.

Panorámica dende a aldea das Taboazas

Panorámica dende a aldea das Taboazas

Castiñeiro de Pumbariños

Castiñeiro de Pumbariños


Nesta ocasión decidimos dirixirnos cara a un dos macizos montañosos máis famosos de Galicia: o Macizo Central Ourensán. Este grupo de montañas que ocupa a parte central da provincia de Ourense é moi coñecido polos galegos xa que no seu cumio máis alto abriuse hai xa moitos anos a estación de esquí de Cabeza de Manzaneda, a única que temos en Galicia. A imaxe máis definitoria do macizo, formado por montañas medias de perfís desgastados que acadan ata os 1782 m na Cabeza Grande, é a de montes pelados nas súas partes máis altas con abundantes e mestos bosques e fragas de altísimo valor medio ambiental espallados polas súas abas e polos vales que os rodean. Unha paisaxe que as veces fai lembrar as terras altas ou Highlands escocesas. O MCO ten varios accesos segundo de onde se veña, sendo os máis destacados polo norte os de Montederramo, O Castro de Caldelas e A Pobra de Trives/Manzaneda, polo leste o de Viana do Bolo/Vilariño de Conso, e polo sur o de Castrelo do Val/Laza. Non todas as zonas están ben comunicadas entre si polo que o visitante deberá prever, dependendo das visitas a realizar, o acceso máis conveniente. Para coñecer ben o macizo haberá que visitalo en varias ocasións e atacalo por varios frontes ou planificar a ruta convenientemente para evitar excesivos rodeos .

Nesta viaxe ímonos limitar ao cuadrante nordés do macizo no que a vila da Pobra de Trives fai as funcións de capital da bisbarra. Unha viaxe de tres días durante os que nos aloxaremos nun dos numerosos pazos de turismo rural desta comarca: o Pazo da Pena. Este aloxamento, situado a escasísimos quilómetros da pequena vila de Manzaneda na estrada que vai ao Souto de Rozabales, é un magnífico edificio sometido a unha moi digna restauración neste último decenio. Hai un importante labor de decoración que inclúe a recuperación de mobiliario e outros tipos de elementos propios do pazo. Como é evidente tamén dispón de xardín e dunha pequena capela, elementos típicos destes nobres edificios. O que non é tan habitual é o pequeno e interesante museo etnográfico con apeiros de labranza, enxoval doméstico e incluso pequenas máquinas atopadas durante as obras de restauración. Nótase que na propiedade do pazo hai unha alma sensible coas cousas propias desta terra. Por outra banda, o restaurante do pazo ten sona de bo produto e mellor elaboración utilizando materias primas ecolóxicas da súa propia produción. Os prezos da carta son de gama media/alta pero tamén se poden encargar menús máis moderados de prezo concertándoos con antelación. Para facer uso do servizo de restauración é preciso reservar con anterioridade.

http://www.casapazodapena.es/

Fachada principal do Pazo da Pena

Fachada principal do Pazo da Pena

Traseira e aparcadoiro do Pazo da Pena

Traseira e aparcadoiro do Pazo da Pena

A pena que dá nome ao pazo

A pena que dá nome ao pazo

A lareira

A lareira

O cuarto

O cuarto

O museo etnográfico

O museo etnográfico

O primeiro día chegamos a xantar á Pobra de Trives, pero antes damos un paseo polo seu coidado e agradable centro urbano no que destacan un trío de pazos (un deles de turismo rural), numerosas casas importantes e típicas vivendas de brancas galerías. Trives respira algo de señorío rural, de familias ben doutra época que deixaron a súa pegada na fisionomía do lugar. Tamén son evidentes as boas xestións dun goberno municipal, pasado ou presente, preocupado por recupera-lo legado urbanístico e arquitectónico desta vila.

Trives Vello

Trives Vello

Trives Vello

Trives Vello

Colexio Santa Leonor

Colexio Santa Leonor

Arquitectura local

Arquitectura local

Despois de dar unha volta por Trives Vello paramos a xantar na Cantina do Catro, pretiño da Torre do Reloxo. Un pequeno restaurante de decoración sinxela e moderna que ofrece un menú caseiro de ricos sabores. Afortunadamente os cartos europeos axudaron a potenciar iniciativas turísticas por todo o rural galego dando oportunidade á xente moza para poder asentarse nos seus lugares de orixe.

