O titular deste post non pretende ser ofensivo, é simplemente que non se me ocorría outro máis preciso e, ao mesmo tempo, reflicte bastante ben a personalidade do noso destino. Vouvos propoñer unha escapada curta de dous días polos concellos de Vilasantar, Boimorto, Toques, Sobrado e Friol. Dúas provincias, A Coruña e Lugo, e varias comarcas diferentes sen un elemento identificador que lles dea unidade. Estamos en terras de interior sen accidentes xeográficos salientables que poidan ser unha referencia en Galicia, terras de chairas e pequenos outeiros que acadan altitudes máximas de preto de 800 m na Serra do Careón. É posible que o anonimato destas terras mude nos próximos anos por mor da declaración no pasado ano 2015 do Camiño de Santiago do Norte como Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco. Sen dúbida este itinerario que pasa polos concellos de Friol, Sobrado e Boimorto, aos que engadir unha posible derivación cara ao Camiño de Santiago Francés por Toques, vai incrementar notablemente o número de peregrinos que atravesan estas terras.
En Galicia levabamos tres semanas de temporais e días de chover arreo cando nos decatamos de que a meteoroloxía vai dar unha tregua e agasallarnos cun día de tempo seco e soleado. Un sábado moi pouco usual do mes de xaneiro seguido dun domingo gris e chuvioso. A verdade é que precisamos de poucos incentivos para rapidamente facer unha reserva nun aloxamento de turismo rural e escoller unha zona relativamente próxima a Santiago de Compostela que sexa moderada no seu número de atractivos. No inverno os días son curtos para ver excesivas cousas e tampouco queremos madrugar moito.
Saímos de Santiago pola estrada de Lugo, en paralelo ao Camiño de Santiago Francés, coa intención de visitar o templo romano de Santalla de Bóveda situado nunha aldeíña a 14 km da capital luguesa. Os horarios deste senlleiro templo de orixe tardorromana son totalmente inadecuados para a visita de fin de semana: sábado ata as 14:00 horas e domingo pechado. Santalla tan só pode ser visitado comodamente durante os días de semana pero a verdade é que os seus visitantes son maioritariamente galegos que nesta época do ano están a traballar e non teñen máis que a fin de semana para desprazarse. Durante os meus moitos anos de relación co sector turístico téñome preguntado continuamente se é que hai algunha mente pensante que trate de arranxar os desaxustes na oferta horaria de moitos recursos galegos para que poidan ser visitados dun xeito razoable.
Xa de camiño comprobamos a imposibilidade de chegar a tempo a Santalla e desviámonos cara á capital do concello de Friol para visitar a fortaleza de San Paio de Narla, tamén coñecida como Torre de Xiá. Un edificio propiedade da Deputación de Lugo destinado a albergar dende 1983 a colección etnográfica do museo da capital lucense. Pleno acerto, a visita paga a pena tanto dende o punto de vista do edificio como da colección. A pequena fortaleza, perfectamente conservada, érguese sobre un outeiriño rochoso arrodeado por un bosque de árbores coas súas polas tapizadas de liques. A colección é variada e interesante ao mesmo tempo. A visita non demora máis dunha hora incluída a pequena capela situada fóra do edificio principal e a carón da entrada ao castelo.
Quedamos a xantar a escasos quilómetros, na propia capital de Friol, no restaurante Orixes. Unha boa recuperación dun edificio de arquitectura vernácula cun menú máis que aceptable por 13 € na fin de semana.
Unha vez rematada a comida saímos cara á capital do Concello de Sobrado coñecida por algúns coma Sobrado dos Monxes. Curiosamente na toponimia oficial non existe ningún Sobrado dos Monxes xa que tanto o concello como a súa capital figuran como Sobrado, así a secas, e o nome real do mosteiro, tamén chamado as veces como Sobrado dos Monxes, é de Santa María de Sobrado. Galicia é así con ese tótum revolútum na súa toponimia moitas veces inexplicable para os que veñen de fóra.
