Estamos no máis cru do inverno e chega a data anual de queda cos amigos, unha fin de semana para mergullarnos nalgún recuncho da nosa terra ou do noso veciño Portugal (que non deixa de ser unha extensión natural de Galicia) e gozar dos servizos dun aloxamento agarimoso e da gastronomía do lugar.
O inverno en Galicia é longo e para aqueles que coma min gustamos de movernos a miúdo faise preciso inventar desculpas que nos saquen da casa e, ao mesmo tempo, facilitar oportunidades para gozar dos amigos. Iso si, hai que que ser conscientes de que a nosa meteoroloxía é moi variable (e no norte de Portugal máis do mesmo) e que a pesar da boa sorte que acostuma acompañarnos é factible que o mal, ou as veces o moi mal, tempo poida sorprendernos. E este foi o caso. Despois de varias semanas de tempo seco e soleado coincidimos cunha das peores fins de semana do ano: choiva, vento e unha alerta de neve que finalmente fixo acto de presenza. Aínda así, estou totalmente convencido de que o mal tempo non ten que ser un obstáculo á hora de organizar unha escapada sempre que un sexa consciente de que vai limitar tanto o número de visitas coma o xeito de realizalas.
Nesta ocasión o destino escollido foi un dos parques naturais con maior superficie de Portugal e, ao mesmo tempo, dos menos coñecidos: o Parque Natural de Montesinho. Situado na rexión de Trás-os-Montes, no nordeste de Portugal, cobre a franxa norte dos municipios de Bragança e Vinhais formando parte da coñecida como Terra Fría Transmontana. Realmente é unha especie de protuberancia no mapa que se interna no territorio de Galicia e de Castela-León. As vilas da Gudiña (Galicia) e de Puebla de Sanabria (Castela-León) serían os referentes deste lado da fronteira para entender a extensión do dito parque. O espazo natural conta con dúas grandes serras: a Serra da Coroa na parte occidental e a Serra de Montesinho, que dá nome ao parque, no seu sector oriental.
Na nosa última visita pola zona, hai xa un par de anos, descubrimos unha bonita aldea moi preto da fronteira española que nos deixou con ganas de volver. Era a aldea de Montesinho, co mesmo nome que a serra e o parque natural, ao final dunha estrada sen saída ao cruzar a fronteira vindo de Puebla de Sanabria por Calabor, e tomando un desvío cara á montaña dende a aldea portuguesa de Portelo. É unha desas 160 poboacións inventariadas no catálogo de “Aldeias de Portugal” que recolle aqueles lugares ben preservados da Rexión Norte que souberon manter os seus valores rurais e conservaren as súas arquitecturas autóctonas. Os portugueses, a pesar dos aires de superioridade que respiran moitos españois e galegos, son mestres á hora de conservar o seu patrimonio e de realizar intervencións urbanísticas que mesturan á perfección as súas tradicións construtivas con radicais intervencións contemporáneas. Non debemos poñer en dúbida o bo gusto de Portugal en case todo o que acomete.
Achego o link do folleto de “Aldeias de Portugal” onde poderedes atopar unha morea de boas ideas para as vosas escapadas polo norte de Portugal:
Fai clic para acceder a 2337.pdf
Ourensáns, teenses-composteláns e vigueses dámonos cita na cidade de Ourense para encher coches e viaxar xuntiños. Tan só queda por axuntarse ao grupo o noso amigo portuense, António. El acudirá directamente dende Porto para o xantar en Puebla de Trives.
Puebla, a poboación máis galega da provincia de Zamora, é un fermoso conxunto monumental nun outeiro sobre os ríos Tera e Castro. Eu diría sen medo a equivocarme que despois dos traballos de restauración dos que foi obxecto nestes últimos anos estamos a falar da vila máis bonita desta esquina da Comunidade veciña. O que interesa de Puebla non son unicamente algunhas construcións tan salientables como o castelo dos Condes de Benavente, a igrexa de Nuestra Señora del Azogue, a ermida de San Cayetano ou o curioso aspecto da Casa do Concello e os seus dous andares de loggias italianizantes. Puebla é todo un conxunto harmónico de estreita rúas e casas en pedra con tellados de xisto.