Miradoiro de Pena Folenche

Miradoiro de Pena Folenche

Ao rematar o xantar saímos cara á Pena Folenche. Pola estrada de Ourense e a escasos quilómetros de Trives unha desviación á esquerda achéganos a esta pequena aldea onde un penedo arranxado coma miradoiro ofrece fermosas panorámicas sobre as fragas veciñas. Pena Folenche tamén paga a pena pola súa Ruta dos Sequeiros, unha senda fácil de seguir, aínda que mal indicada, que parte das últimas casas da aldea. Hai que camiñar por unha ampla pista de sábrego que baixa pola ladeira do outeiro para nuns 30 minutos chegar a un numeroso grupo de sequeiros en diferente estado de conservación. Algúns xa perderon a súa teitume pero dá a impresión de que outros seguen a ser usados. O sequeiro é unha construción tradicional galega feita para secar as castañas que consta de dous andares de xeito que o chan do piso superior deixa pasar facilmente o fume quente que axuda á conservación das castañas. Estas sinxelas construcións podían en ocasións servir temporalmente de vivenda. O regreso ao centro da aldea é moito máis rápido e faise por unha corredoira costa arriba entre soutos que nos devolve en escasos minutos ao aparcamento onde deixamos o noso coche.

http://www.apobradetrives.es/index.php/turismo/rutas-de-senderismo/ruta-dos-sequeiros

Pola Ruta dos Sequeiros

Pola Ruta dos Sequeiros

FullSizeRender (39)

Os sequeiros

Os sequeiros

FullSizeRender (37)

Unha vez rematada a visita collemos dirección ao Pazo da Pena non sen antes facer un par de breves paradas no Pazo de Barbeirón e na vila de Manzaneda.

Pazo de Barbeirón é outro estupendo edificio nobre do século XVIII restaurado recentemente para dedicarse ao turismo rural. Non entramos pero apreciamos con detalle a recuperación exterior desta orixinal construción abandonada durante moitos anos. Curiosamente, son tantos os pazos de Terra de Trives e tantas as súas variedades construtivas que fomentan a realización de itinerarios case didácticos para entender rapidamente a multiplicidade de tipoloxías dos pazos galegos. Prometémonos volver noutra ocasión.

http://pazobarbeiron.es/

Pazo Barbeirón

Pazo Barbeirón

A pequeniña capital do concello de Manzaneda aínda conserva algúns testemuños do seu pasado medieval. Podemos visitar a Porta da Vila, antigo punto de control e a parte mellor conservada do que foi unha muralla de 400 m de perímetro; o vello cárcere construído polos Condes de Ribadavia no século XVI e hoxe dedicado a fins culturais; e un pequeno circuíto interpretativo que remata nos restos do castelo que agora funciona como miradoiro sobre o propio conxunto urbano e os vales que o rodean.

Porta da Vila

Porta da Vila

Vila de Manzaneda

Vila de Manzaneda

Vista dende o miradoiro do castelo

Vista dende o miradoiro do castelo

Ao día seguinte seguimos a estrada que pasa por diante do Pazo da Pena, o noso aloxamento, e paramos para visitar o Castiñeiro de Pumbariños, a escasos quilómetros do pazo nada máis saír da aldea de Rozabales. O castiñeiro está perfectamente sinalizado e é conveniente deixar o coche na estrada, a carón do sinal, para percorrer a pé os escasos metros que faltan.

Bruno e o Castiñeiro de Pumbariños

Bruno e o Castiñeiro de Pumbariños

Outra opción tamén ben sinalizada é deixar o coche na parta alta da vila de Manzaneda e seguir a pé a senda de ida e volta que atravesando o Souto de Rozabales se achega ata Pumbariños. É unha opción un pouco máis longa pero sen dificultade ningunha. Este castiñeiro é un exemplar que aparece no catálogo de árbores senlleiras de Galicia dentro do Monumento Natural “Souto de Rozabales” como un auténtico fósil vexetal con máis de 1.000 anos de vida e un sorprendente perímetro de case 14 metros. Os soutos son plantacións artificiais exclusivamente de castiñeiros realizadas polos campesiños galegos para a obtención de madeira e castañas, material de carpintaría e materia prima para comer tan necesaria nun rural galego que debía ser autosuficiente en moitos aspectos. Lamentablemente este tipo de bosque vese case reducido na actualidade ás provincias de Lugo e Ourense.