Moi pouquiño antes de chegar a Sobrado paramos na lagoa do mesmo nome recoñecida como Rede Natura 2000 e Zona Húmida de Interese Europeo. É un pequeno lago creado artificialmente polos monxes no século XVI coa finalidade de alimentar de auga aos muíños da súa pertenza, axudar ao regadío das leiras veciñas e servir de viveiro de troitas que axudasen a mellorar a dieta do mosteiro. Hoxe a lagoa está controlada pola Sociedade Galega de Historia Natural que dispuxo de miradoiros preparados para a observación da rica avifauna destes lares.
O mosteiro de Sobrado é un dos máis sobranceiros dos numerosos mosteiros que se distribúen por toda a xeografía galega. Orixinario do século X e baixo a orde cisterciense dende o século XII pasou por diferentes etapas que remataron co seu abandono no XIX para converterse nunha ruína case total abocada á súa desaparición. Despois dunha primeira restauración en 1954 e coa chegada dunha comunidade cativa de monxes procedente da Abadía de Viaceli en Cantabria, o mosteiro amosa signos de recuperación. Destaca a fachada barroca da igrexa e a súa senlleira decoración exterior ademais de proporcionar un efecto de verticalidade ao conxunto da construción. Tamén despuntan os dous claustros, o dos peregrinos e o dos medallóns, e a sancristía coa xigante cúpula esférica apoiada sobre catro cunchas de vieira. Pero sen dúbida a marabilla deste conxunto é a súa igrexa, impoñente nos seus 35 m de altura con bóvedas traballadas á perfección e unha cornixa de máis dun metro de ancho que percorre toda a nave.
O mosteiro de Sobrado non supón un problema para a súa visita, os horarios son amplos (incluso en domingo) e o prezo, pouco máis dun euro, case ridículo. Os peregrinos tamén poden beneficiarse do aloxamento que ofrece o seu albergue.
http://www.monasteriodesobrado.org/index.php/visita-turistica/
Xa de tardiña aínda temos tempo de achegarnos ao Campamento Romano da Ciadella, a cinco quilómetros de Sobrado pola estrada de Teixeiro, e no camiño de regreso desviarnos cara á pequena aldea de Portacal para sacarlle unha foto ao que, segundo a información turística ofrecida polo concello de Sobrado, é o carballo catalogado como o segundo máis antigo de Galicia.
O xacemento arqueolóxico da parroquia da Ciadella parece ser un asentamento romano rectangular de 172 x 140 m, o máis grande de Galicia, pechado por unha muralla que rodeaba todo o recinto e complementado por varios postos de vixilancia externos. A súa función non está moi clara pero suponse que obedecía a motivos estratéxicos como o control do paso cara á cidade romana de Lucus Augusti (Lugo). As instalacións están pechadas cun valado metálico pero a porta de acceso está tan só “arrimada”. De calquera xeito é unha visita que vai interesar unicamente aos moi amantes do pasado romano de Galicia e dos xacementos de difícil interpretación (o de “ver pedras” que di moita xente). Para todos os públicos será máis interesante de coñecer o cruceiro e a pequena igrexa parroquial da Ciadella, a carón do xacemento. A pequena igrexa dunha soa nave non ten moito interese artístico pero respira verdadeiros aires rurais.
Con respecto ao Carballo de Portacal pouco máis que dicir que dá para unha bonita foto. Nada que ver no seu porte co Castiñeiro de Pombariños que visitamos no Macizo Central Ourensán. Non lonxe de aquí, na Fraga da Casa do Gado, graváronse moitas das escenas de “O Bosque Animado”. Esta famosa película foi rodada no ano 87 polo director albaceteño José Luis Cuerda que posteriormente decidiu afincarse en Galicia onde xa leva moitos vivindo.
Coa noite chegamos ao noso apousento na parroquia de Dormeá do Concello de Boimorto, concello coñecido maiormente polo feito de que sexa o lugar de nacemento da famosa cantante Luz Casal. A Casa do Viveiro é unha moi digna oferta de turismo rural nunha casa illada rodeada dun viveiro de plantas forestais (de aí o nome). O edificio foi rehabilitado para darlle uso como aloxamento e a estadía faise moi agradable. A nosa única preocupación era non pasar frío pola noite e hai que recoñecer que a calefacción funcionou á perfección.
http://www.turgalicia.es/ficha-recurso?cod_rec=280381802&ctre=134
No noso último día paramos a almorzar nun bar calquera a carón da estrada e seguimos cara ao concello de Vilasantar para visitar un templo que despunta pola súa factura entre as igrexas románicas de Galicia: San Pedro de Mezonzo (coñecido oficialmente como Santa María de Mezonzo).
