Cando se viaxa a Moscova é de obrigado cumprimento facer unha escapada a unha ou a varias das cidades do chamado Anel de Ouro (Golden Ring). Visita que por outra banda case seguro se terá incluída no caso de viaxar cun paquete organizado.
Golden Ring é o nome para unha serie de vilas e cidades de diferente tamaño que se espallan cara ao nordés de Moscova, nunha zona especialmente fértil que facilitaba o asentamento do pobo rus e o nacemento destes núcleos de poboación. Son cidades que xogaron un papel importante na historia de Rusia a partir da Idade Media e, ao mesmo tempo, auténticos museos ao aire libre que ofrecen unha morea de vistosas igrexas, mosteiros e catedrais “de postal”.
As cidades están relativamente próximas entre si e forman un anel irregular de xeito que se pode ir pasando dunha a outra ata volver ao punto de inicio. No caso de visitalas no sentido das agullas do reloxo o percorrido debería pasar nesta orde por Sergiev Posad, Pereslavl Zalessky, Rostov Veliky, Yaroslavl, Kostroma, Ivanovo, Suzdal e Vladimir, podendo engadir outras vilas máis pequenas a escasa distancia dalgunha destas poboacións pero xa fóra do percorrido circular. Sergiev Posad é o destino máis próximo a Moscova, a tan só 69 km, e Kostroma o máis afastado a unha distancia de 340 km. Ademais, Sergiev Posad, Yaroslavl, Suzdal e Vladimir gozan da declaración de Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco.
Visitar todas as cidades pode ser unha actividade un tanto esgotadora xa que supón dedicarlle varios días e ao final a oferta de igrexas e conventos remata sendo semellante e confusa. Despois de interrogar a moitos dos meus interlocutores rusos cheguei a conclusión de que, no caso de ter que escoller, as catro cidades Patrimonio da Humanidade son as máis interesantes (moi lóxico!). Ademais, a clase alta moscovita está a comprar en Suzdal nestes últimos anos propiedades para seren rehabilitadas, e esa é a razón pola que moitos dos rusos inquiridos por min a escolleron entre todas como o seu destino preferido no Anel de Ouro (estamos a falar dun pobo moi clasista).

Mapa das cidades do Anel de Ouro. Pode haber lixeiras variacións nos nomes ao transcibir a grafía do cirílico á grafia latina
Con todo, eu decidinme por Vladimir. Ir a Suzdal obrigábame a viaxar ata Vladimir para logo seguir nun autobús, e andaba curto de tempo. Por outra banda xa coñecía Sergiev Posad, e Vladimir ten o valor engadido de ser a primeira cidade do Anel a 180 km de Moscova no sentido inverso ao das agullas de reloxo. Ademais Vladimir está moi ben comunicado por tren grazas ás numerosas frecuencias ao día que parten da estación moscovita de Kurskaia con destino final na cidade de Nizhniy Novgorod.
Tamén decidín mercar dende España o meu billete de ida e volta a Vladimir a través da útil web de Russian Rail. Por un importe aproximado de 22 €, uns dez euros máis que o prezo real, recibín unha confirmación en poucas horas coa que achegaban os billetes electrónicos en ruso e inglés. Non é que me guste pagar de máis pero ter que achegarseáa estación para reservar con antelación tamén supón un desgaste e, sobre todo, conseguir entenderse con persoal que descoñece o inglés e incluso o alfabeto latino pode ser traballoso.
O día da excursión vou con certo medo a que o revisor do tren me poña algún impedimento ou que me diga que o billete non é válido. Todo o contrario, funciona perfectamente. Tamén quedo sorprendido coa comodidade dun tren de estándares occidentais e unha velocidade media que chega acadar os 155 km/hora nalgúns tramos curtos. Coido que é aconsellable reservar con tempo xa que durante a miña viaxe comprobo que os vagóns van case cheos á ida e totalmente ateigados na viaxe de volta. Nunha hora e 45 minutos estaba en Vladimir.
Malia que non fai tanto frío coma noutras ocasións en Rusia, é suficiente para que me faga procurar refuxio de cando en vez. O río Klyazma parece unha chaira conxelada e cando a brisa sube polo outeiro arrefece o ambiente.
