E tiña que ser! No meu post do pasado día 18 de outubro xa prometía que na miña próxima visita a Córdoba (Arxentina) non podería deixar de coñecer as serras que se estenden cara ao oeste da cidade nin tampouco un dos poucos “Patrimonios da Humanidade” declarados pola Unesco en Arxentina coñecido como a ruta das Estancias Jesuíticas, un total de cinco edificios monumentais espallados polo sur e, sobre todo, polo norte da urbe cordobesa.
Coido que non é un segredo que non teño moita simpatía pola segunda megalópole de Arxentina, os motivos xa foron explicados anteriormente. É por esa razón que debía pegar unha visita aos atractivos polos que a rexión de Córdoba é coñecida e entender que atraía desta zona a moitos turistas arxentinos e incluso a algúns estranxeiros. E a verdade é que a rexión de Córdoba non me defraudou, dende logo que non.
O que foi unha mágoa foi ter que renunciar a gozar da noite porteña en sábado e mais tendo en conta que se estaba a celebrar “La Noche de los Libros” e que a Avenida Corrientes, onde se atopaba o meu aloxamento, era un fervedoiro de compradores nos numerosos postos de libros instalados sobre a mesma avenida. E incluso había unha actuación do cantante español Alex Ubago. Pero o meu voo saía moi cedo e a noite anterior non pegara ollo a bordo do avión que me trasladou de España a Arxentina.
DIA 1
Despois dunha boa madruga e dun atraso de dúas horas e media, aterro no aeroporto de Córdoba. Recollo o meu coche de aluguer e saio ás presas cara á miña primeira visita na vila de Colonia Caroya.
En corenta e cinco minutos percorro os 50 km que me separan do que eu pensaba que era o meu destino e pérdome durante un bo anaco do meu tempo polas inmensas avenidas arboradas de Colonia Caroya. A intención era visitar a estancia xesuítica de Caroya e a asociación de nomes que eu fixen entre vila e estancia, aínda que lóxica, era errada. Realmente a estancia atópase dentro do termino municipal de Caroya pero no límite do casco urbano da veciña vila de Jesús María. Conclusión, na vosa visita tomade a dirección cara a Jesús María e nada máis entrar nesta vila preguntade polas direccións a seguir xa que as estancias xesuíticas de Caroya e Jesús María se atopan a relativa escasa distancia unha da outra.
Os últimos centos de metros para chegar á Estancia Caroya fanse por pista de terra. Na confluencia desta pista coa estrada pavimentada hai un centro de interpretación relativamente novo para maior coñecemento sobre as propias estancias e a historia do Camino Real que comunicaba Bos Aires e Córdoba co Alto Perú (hoxe Bolivia). Camiño construído polos españois e franqueado de estancias e postas para asistir ao viaxeiro que está sendo obxecto dunha recuperación parcial nestes últimos anos.
As estancias foron centros de difusión da relixión católica pero sobre todo centros de produción agro gandeira nos que se buscaba unha rendibilidade económica que axudase a costear outras iniciativas xesuíticas. En concreto a de Caroya comezou as súas actividades no ano 1616 (foi a primeira) e axudou a soster os gastos do Colegio Máximo de Córdoba nun primeiro momento e do Colegio Real Seminario de Monserrat xa avanzado o século. En Caroya chegou a haber case mil unidades de gando vacún e máis de oitocentas de cabalar. Todos os meses exportábanse cara a Córdoba carretas cargadas de fariña, tomates, lentellas, garavanzos,…, e froita fresca da estación correspondente.
Os irmánn xesuítas estabna ao fronte da organización pero o traballo recaía nos 166 negros escravos que moraban en ranchitos de palla arredor da estancia. Para cubrir as necesidades de produción as veces eran contratado persoal asalariado coñecido coma os conchabados.
Caroya tamén ten unha historia profana, lonxe da influencia xesuítica, xa que durante a Guerra de Independencia albergou a primeira fábrica de armas brancas da Arxentina. Logo, en 1876, en plena política de promoción da inmigración europea (poboar o país era a consigna), o presidente Nicolás Avellaneda dispuxo que fose aloxamento para albergar aos acabados de chegar da rexión italiana de Friuli. Aquí hospedáronse 295 persoas de orixe friulana e véneta ata que puideron levantar as súas propias vivendas. Tal e como xa expliquei nun post anterior, as estancias foron a orixe de futuras vilas e cidades e hoxe en día a poboación de Colonia Caroya e Jesús María son de ascendencia maioritaria friuli-véneta.