Despois dun percorrido a pé baixo unha choiva perseverante decidimos xantar á beira da zona vella no Mesón de Abelardo, un clásico aberto en 1972. O camareiro portugués insiste en que experimentemos co polbo á moda sanabresa, diferente ao galego pero igual de rico en sabor (iso é o que dicía). Mala idea ofrecer polbo a un galego…, sempre teremos algo que dicir. Seica o bacallau tampouco era o máis saboroso da carta. Ao resto de pratos podemos darlle unha boa nota e definilos como de boa relación calidade/prezo.
http://www.restaurantesanabria.es/
Preguntamos na Oficina de Turismo local e recoméndanos realizar unha visita a dúas das aldeas mellor conservadas desta zona: Villardeciervos, ao sur da vila de Mombuey, e Santa Cruz de los Cuérragos unha aldeíña perdida a escasos metros da fronteira portuguesa.
Villardeciervos levántase nunha chaira antes dos primeiros contrafortes da Sierra de la Culebra, un macizo de media montaña bastante pelado que supón a continuación natural do Parque Natural Montesinho. A aldea ten a declaración de Conxunto Histórico froito da notable puxanza económica e social que tivo durante o século XIX, debido en parte a súa produción de tecidos e á súa actividade comercial. O conxunto urbano conserva un aire señorial de casonas en pedra con algunhas intervencións urbanísticas recentes máis ou menos acertadas. Pero Villardeciervos é tamén un bo exemplo do despoboamento xeneralizado de gran parte do rural no norte de España.
Seguimos camiño por esta serra de nome enigmático do que non sabemos se atende a forma sinuosa do macizo ou a posible existencia de numerosas colonias de cóbregas ou serpes. A paisaxe ten algo de desacougante agrandado polo frío e a choiva que a falla de humanización non axuda a mitigar.
Seguimos cara a Santa Cruz de los Cuérragos ao final dunha estrada co firme en moi mal estado e sen posibilidades de comunicación co territorio veciño. Un conxunto etnolóxico nas abas do monte Peña Castillo, compartido con Portugal, formado por un par de rúas rústicas e fermosas onde se respira un forte cheiro fronteirizo. Lamentablemente un grupos de casas ameazan con derrubo inminente e xa precisan dunha antiestética axuda para manterse erguidas. Santa Cruz paga a pena para aqueles á procura de lugares afastados aos que non chegan os grupos organizados, pero tampouco dá para moito máis dunha media hora de visita. Non hai onde tomar nada pero si oferta un aloxamento de turismo rural.
Xa de noite pecha chegamos a Montesinho. Tempo para acomodarnos na nosa casa rural, unha das tres que ofrecen aloxamento nesta pequena aldea portuguesa.
O segundo día amence co mesmo mal tempo que deixamos a noite anterior. Despois do almorzo parece que a choiva dá unha tregua e decidimos facer a senda que sae do centro da aldea e sobe pola montaña cara ao encoro (barragem en portugués) da Serra Serrada. Unhas tres horas entre ida e volta. Os veciños do lugar ao vernos subir preparados para a andaina, advírtenos da crecida do río e da imposibilidade de seguir polo camiño. Teimamos no noso desexo de camiñar e aos poucos metros decatámonos de que a subida é imposible. Pouco duraron as nosa boas intencións, por non dicir nada.
Decidimos dar un paseo por esta aldea da que podemos afirmar que goza dunha moi boa saúde. A diferenza de Villardeciervos e Santa Cruz (e moitas aldeas galegas) aquí si temos a sensación de que se fixo un bo traballo de recuperación e que a pesar de estar perdida entre as montañas ten un futuro máis prometedor que as aldeas visitadas na parte zamorana.
Comeza a chover con intensidade e decidimos subir en coche á barragem da Serra Serrada. A través dunha pista de terra chegamos aos 1.200 m de altitude pero o forte vento e a intensa choiva non nos deixan permanecer fóra dos vehículos.
Ao mal tempo boa cara e mudamos de idea. Deixamos a visita a outras aldeas do Parque para unha próxima xeira e decidimos achegarnos á cidade de Bragança. Seguro que alí sempre haberá onde refuxiarse.
Bragança é a poboación máis importante da esquina nordeste de Portugal. Esta é a miña cuarta vez e sempre que veño sinto as mesmas sensacións de lugar remoto, provinciano e falto de vida. É coma un berce perfecto para criar xente predisposta á emigración cara ás outras urbes portuguesas e a diversos países do estranxeiro. Acudimos directamente á cidadela e visitamos as igrexas, os centros expositivos e as rúas que unen o castelo coa praza da catedral. Ninguén nas rúas. Unha cidade detida no tempo. No Edificío Paulo Quintela conseguimos ver unha exposición fotográfica do francés Georges Dussaud con moitas imaxes relativamente recentes desta rexión de Trás-os-Montes. As fotos, preciosas, tamén respiran tristeza, saudade e, ao mesmo tempo, fainos decatarnos do próximas que están as culturas do norte de Portugal e de Galicia.