Comezamos a subir pola aldea de Paradela cara á Cabeza Grande de Manzaneda. Facemos unha pequena parada polo camiño no Miradoiro da Chaira das Lamas. Ao chegar á estación de esquí atopamos as instalacións en calma total pola ausencia absoluta de neve. Manzaneda ten sido sempre unha estación frustrada a pesar dos intentos da iniciativa privada e, sobre todo, da Administración galega por reflotala en varias ocasións. O problema é evidente: a falla de altura suficiente para asegura-la neve que permita a práctica deportiva. Os veciños portugueses do norte, sen ningunha outra estación de inverno a man, foron os clientes que salvaron durante moitos anos a situación. Pero xa non dá. A estación de Manzaneda ten que reconverterse en estación de montaña e o proceso pasa por acometer unha serie de accións e investimentos estratéxicos que cubran o macizo con masas arbóreas, con sendas, e con outro tipo de aloxamentos máis integrados co que se espera da alta montaña. Entrementres seguiremos a ve-la agonía destas instalacións. Nesta ocasión vemos restaurantes pechados, tendas baleiras e remontes parados.

Subindo por Paradela cara á Cabeza Grande

Subindo por Paradela cara á Cabeza Grande

Estación de Montaña para a práctica do esquí en Cabeza de Manzaneda

Estación de Montaña para a práctica do esquí en Cabeza de Manzaneda

A falla de neve permite que dende a estación de Manzaneda collamos a estrada que sobe ata Fontefría, pechada normalmente nos meses de inverno. Fontefría é o cumio, o punto de chegada dos remontes máis altos. Un edificio vello e estragado fainos lembrar a necesidade de investimento que aínda precisa este lugar, así a todo as vistas do Macizo Central compensan a subida ata aquí. O vento tolo que sopra aquí arriba dificulta o camiñar e fai que rematemos aterecidos.

Fontefría

Fontefría

No cumio do MCO en Fontefría

No cumio do MCO en Fontefría

Por estradas locais dirixímonos cara á capital do concello de Chandrexa de Queixa. Celeiros é practicamente unha aldea na que non conseguimos ver a ninguén polas rúas e na que unicamente destaca o grande, novo e moderno edificio da residencia de maiores. É preocupante ver que no rural galego as únicas novas dotacións que se están a construír son fogares da terceira idade ou residencias para maiores (ou aínda peor, tanatorios). Galicia en xeral e o mundo rural en particular teñen unha data relativamente curta de caducidade e o noso goberno non amosa signos de preocupación ante a posible desaparición do propio pobo galego.

Celeiros está nun emprazamento precioso, asomado sobre o encoro de Chandrexa de Queixa e rodeado de montañas moi peladas escasamente poboadas. A súa única proposta cultural é o Centro da Identidade, a carón da Casa do Concello, que se atopa pechado e sen ningunha información sobre horarios e tempadas de apertura (non vaia ser!). A oferta de restauración limítase a dúas casas de comida, unha delas pechada e a outra difícil de atopar. Hai que preguntar polo restaurante da Maribel, á beira do encoro e moi por debaixo do nivel do casco urbano de Celeiros. O local, moi sinxelo, é relativamente agradable e ofrece unhas vistas impagables. A oferta gastronómica dun sábado de decembro limítase a un prato único: cazola de carne con moito allo e chile. Comemos ata estoupar e por un prezo ridículo.

Encoro de Chandrexa de Queixa

Encoro de Chandrexa de Queixa

Despois do xantar facémo-lo xiro do encoro achegándonos ás típicas aldeas de Forcadas e As Taboazas. Entramos de novo en Celeiros atravesando a presa que pecha o encoro e o bo tempo que nos acompaña ofrécenos unha bonita estampa de ceos azuis co sol reflectido sobre as augas represadas.