Sigo camiño da estancia de Jesús María e o meu retraso da mañá fai que chegue un pouco despois da hora de peche e teña que esperar ata que abran de novo polo tarde. Case dúas horas que aproveito para xantar nunha cantina veciña. Pido empanada gallega (as nosas empanadillas) e calzone italiano. Agradezo o de “galega” polo de ben intencionado pero calquera parecido coa realidade….
Jesus María, construída en 1618, é a segunda estancia máis antiga. A súa principal característica e que se centrou na produción vitivinícola. As prensas e as barricas xigantes expostas no exterior do edificio así o testemuñan. Hoxe en día tan só se poden visitar a igrexa, a zona residencial, a adega e algúns muíños. As construcións para indios e escravos xa desapareceron. Ademais este Monumento Histórico Nacional é a sede do Museo Jesuítico Nacional cunha colección de pintura e imaxinería relixiosa.
Dende o punto de vista arquitectónico e construtivo, Jesús María impresiona con respecto á Estancia Caroya. Con tan poucos anos de diferenza os xesuítas decidiron construír un edificio moito máis monumental.
Pero a xoia do percorrido será a miña seguinte parada, a estancia de Santa Catalina. Para chegar ata alí fago os meus últimos trece quilómetros por unha pista de terra en non moi bo estado e sen núcleos de poboación que acompañen polo camiño. Santa Catalina é unha marabilla, tanto pola contorna natural como polas dimensións do seu conxunto monumental. Atopo a igrexa aberta, boto unha ollada e… aquí acaba a miña visita. O coidador do recinto confirma que a estancia non pode ser visitada xa que a familia propietaria (si, é de propiedade privada) está a pasar a fin de semana e non admiten visitantes. Dá igual que os horarios do folleto editado pola Agencia Córdoba Turismo e os propios horarios marcados nun panel diante da estancia digan o contrario. A “familia” ten prioridade e dá exactamente igual os esforzos deste turista e de moitos outros arxentinos para chegar ata aquí. Non me podo queixar moi en alto xa que os galegos temos casos semellantes como o do Pazo de Meirás. E mentres tanto a Administración fai como que non ve.
Aproveito para facer unha reflexión sobre certa complicación á hora de visitar as estancias xesuíticas polas diferenzas nos seus horarios de apertura e incidencias como a de Santa Catalina. Aconsello organizar ben no tempo a ruta a facer e informarse adecuadamente antes de comeza-la viaxe.
Xa é tarde e renuncio a visitar a última das estancias ao norte de Córdoba, a estancia de La Candelaria. Non é que non pague a pena visitar a estancia máis rural e serrana da ruta xesuítica pero o seu afastamento, a posibilidade de atopala pechada e o avanzado da hora determina que, cunha pequena decepción, desfaga o meu camiño cara ao sur para chegar a durmir a Villa Carlos Paz. Chego morto de sono e collo un hotel de bo aspecto e varias estrelas no centro da cidade. O tráfico barullento non me deixará descansar.
DIA 2
Érgome cedo para non ter que correr o resto do día. Son o único no comedor á hora de almorzar e o escaso bufete disposto sobre a mesa dáme a entender que tamén debo ser o único cliente da noite pasada. Villa Carlos Paz é un destino turístico relativamente importante para o mercado arxentino. Grupos en autocar, familias e xente senior que veñen gozar co aire da montaña, a facer excursións pola serra, e (atención!) a divertirse cos espectáculos humorísticos, de revista ou cabaré que animan as súas noites de verán austral. A tempada e moi breve, apenas os meses de xaneiro e febreiro, e eu xa chego un pouco tarde.
Saio a pasear e percorro a rúa principal e os tres teatros que destacan na vila. Vexo un anuncio do espectáculo Stravaganza no que a coñecida actriz Nacha Guevara, tamén famosa polo seu apego ao bisturí, parece máis nova que nunca. Os atractivos de VCP están limitados a dar un paseo pola beira do lago, subir no teleférico a un cumio veciño non demasiado alto, e sacarse unha foto na praza do reloxo de cuco xigante (ehh?). Porén, a rúa de paseo é bastante agradable e concorrida ofrecendo numerosas tendas e cafeterías.