Vladimir, sobre un outeiro e á beira do río, é unha cidade que supera os 300.000 habitantes, pero parece máis pequena e as distancias fana cómoda para camiñar xa que as moles residenciais da época comunista permiten que sexa moita a xente que vive próxima ao centro da cidade. A súa parte histórica e os seus monumentos máis salientables son facilmente recorribles a pé. De calquera xeito hai que contar que a escapada a Vladimir dende Moscova, entre a viaxe de ida e volta e o tempo de visita, vai supoñer unha xornada completa.
A cidade foi fundada a finais do século X e o seu momento de gloria chegou cando o Príncipe Andrés Bogolyubskiy decidiu trasladar aquí a capital do país; e aquí permaneceu durante outros douscentos anos. Ao longo da súa historia ten pasado por períodos de gloria e destrución pero sabendo manter as súas construcións en bastante bo estado de conservación para goce dos viaxeiros deste tempo. Actualmente os gobernos federal, rexional e municipal están a investir millóns de euros para a posta a punto do distrito histórico.
Tres edificios do seu amplo patrimonio teñen a declaración da Unesco: a Porta de Ouro e as Catedrais de San Demetrio e da Asunción. Pero Vladimir ofrece moitas outras construcións relixiosas (algunhas espectaculares) así como museos, galerías e teatros.
Grazas a andar ás presas conseguín visitar absolutamente todos os edificios de interese marcados nos mapas turísticos pero deixando algúns museos e edificios menores para outra ocasión. Fixen dúas excepcións: a Exhibición “Vladimir Vello” que ocupa un antigo depósito de auga do S. XIX e axuda a coñecer a forma de vida destas frías terras; e un pequeno museo no andar superior da Porta de Ouro onde a través dun sinxelo, e un tanto naíf, xogo de luces relátase nun inglés case inintelixible a resistencia e posterior conquista de Vladimir por parte de mongois e tártaros.
A cidade paga a pena ser gozada de vagar pero independentemente do tempo dispoñible hai que achegarse a coñecer os tres edificios de referencia.
A Catedral de San Demetrio é unha construción relativamente pequena da que se descoñece a súa data de fundación xa que non aparece apuntada en ningún documento da época. Dáse por sentado que foi cando a icona de San Demetrio de Salónica foi trasladada a Vladimir no ano 1197. O edificio cobre as súas fachadas con perfectos e misteriosos traballos en pedra. Misteriosos por representar, segundo os folletos turísticos, ata 1.000 figuras de leopardos, leóns, centauros e decoracións exóticas. Descoñécese o motivo de incluír tal número de baixorelevos de inspiración non cristiá. San Demetrio é unha xoia marabillosa en perfecto estado de conservación.
O edificio orixinal da Catedral da Asunción foi destruído nun incendio a finais do século XII e construída de novo a continuación. Esa catedral en pedra braca soubo resistir o tempo e incluso os ataques mongois e tártaros para converterse na protagonista de Vladimir, e é por esa razón que levantaron unhas letras xigantes coa lenda EU AMO VLADIMIR para lembranza fotográfica dos visitantes. É nesta catedral onde foron coroados os antigos príncipes rus incluso algún tempo despois de que a capital fora trasladada a Moscova. Ademais ten o honor de albergar a icona da Virxe de Vladimir amplamente venerada polos ortodoxos rusos. O campanario exterior e a capela de San Xurxo son os dous únicos engadidos ao edificio orixinal.
A Porta de Ouro é dende o meu punto de vista o menos impresionante dos tres edificios. Construída no século XII para emular a outras portas semellantes nas cidades de Xerusalén, Kiev e Constantinopla soubo resistir o ataque mongol pero tivo que ser restaurada e reformada en tempos de Catarina A Grande debido ao seu deficiente estado de conservación.
O paseo pode seguir durante horas pero son moitos os edificios que chaman a atención. Non podo esquecer a igrexa de Nikita O Mártir. A pesar de non poder visitar o seu interior,a súa deteriorada fachada de ladrillos pintados en verde mesturada coas cúpulas douradas convértena nunha construción fantástica máis propia dunha película da factoría Disney.
Vladimir é unha cidade con monumentos máis que unha cidade monumental pero, ao mesmo tempo, unha visita totalmente recomendada e complementaria á que se poida facer ao conxunto monástico de Sergiev Posad. A medida que vaia coñecendo outros destinos do Anel de Ouro ireivos informando.