http://cidadanmundo.blog/2015/03/23/moscova-unha-cidade-dura/Marzo foi un mes completo. Da cidade de Córdoba en Arxentina paso, tras unha breve escala de menos de 48 horas en Santiago de Compostela, á capital de Rusia. Dos case 40º C austrais aos sete baixo cero cos que me recibe a noite moscovita a onde chego despois de varias horas de atraso ocasionado pola folga de controladores en Francia.
Sendo sincero…, ningunha destas cidades ocupa un lugar no meu corazón, non son sitios nos que perderme. Pero teño que recoñecer que o meu nivel de simpatía cara á Córdoba e Moscova mellorou un pouquiño neste último mes, no caso da metrópole arxentina polos seus arredores, e a capital imperial e bolxevique por que cada vez percibo un trato máis amable por parte dos seus habitantes. É máis, estou convencido de que Rusia será, en case todos os aspectos, un país como moitos outros europeos á volta dun par de xeracións.
Nesta miña oitava visita a Moscova andei curto de tempo e canso de corpo. As diferenzas horarias e térmicas con respecto á Arxentina leváronme de mal en peor. Fun coa boa intención de facer unha reportaxe sobre as estacións máis rechamantes e interesantes do metro, pero o meu corpo non paraba de pedir cama e repouso. A miña única visita foi ao Museo Reserva de Kolomenskoye, unha auténtica sorpresa tendo en conta que se atopa na mesma liña de metro (a liña 2 verde) e a tan só dúas estacións do hotel onde normalmente me aloxo.
-KOLOMENSKOYE-
Metro Kolomenskoye ou Kashirskaya na liña verde escura 2.
Aqueles que esteades a organizar unha viaxe non esquezades consultar o meu post anterior sobre Moscova Moscova I
Kolomenskoye é unha grande área de 256 hectáreas ao sur de Moscova en dirección ao aeroporto de Domodedovo. Facilmente accesible por metro, son dúas as estacións máis próximas: Kolomenskaya no caso de querer comezar pola Catedral da Ascensión ou polo museo ao aire libre de construcións de madeira traídas de toda Rusia, e Kashirkaya, punto de partida conveniente para os que estean máis interesados en ve-la copia do antigo pazo en madeira do Tsar Alexey. A visita ideal debería comezar baixando nunha destas estacións e despois de percorrer todo o parque saír pola outra. Eu fíxeno no sentido Kashirkaya-Kolomenskaya e coido que é o máis interesante xa que no caso de andar curtos de tempo permite prescindir da parte etnográfica do extremo oriental do recinto.
De calquera xeito son moitas as cousas a ver e hai que contar con medio día para facer unha visita a ritmo normal. Logo haberá que ir engadindo horas na medida que se queira ir máis de vagar, visitar as diversas exposicións que albergan algúns dos edificios ou parar para xantar nos diversos quioscos e cafeterías do parque.
En Kolomenskoye atopáronse ata tres antigos asentamentos que van dende 4.000 anos a.c. ata finais do século XI da nosa era aínda que estes atractivos “menores” pasan desapercibidos ante outros monumentos máis perceptibles.
Achego unha relación dos principais edificios no sentido da visita que eu fixen sen esquecer que Kolomenkoye ofrece moitos outros pequenos edificios espallados polo seu macro recinto:
PAZO DE VERÁN DO TSAR ALEXEY MIKHAILOVICH (S. XVII) coñecido como a “oitava marabilla do mundo” segundo o escritor Simeon Polotsky. Reconstrución bastante exacta do antigo pazo que serviu durante un cento de anos como residencia de descanso para a familia do tsar, así como para as cerimonias da corte e para a recepción de embaixadores. Unha auténtica xoia feita totalmente en madeira e mandada destruír posteriormente pola Emperatriz Catarina II A Grande. O edificio que se visita foi construído entre os anos 2007 e 2010 nun novo emprazamento libre de edificios históricos e a máis dun quilómetro da localización inicial. Divídese en dous metades que corresponden ás alas do tsar e os seus fillos varóns e a da tsarina e as súas fillas. Un interior recargado dunha beleza peculiar e moi diferente aos pazos reais que estamos acostumados a ver polo resto de Europa. Págase entrada por separado para cada unha das alas e tamén hai posibilidade de entrada conxunta.