Cometemos un erro que debe ser evitado á hora de visitar esta igrexa en domingo. Miguel, o párroco de San Pedro, ofrécese a abri-la igrexa aos visitantes sempre que se atope na súa vivenda (chamar previamente ao 981 778 340). Esquecemos facer o trámite entendendo que como igrexa parroquial ten horario de culto o domingo pola mañá. Pero o párroco Miguel tamén o é de moitas outras parroquias e para ter tempo de acudir a cada templo debe celebrar a misa en San Pedro ás dez da mañá. Quedamos coa mágoa de non poder entrar!
De non poder entrar, a visita a Santa María/San Pedro xustifícase pola perfección e equilibrio da súa cabeceira románica exterior e polos restos do claustro románico testemuño dun antigo mosteiro posiblemente datado no século VI ou VII. Foi neste mosteiro que o santo san Pedro de Mezonzo, galego nado na veciña localidade de Curtis, profesou os votos e foi ordenado presbítero. Logo pasaría polo mosteiro de Sobrado e polo de San Paio de Antealtares en Compostela para rematar como bispo de Iria Flavia e de Santiago de Compostela. Son moitas as cousas boas que se lle atribúen a este santo.
De Vilasantar dirixímonos ao Concello de Toques atravesando a Serra do Careón, tamén dentro da Rede Natura 2000. Na aba sur desta serra aparece agochada entre carballeiras a igrexa parroquial de Santa María da Capela, máis coñecida como Santo Antoniño de Toques. O que se conserva é a igrexa do antigo mosteiro bieito, un edificio complexo debido ás numerosas pezas datadas en épocas moi diferentes. Santo Antoniño está considerado coma un dos primeiros mosteiros que xurdiron en Galicia con manifestacións do Románico máis temperán. O interior conserva capiteis mozárabes e visigóticos, un calvario gótico e pinturas renacentistas e outras pinturas do século XVIII. Alguén dá máis? Lamentablemente a visita é un pouco difícil xa que o único xeito de coñece-lo interior é chamar por teléfono ao Museo de Melide e solicitar que o seu director (José Manuel no 666 493 860) se achegue segundo as súas posibilidades a abri-la porta da igrexa. O bo é que no caso de achegarse tamén nos contará moitos datos interesantes sobre a evolución deste monumento.
Dende Santo Antoniño regresamos cara á Serra do Careón para chegar á parroquia de Brañas e á fervenza do mesmo nome. As indicacións poden ser confusas e é mellor preguntar. A pista que chega a carón da fervenza non está asfaltada no seu último tramo. A Fervenza de Brañas salva un desnivel de 40 m de altitude e aínda conserva o edificio do muíño que parece atoparse nunha primeira fase para a súa restauración.
Aínda que desta vez non tivemos tempo, sabemos que o Concello de Toques oferta algunha senda interesante como o “Roteiro dos Megalitos” que permite visitar o dolmen de Forno dos Mouros e o “Roteiro das Fervenzas” que pasa pola de Brañas.
Rematamos a fin de semana xantando de novo en Sobrado. Alguén amante do bo comer recomendounos a nova oferta de restauración nesta vila: O Papo Rubio. Gustamos da carta e do sabor da comida. Quedamos aborrecidos do trato da camareira e de que algúns establecementos fagan empeño na vella teima de cantar os pratos e non entregar unha carta como corresponde. O persoal de moitos restaurantes descoñecen que eles nunca lle fan un favor ao cliente aínda que sexan días de moita demanda (non era o caso) e os propietarios non acaban de entender que non imos aos restaurantes a facer exercicios de memorización e que igual que cando eles acoden a outros comercios queremos saber o que imos pagar. O Papo Rubio debería te-lo máis en conta que ninguén xa que son novos e o Concello de Sobrado non está tan mal de oferta gastronómica competitiva.
Para rematar, lémbrovos que para atopar todos estes marabillosos atractivos de difícil localización tedes, como en todos os itinerarios, un mapa de Google colocado na barra dereita no que podedes achegar a imaxe ata ver a localización exacta de cada un deles, acompañado de fotografías e o link ao texto correspondente.