En Bragança non hai que deixar de visitar a Domus Municipalis, a carón da igrexa de Santa María e dentro do recinto fortificado arredor do castelo. É este un monumento senlleiro e enigmático probablemente do primeiro terzo do século XV pertencente ao Románico civil. O edificio comprende dous espazos totalmente diferenciados: unha cisterna de auga medio soterrada que acumulaba as augas de choivas e de mananciais, e unha sala de asembleas, enriba da cisterna, na que se supón que tiñan lugar as xuntanzas de “homes bos” ou cabaleiros para tomar decisións sobre o goberno da cidade. A sala de xuntas está totalmente perforada por fiestras e é tremendamente fría. O dito, unha rareza.
Na rúa de subida cara ao castelo tamén hai un pequeno museo sobre o Entroido desta rexión, con traxes e costumes tradicionais que fan lembrar os da provincia de Ourense. Tamén moi pretiño se encontra a igrexa de San Vicente na que, segundo a tradición, tivo lugar o casamento segredo do Príncipe Don Pedro e a nobre galega Dona Inés de Castro. Esta parella é obxecto dunha das lendas máis fermosas da historia de Portugal. Os dous amantes descansan no mosteiro de Alcobaça á espera do Xuízo Final en que poidan espertar e mirarse de novo. Aconséllovos que procuredes esta bonita historia nalgún buscador da Internet. Vaivos gustar.
O noso último día espertamos coa advertencia da dona da casa de turismo rural dun posible peche de estradas por mor da nevada que está a caer. Saímos a correr xa que ninguén leva as cadeas necesarias. O noso medo a quedar bloqueados nas estradas locais fainos evitar todo o territorio do Parque e bordealo pola súa cara sur. É unha mágoa pero teremos que deixar o percorrido polas aldeas e lugares de interese do Parque Natural para outra ocasión na que a meteoroloxía queira ser máis favorable.
A seguinte e última parada xa no camiño de volta cara á casa é a pequena cidade de Chaves, a escasos quilómetros da fronteira galega vindo de Verín. Chaves foi fundada polo romanos co nome de Aquae Flaviae pola importancia dos seus mananciais termais entre outros motivos. A súa sona de vila balnearia e termal mantívose e incluso acrecentouse durante estes vinte séculos. Hoxe en día Chaves e Verín forman parte dun proxecto conxunto coñecido como Eurocidade co que tentan compartir experiencias e servizos. Ambas son vilas irmás que medraron por motivos moi semellantes, comercio e defensa, levantadas a escasa distancia no val do río Támega (ou Tâmega en portugués), un afluente galego do Douro portugués. E máis, ambas poboacións tamén coinciden en mostrar os seus impoñentes recintos defensivos: o castelo de Monterrei en Verín para defenderse dos ataques portugueses, e o castelo de Chaves e o forte de San Francisco para deter o que puidera vir de Galicia.
Chaves é un lugar moi agradable pero escaso de vida na rúa, máis dende que os galegos xa non veñen aquí de compras. A falla de ambiente é unha constante das cidades portuguesas fóra do Porto e de Lisboa e un inconveniente que resta atractivo a este país, por outra parte, cheo de maxia e encanto.
Xantamos no recomendado Restaurante Carvalho. Acudimos previa reserva xa que é domingo e os portugueses son moi amigos de comer en familia. Cando chegamos atopamos a toda aquela xente que non viramos polas rúas de Chaves. É sen ningunha dúbida o lugar de moda. A comida en xeral ben e o prezo axustado pero sen deixar en nós unha pegada especial.
http://www.restaurante-carvalho.com/
Despois do xantar regresamos aos nosos lugares de orixe.
Querido amigo, viajar contigo ha sido siempre uno de los regalos más grandes que nos ha dado la vida y leerte es seguir enriqueciéndonos todavía más.
Meus, coido que aínda teremos moitas oportunidades de gozar coas cousas boas da vida tal e coma todos nós sabemos facer. Ata entón un biquiño pero grande.
totalmente de acordó coa frase dos “aires de superioridade que respiran galegos e españois” con respecto aos portugueses. Temos moito que aprender en materia de preservación das aldeas. Por contra eles deberían copiarnos un pouquiño en materia de diversión
Ola Olga, toda a razón. Os nosos amigos e veciños precisan de darlle un pouco máis de alegría ás súas vidas. Son un pobo marabilloso pero respiran excesiva tristura. Apertas.