Saio de Villa Carlos Paz e escollo o camiño máis longo, pola montaña a través das áreas menos poboadas. Síntome estupendamente cunha temperatura que rozan os trinta e moitos graos conducindo coa música a alto volume e circulando por estradas que soben e baixan pola montaña. San Antonio de Arredondo, San Clemente e algunha pequena aldea antes de chegar a Los Reartes son algunhas das poucas poboacións que vou atopando. O pavimento das estradas é magnífico, mellor co da circunvalación da propia Córdoba. As paisaxes virxes e as casiñas de bo gusto aló e acolá axudan a namorarme pouco a pouco do que vou vendo.
Vou bordeando o encoro de Los Molinos pola miña esquerda e despois de pasalo atopo unha primeira desviación que sinala La Cumbrecita cara á direita. Tento collela e aos poucos metros encontro un taxista que me recomenda dar a volta. É esta unha estrada infernal tan só apta para todoterreos. Moito mellor seguir uns poucos quilómetros e desviarse de novo cara á dereita por unha estrada asfaltada e en perfecto estado.
A La Cumbrecita costa chegar pero paga a pena. En 1934, a Familia Cabjolsky de orixe alemá asentouse neste lugar e fundou unha aldea que logo sería poboada por familias de orixe crioula e centroeuropea, adoptando un estilo construtivo alpino propio de Suíza ou do sur de Alemaña. Principio aparcando o coche xa que estou na primeira aldea peonil de Arxentina e dispóñome e pagar, si ou si, os 110 pesos arxentinos (sete euros) pola miña praza de aparcamento, de cumprimento obrigado a non ser que se estea hospedado na propia aldea. Seica estes cartos son destinados para a reciclaxe de lixo, tratamentos de augas residuais e outras melloras para os aproximadamente 1.000 veciños que viven maiormente do turismo.
Unha vez aparcado o coche, á entrada da ponte sobre o río os representantes de numerosos aloxamentos e restaurantes ofrecen descontos e transporte gratuíto ata aqueles establecementos que quedan fóra do circuíto peonil. De calquera xeito, a oferta dentro da propia aldea tamén é abundante. As vivendas teñen un pintoresquismo esaxerado, algo forzado, coa intención de facer lembrar as carcasas das casiñas dos reloxos de cuco.
O paseo habitual é un circuíto circular dunha hora e cuarto que chega ata a poza de La Olla. Outras sendas para coñecer diversos atractivos naturais permiten prolongar a estadía nesta bonita aldea de montaña. Nas proximidades, o Parque Temático Peñón del Águila invita a realizar actividades de turismo activo para toda a familia. A pesar dos numerosos visitantes, tendo en conta que é luns e fóra de tempada, La Cumbrecita faise moi agradable e invita a prolongar a miña estadía.
É moita a xente loura de trazos centroeuropeos que atende nos establecementos locais e que alimenta a crenza de que La Cumbrecita foi refuxio de militares nazis fuxidos despois da Segunda Guerra Mundial. A historia negra de La Cumbrecita que tamén se fai extensiva á Villa General Belgrano, a primeira cidade importante que encontramos baixando de novo ao val. Nesta cidade o acontecemento festivo máis importante do ano é a Festa da Cervexa…
La Cumbrecita é unha rareza que paga a pena descubrir. Un fenómeno turístico de recente creación e ben xestionado (360.000 visitantes por ano) que pode servir de guía para outros lugares do planeta.
Lamentablemente, teño que regresar a Córdoba e aproveito para facer unha parada no camiño e visitar a vila de Alta Gracia. A estancia xesuítica pecha os luns e tan só podo sacar algunha foto do exterior da igrexa de Nosa Señora da Mercé. Non importa, xa visitei esta estancia hai uns anos e podo recomendala perfectamente. Alta Gracia é ademais un lugar de escapada habitual para os cordobeses. Ademais da estancia hai que visitar os museos Casa del Che, Manuel de Falla e o de Arte Gabriel Dubois, tres famosos persoeiros que pasaron unha etapa da súa vida por estes lugares.