FullSizeRender (50)

Aldea de Forcadas

O MCO dende a aldea das Taboazas

O MCO dende a aldea das Taboazas

Mázcara danzante en Santa Leonor

Mázcara danzante en Santa Leonor

De novo na Pobra de Trives visitamos o antigo colexio de Santa Leonor, edificio que alberga tanto as instalacións do Museo da Infancia e da Escola coma do Centro de Interpretación Histórico Cultural de Terras de Trives. O Museo da Escola é curioso (e gratuíto!) pero o Centro de Interpretación é unha sorpresa inesperada neste recuncho perdido da provincia de Ourense. Unha visita acompañada de 35 minutos que tenta contar a través de elementos sensoriais e montaxes imaxinativas a historia e os elementos culturais desta comarca. E tan só por un 1,80 € que custa a entrada. Totalmente recomendable aínda que a narración non se entende moi ben. O mais rechamante é a figura dunha mázcara, persoeiro típico do Entroido do concello de Manzaneda, xirando sobre si mesmo. Convén chamar con antelación á Oficina de Turismo xa que se procura agrupa-las visitas a horas determinadas.

A nosa última mañá en Trives temos dúas citas importantes: o mosteiro de San Salvador na aldea de Sobrado, e a igrexa de San Miguel de Bidueira preto do límite co concello de Viana do Bolo.

A cita en Sobrado é ás 12:15 do domingo, é a hora da misa e coido que o único momento da semana no que se pode visitar o seu interior. O cura chega puntual e podemos botar unha ollada ao curioso interior da igrexa antes de que comece a cerimonia. San Salvador é unha estupenda mostra do Románico do século XII na provincia de Ourense, eu diría un dos seus máis belos exemplares. A carón da igrexa érguese unha torre exenta con fins defensivos que rematou servindo de campanario. O edificio anexo foi un mosteiro bieito de monxas habitado ata o século XVI que permanece pechado ás visitas. Posiblemente o elemento máis insólito e destacado de S. Salvador é o pórtico pechado de orixe gótica construído para protexer a fermosa portada orixinal da igrexa románica, non hai moitos en Galicia.

San Salvador de Sobrado

San Salvador de Sobrado

Fachada románica tapada pola fachada gótica

Fachada románica tapada pola fachada gótica

Interior de San Salvador

Interior de San Salvador

Seguimos camiño ata a igrexa da parroquia de San Miguel de Bidueira, templo barroco de sólida cantaría de granito que se asoma ás paisaxes desoladas da contorna. Chegamos tarde (ou cedo?) e non podemos visitar o seu interior.

Dende San Miguel seguimos por unha estrada local que atravesa montes pelados ata a pequena aldea de San Vicenzo, un pequeno conxunto de casas sen ningún interese asomado ao espectacular canón do río Bibei. Estamos moi pretiño, porén sen conexión, do turístico enclave da igrexa e aldea das Ermidas. A razón de achegarnos a este lugar perdido é puramente familiar. A miña familia materna é orixinaria do expriorado de San Vicenzo, hoxe en día un edificio arruinado en moi mal estado de conservación. Unha casa grande ou un pazo pequeno cunha minúscula capela emprazado nunha paisaxe tan bucólica que dan ganas de facer un investimento e crear un establecemento rural para que outras persoas poidan gozar do que estamos a ver. Que pena de cartos! Para chegar ao expriorado hai que deixar o vehículo na aldea e seguir a pé dez minutos por unha pista moi estreita que baixa cara ao canón.

Igrexa de San Miguel de Bidueira

Igrexa de San Miguel de Bidueira

Casa familiar e expriorado de San Vicenzo

Casa familiar e expriorado de San Vicenzo

Canón do Bibei dende o expriorado de San Vicenzo

Canón do Bibei dende o expriorado de San Vicenzo

De volta na Pobra de Trives e antes de inicia-lo regreso a Santiago de Compostela paramos a xantar no restaurante O Pilón, moi preto da Cantina do Catro na que estivemos o primeiro día. Menú de fin de semana por 12 € no que inclúen dez primeiros pratos e quince segundos. Simplemente incrible: navallas, zamburiñas, paspallás…. Todo moi ben preparado e tan só por ese prezo! Esta é a Galicia que tanto me gusta!

Sempre que visitemos as Terras de Caldelas e as de Trives non hai que esquecer que estamos na patria da bica, un biscoito doce e suave feito de fariña de trigo, ovo, azucre, manteiga de vaca, masa fermentada de pan e canela.

2 comentarios en “Coñecendo Galicia – Macizo Central Ourensán I

    • A verdade é que o castiñeiro ten unha presenza impresionante. Anímote a ir coñecer esta zona da montaña ourensá que está chea de recunchos maravillosos. Unha aperta.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.