A IGREXA DA DECAPITACIÓN DE SAN XOÁN O BAUTISTA construída a mediados do século XVI. Pechada durante a miña visita.
A IGREXA DA ASCENSIÓN, prototipo das igrexas piramidais de planta poligonal e numerosos pequenos tellados que rematan nunha torre aguzada, propia dos séculos XVI e XVII en Rusia. Declarada Patrimonio da Humanidade, conta a lenda que foi mandada levantar polo Príncipe Vasily III para celebrar o nacemento do seu fillo, o que logo sería coñecido como Iván o Terrible. Pechada durante a miña visita.
A IGREXA, CAMPANARIO DE SAN XURXO e a TORRE DA AUGA (S. XVI e XVII). Tres edificios exentos arredor da Igrexa da Ascensión. Pódese entrar na igrexa de San Xurxo pero non ten excesivo interese.
PAVILLÓN DE HÓSPEDES. Único edificio que se mantén en pé do antigo pazo da Emperatriz Catarina A Grande utilizado hoxe en día para cerimonias solemnes e exposicións.
RECINTO DO PAZO DE CATARINA II A GRANDE e IGREXA DE KAZÁN. A emperatriz Catarina deu orden de demoler o pazo de madeira do Tsar Alexey debido a que a corte xa se trasladara a San Petesburgo e o edificio ofrecía un aspecto inadecuado. O seu novo pazo tamén foi construído dentro deste recinto e destruído durante a guerra con Francia en 1812, para logo ser reconstruído de novo e desmantelado definitivamente a finais do século XIX. Hoxe podemos ver as portas frontais e traseiras así como algúns edificios adxacentes utilizados como museos. A igrexa de Kazán funcionaba como capela do pazo do Tsar Alexey (non esquezades que este foi o emprazamento orixinal do impresionante pazo de madeira) co que estaba comunicada por un pasadizo elevado. No seu interior respírase unha gran atmosfera relixiosa e os domingos está ateigada de devotos visitantes. Non hai que pagar.
EXTRA MUROS. No exterior do recinto do pazo hai dúas construcións en madeira, ambas pechadas durante a miña visita. A casa de Pedro I, único museo en Moscova en memoria deste tsar, foi levantada en 1702 na illa de San Marcos no río Dvina e posteriormente desmontada e trasladada a Kolomenskaya. Pedro I viviu nela unicamente dous meses mentres supervisaba a construción do Forte de Novodvisky. A uns poucos metros ao sur levántase unha antiga granxa dedicada ao coidado das abellas e á produción de mel.
CENTRO ETNOGRÁFICO. Serie de edificios en madeira traídos dende diversos puntos de Rusia. Na parte sur e no momento da visita tan só estaban abertos ao público a vivenda dun paisano e o obradoiro dun ferreiro. Visitar a vivenda é moi interesante xa que permite coñecer como vive a Rusia rural e desmitificar as malas condicións que o frío nos fai pensar, ofrecendo interiores moito máis dignos do que é esperable. O obradoiro é en vivo e pódese ver o traballo do ferreiro en directo. Na parte norte levántanse tres grandes torres en madeira pertencentes a outros tantos edificios do país e a Igrexa do Gran Mártir San Xurxo o Vitorioso importada dende a rexión de Arkhangelsk. Estes últimos edificios abren en primavera e verán pero son totalmente visibles dende o exterior o resto do ano.
Kolomenskaya ofrece pasar un día moi agradable, como un día no campo pero cunha morea de edificios sorprendentes e a pouca distancia uns dos outros. Por suposto recomendo que sexa incluído na primeira visita a Moscova sen ter que esperar a unha oitava vez coma foi no meu caso. E se o paseo pode facerse en domingo para ver as familias moscovitas gozando dun día de relax pois moito mellor.
Para máis información ver links Moscova I e Moscova III